Teño enriba da mesa de traballo estes días varios dos libros clásicos que, dunha maneira xa moi anticipada ao seu tempo, debuxaron sociedades cun futuro máis ou menos mecanizado, automático e hiperconectado, distópico, e claramente inquietante. Algúns deles son “Un mundo feliz”, de Huxley, “1984”, de Orwell, e “Fahrenheit 451”, de Bradbury. Foron publicados respectivamente en 1932,1949 e 1953, nun contexto ben diferente ao actual, pero apuntando xa maneiras... Hai moitos máis, pero se tivese que quedarme con tres, estes son para min os máis significativos, por razóns diversas, e desde logo por seren todos eles, sen dúbida, obras mestras. Ao tempo, neste espazo soa tamén música á hora de escribirlles estas liñas. E neste momento o que escoito e está a chamar a miña atención, como tantos centos de veces anteriormente, é a peza “Winds of change”, da banda alemá Scorpions, que nos conta unha historia que ten que ver con aqueles tempos de “glasnost” e “perestroika” non tan lonxe. Días non exentos de incerteza, pero onde o motor de case todo era a esperanza nun mundo mellor, e tamén a vontade de conseguila. Nada que ver coa evolución nos últimos tempos de moito do que acontece naquelas latitudes ás que fai referencia a peza musical. Tal esperanza foi hoxe substituída polo medo... Ou polo horror da guerra. Ou polo absolutismo disfrazado de democracia, sen disidencia e onde, como en “1984”, a Historia reescríbese cada día segundo lles interese aos que mandan.
Os tempos das utopías parece que xa non lles interesen ás persoas. Estas, sumidas nunha cultura cada vez máis baseada nas experiencias cotiás, a curto prazo e ao redor dun mantra cada vez máis parecido ao máis básico “sálvese quen poida”, foxen moitas veces de todo o que soe a complexo ou abstracto, pero tamén do compromiso ou da construción dos espazos e as lóxicas colectivas. Pola súa banda a política, levada ás máis baixas cotas de reputación social e de sentido de Estado por enriba dos intereses das organizacións partidarias e partidistas, tampouco ten a capacidade de ilusionar á sociedade, de articulala e de expresar ese horizonte absolutamente necesario, utópico pero inspirador, que as persoas precisamos para mellorar o noso desenvolvemento individual e de grupo. E a espiritualidade, no senso máis amplo, tampouco está no seu mellor momento. Xa hai tempo que se viron demasiado as costuras de moitos dos que, pontificando sobre o amor fraterno, estaban en realidade apegados a intereses máis terreais...
Con todo, en boa medida estes son tempos de naufraxio e orfandade, de certa perda dos referentes e do horizonte colectivo, ou ás veces incluso de renuncia a el. Pero, ao tempo, non hai que esquecer que vivimos no mellor tempo da Historia desde moitos puntos de vista. Das liberdades individuais, por exemplo, aínda que estas moitas veces constrúense desde a indiferenza, e non do respecto. E tamén doutros aspectos da protección social, importantes para que as sociedades teñan éxito en termos de convivencia, minimizando a posibilidade de deixar a alguén á marxe. Hoxe, malia a existencia de moitos problemas e carencias, unha mirada atrás sirve para devolvernos, en certa medida, a fe nestes tempos líquidos e posmodernos, que dicía Baumann, termos que eu moitas veces recordo nesta palestra. Ouviron vostedes falar da “Ley de vagos y maleantes” -a chamada tamén “Gandula”-, reformada polo franquismo en 1954 para represaliar a diversidade no respecto á identidade persoal e sexual? A mesma, derrogada no 1970, tivo continuidade case nos mesmos términos na “Ley de peligrosidad y rehabilitación social”, que por fin terminou o seu percorrido en 1995, despois dunha profunda revisión en 1978, xa en democracia. Pois todo iso foi hai catro días, e xa ven o camiño andado... Con nubes, ameazas e visos de retroceso moitas veces, pero cun panorama que non ten nada que ver... O mesmo que aconteceu no tocante á loita pola igualdade das mulleres, ou noutros eidos. Quizá hoxe falla a utopía, si, pero non sei se pola inercia da que houbo hai tempo pasos se deron, moitos e moi bos. Pero agora a utopía, onde está?
Falla a utopía porque a filosofía está menos presente na nosa sociedade, explícita ou implicitamente. Tamén o pensamento crítico. Hai quen non le, e que ademais te explica con naturalidade que non ten necesidade de coñecer as ideas, as solucións, os medos, as lóxicas, as teorías ou os problemas de quen moito tempo antes que el se enfrontou a cuestións parecidas ás que agora tal persoa vive. Hai quen non socializa, e entende a vida unicamente como o que recibe a través dos seus sentidos, sen máis. E hai quen ignora, evita ou deosta o coñecemento, e actúa á marxe del, aínda por riba intentando convencer aos demais de tolemias varias que, vía aceptación e celebración dun número de persoas suficiente, convértense en algo simpático, en tendencia ou... incluso en “pseudociencia” ou en feitos para algúns ao mesmo nivel que rigorosos desenvolvementos segundo o método científico.
Falla a utopía, si, e o distópico crece e se multiplica. Pronto será xa imposible distinguir unha imaxe ou un vídeo real ou producido coa intelixencia artificial. Hai quen di que isto “mola”, e seguro que ten moitas aplicacións ben interesantes... Pero, é a sociedade consciente do que isto significa, en termos en distopía, de control ou de moito do que aparece nos libros máis inquietantes sobre ese futuro que cada vez se parece máis ao noso presente? Fíxense que xa case todos andamos con dispositivos -moi útiles, si-, que implican control, cesión da privacidade ou illamento nas de forma paradoxal chamadas “redes sociais”... Ou que a información xa se distribúe mediante opacos algoritmos, mesmo influíndo nos procesos electorais... Continuarán concentrando o poder os que xa son os máis poderosos, donos de tecnolóxicas e creadores de “posverdade” orwelliana? Quo Vadis, Homo Sapiens Sapiens?
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”