Orgullo

Coa chegada da conmemoración da revolta de Nova Iorque que marcou o 28 de xuño como día de reivindicación dos dereitos LGTBQI+, hai quen insiste en cuestionar tal celebración explicando que non hai un día do orgullo “hetero”... De verdade pode non entenderse o dano que fai tal tipo de afirmación ao máis elemental enfoque de dereitos? Ou hai outro tipo de consideracións detrás, que teñen menos que ver coa realidade LGTBIQ+ que cou outros intereses espurios? ...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 26/06/2024

Comparte esta noticia
Cada certo tempo, amigos e amigas, oio que alguén se pregunta en voz alta por que ten que haber unha data específica para chamar a atención sobre as reivindicacións propias e a situación do colectivo LGTBIQ+. E isto é especialmente significativo nestes días do mes de xuño, cando se aproxima un novo aniversario da revolta do “pub” Stonewall de Nova Iorque. Xa saben, aquela liorta iniciada un 28 de xuño, onde unha comunidade gay cansa dos abusos desde instancias oficiais lles plantou cara e, a partir de aí, propiciou un novo paradigma moito máis aberto no país e, por extensión, no mundo enteiro... Algo que non foi o único chanzo entre a previa situación de marxinación e a nosa sociedade de hoxe, pero que marcou un fito moi importante.
 
Ás veces tal tipo de reflexións cuestionando esa data xorden directamente do ámbito da política, mentres que noutros casos isto vén desde colectivos ben diversos. Pero sempre teñen o denominador común de presentar que “non hai un día da heterosexualidade” (sic) ou que “esas son cousas que pertencen á esfera privada de cada quen”. Se lles parece, imos dedicar un anaquiño a comentar por que, moi lonxe desas posicións, son dos que pensan que hoxe, como nunca, é moi importante seguir perseverando na procura dun mundo máis diverso, máis respectuoso coas diferenzas e moito máis inclusivo.
 
Creo que unha boa forma de entender o motivo de tal necesidade é ollar con atención á sociedade. Á de hai anos e á presente, en diferentes lugares.  E é evidente que moitas cousas mudaron nas últimas décadas no noso contexto, e moi especialmente nos últimos anos. Pero non deixa de haber, por outro lado, reportes que nos falan de manifestacións e accións homófobas, delitos de odio e episodios máis ou menos violentos que teñen no punto de mira a persoas do colectivo LGTBIQ+. É como se a sociedade, como noutros ámbitos, avanzase nun camiño de maior polarización ao mesmo tempo que no enfoque de dereitos, de forma que xunto cun máis decidido respecto á diversidade agromasen diferentes reaccións virulentas contra ela. Pero se esa é a realidade no noso país ou naqueles cun grao de desenvolvemento similar no eido das liberdades individuais, noutros contextos esta é radicalmente distinta, e moito peor. Pensen que hai moitos países onde, cando tes a oportunidade de falar destas cousas, explícanche que alí non existen, que lles son alleas... Tanto como podiamos pensar que o pretendían ser na España tardofranquista ou da transición, onde a homosexualidade -hoxe, a realidade LGTBIQ+ que inclúe o xénero fluído e as diferentes realidades persoais- era directamente condenado a ser algo marxinal. E non, non lles falo de ouvido nesa apreciación máis global. Coñecín persoalmente algunhas realidades hai algúns anos, en África e en América, onde ser activista a prol dos dereitos humanos era verdadeiramente perigoso. Risco que, en particular, se incrementaba se o obxecto das túas reivindicacións eran os dereitos LGTBIQ+. Alí fun quen de tratar a diferentes persoas -homes e mulleres- que moitas veces viron as súas vidas magoadas ou incluso truncadas desde instancias oficias dos estados, ante a pasividade xeral ou aínda co desprezo do resto da sociedade ou mesmo das súas familias... Terrible...
 
É por todo iso que hai que seguir explicando á sociedade como a posta en valor do respecto ás diferenzas entre as persoas é, precisamente, o que nos iguala. Porque só con dereitos iguais cada quen pode vivir a súa vida plenamente, e a partir de aí aportar á construción da esfera colectiva en igualdade de condicións. Algo que foi propiciado pola apertura no noso país desde a aprobación do matrimonio igualitario para todo tipo de parellas, e que marcou claramente un antes e un despois en materia de dereitos das persoas. Unha ampliación da esfera xurídica do particular, que aportou tales dereitos e que non menoscabou as posibilidades de ninguén... Ese é o camiño de facer unha sociedade mellor, moito máis inclusiva e máis aberta.
 
Pero ese é un proceso no que un certo risco de involución sempre está presente. E ás veces simplemente como forma de marcar diferenzas, quizá para darlle notoriedade a novas marcas electorais que venden apego a supostos valores moi fóra do enfoque de dereitos,  ou da man de persoas que buscan rachar co socialmente aceptado para vender o seu propio fume en redes sociais. E é aquí onde eu inserto tal tipo de reflexións ás que me refería ao principio: “Por que un día dos gais, se non o hai dos heteros?”. Pois precisamente porque ninguén morreu por ser “hetero”, porque a ninguén lle amargaron a súa xuventude por iso, ou porque a ninguén lle magoaron ou tivo que renunciar a tanto por iso mesmo. Tamén porque ninguén tivo que agochar os seus sentimentos por tal cousa, e porque ser “hetero” non foi nunca un factor de pobreza ou de exclusión. Precisamente porque a realidade LGTBIQ+ do tempo dos nosos avós ou dos nosos pais foi moi difícil é preciso seguir apostando polo respecto, polo coidado ás diferentes sensibilidades e condicións dos que veñen detrás e por unha sociedade mellor en termos de apertura, diálogo e inclusión, por manidos que lle poidan parecer a algunhas persoas tales termos, que sen embargo teñen moito significado cando os expresamos pensando en persoas e realidades concretas, como lles digo que coñecín.
 
É por iso que hoxe, mirando ao mar, reivindico o Orgullo do próximo 28 de xuño, por moito que eu non participe e por moito que non me sinta representado por boa parte do que no seu paraugas acontece. É igual. A esencia de todo iso é reivindicar a diferencia como parte da igualdade, e niso si que penso que hai que pechar filas e, desde unha perspectiva democrática e cidadá, velo como algo moi valioso, que temos que conservar, fomentar e do que todos, “heteros” e persoas LGTBIQ+ temos que estar moi orgullosos...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

A bandeira LGTBI durante unha manifestación centrada no colectivo trans
A bandeira LGTBI durante unha manifestación centrada no colectivo trans | Fonte: A. Pérez Meca - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.