Na vida hai dous tipos de problemas: os importantes, que son moi poucos, e logo unha verdadeira morea de cuestións abafantes, recorrentes e insidiosas, pero de corte menor, que asolagan moitos dos momentos importantes da existencia tanto a nivel individual como colectivo. E que, por moi importantes que lles parezan a vostedes certas teimas das que todos falan, relacionadas mesmo coa organización do Estado ou con moitos dos aspectos da Economía, todo iso -e sei que non é doado chegar a sentilo así moitas veces- non deixa de ser menor... Comparado, claro está, co máis crítico...
Non están de acordo? Pois déixenme argumentar, queridos e queridas. Porque a verdade é que todo o que consideramos a nosa realidade máis sólida non deixa de ser un conxunto de capas de cebola asentadas de forma máis feble do que cremos sobre o que realmente importa. En absoluto e non suxeito a puntos de vista, porque non depende só de nós. É fácil visualizalo no eido da saúde persoal e colectiva, por exemplo. Podes atesourar moito ou facer os negocios máis audaces e feiticeiros, que un microbio ben pequeno pode complicarte en calquera momento a vida ou, incluso, quitarcha. Pero aínda por baixo da capa tan básica que é o benestar físico e mental hai cousas máis elementais aínda, e tamén máis críticas. Un tremor de terra severo, por exemplo, pode dar ao traste de forma fulminante con toda a especulación humana tecida durante séculos nunha determinada zona, ou con calquera outro tipo de proxecto persoal ou colectivo. E, da mesma forma, teñen tal capacidade os incendios de colosais proporcións que xa se empezan a ver no planeta, ligados a elementos de cambio climático. Ou outros moitos axentes de natureza telúrica ou cosmolóxica, dos que de ningunha maneira estamos protexidos...
Pero, sen chegar a tales desastres, hai pezas das que dependemos para o noso desenvolvemento vital normal, e que tampouco controlamos. Hoxe refírome a eles, coa sensación de que a recente pandemia de Covid-19 non deixou pegada dabondo na nosa perspectiva vital, co cal a aprendizaxe que podería terse producido a partir dela tampouco foi completa. Volvo ao tema da saúde e ao do cambio climático. Se sumamos ambas cousas, xurde na ecuación un escenario que podería ser inquietante. Titulo o artigo “oropouche” porque hai días tivemos a constancia da notificación en Galicia dun caso importado de dita enfermidade, pero ben podería ter posto “febre hemorráxica Crimea-Congo”, “dengue”, “chinkunguya”, “bilharzia” (Esquistosomiasis Mansonii) ou outros diferentes nomes, estranxeiros pero cada día van estar máis na nosa boca.
Non se trata de preocupar ás persoas pola perspectiva da chegada xa de patoloxías vinculadas tradicionalmente a zonas moito máis quentes ca nosa, vía o cambio climático. Pero si hai que ocuparse diso, e máis que os particulares -que tamén-, sobre todo as administracións con competencias en ditos ámbitos. Non digo que non o fagan desde moitos puntos de vista, nin moito menos, pero si que quizais deberían incluír na súa comunicación moitos dos feitos que xa están aquí, e dos que desde o meu humilde entender non se fala o suficiente.
Saben vostedes como están os nosos montes inzados de carrachas? Pois ese é un vector que pode levar aos humanos, como fai xa, a múltiples patoloxías, algunhas de alta letalidade. Fíxense, por exemplo, na evolución no referente á “Ixodes Ricinus”, ou carracha común do país, que xa ten hai tempo capacidade de transmisión de diferentes infeccións, coma a “febre botonosa” ou, tamén, a contaminación pola bacteria “Borrellia Bugdorferi”, producindo a coñecida como “Enfermidade de Lyme”, patoloxía antes existente só na franxa mediterránea -e máis cálida- do país, pero que xa hai tempo que atinxe tamén á nosa comunidade. Falando cunha entregada e traballadora facultativa de Atención Primaria dicíame que o número de casos que ela e os seus colegas ven agora vai en claro aumento. E penso hoxe, mirando ao mar, que non hai unha axeitada e clara instrución á poboación xeral en termos de prevención, que sempre será máis efectiva e barata que a abordaxe da patoloxía xa producida.
Pero, falando de carrachas, a máis inquietante non é a carracha común. A “Hyalomma Marginata”, da que lles alertaba hai tempo e que xa andaba polo Bierzo despois de ter producido unhas cinco mortes cuantificadas en Castela, deu tamén o salto xa á nosa comunidade. Recentes estudos, segundo contábannos os medios hai semanas, mostran unha importante penetración desta carracha invasora non só en fauna salvaxe, senón en animais de granxa. Non sei se saben que a “Hyalomma” é o vector que transmite a infección vírica de “Crimea-Congo”, febre hemorráxica grave na liña do máis soado “Ébola” ou da Febre de Marburgo. Todas elas estaban circunscritas hai nada a zonas de África Subsahariana pero hoxe, nesta “Galifornia” que desgraciadamente está tocándonos comezar a vivir coa ledicia irresponsable ou ignorante de moitas persoas pouco ou mal informadas, dan os primeiros pasos para progresar cara a nós con éxito.
E que me din da malaria? Esta foi controlada e eliminada aquí hai moito tempo pero... igual que chegou o “mosquito tigre” ou os responsables do dengue, do “zika” ou do “Chikungunya”, aqui a teremos de novo. E sei en primeira persoa, amigos e amigas, que tal enfermidade pode chegar a ter efectos complexos nas vidas das poboacións onde o risco de contraela é importante. Non, non é ouro todo o que reloce na nova configuración climática que nos espera...
O sol e o calor non saen gratis, queridos e queridas. Implican moita maior exposición a problemáticas ata o de agora alleas a nós, pero que lles complican a vida desde hai moito tempo a xentes doutras latitudes coma vostedes e coma min, pero aínda por riba con moitos menos recursos... Polo que a min respecta, teño claro que todo iso constitúe un dos problemas verdadeiramente importantes. Deses aos que a sociedade tenlles que mirar á faciana e, dando o mellor de cada un, trazar plans ben axustados. Dos que deberían falar a diario todos os medios de comunicación. Pero non, aquí os temas son os de sempre: a “partitocracia” e as súas veleidades e o fomento das experiencias do individuo, xa relegado unicamente a consumidor pasivo, fronte ao que teña que ver co fomento dunha convivencia real e dunha sociedade verdadeiramente en camiño. Non, aquí o camiño é só o de Santiago, en clave de lecer e de consumo... E do outro... nin res... Ou moi pouca cousa... Que mágoa...!