Teño que dicirlles que sinto pena por ter tardado uns poucos días máis do habitual en xerar esta nova xanela de comunicación con vostedes. Pero o certo é que a razón foi poderosa e quero tamén contárllela. Así comparto aquí o que me parece unha historia chea de interese para calquera, polos múltiples vimbios que entrelaza, pola súa capacidade transformadora da realidade e polo que implicou en termos de coñecemento, pero tamén de moito máis... Unha realidade na que a Matemática está moi presente, pero tamén a Historia moderna, a Lingüística, a Socioloxía e... os comezos do que moito máis tarde se chamou Informática.
O caso é que andei bastante ocupado durante uns cantos días, visitando cun bo amigo diferentes institutos de ensino secundario, todos eles moi queridos para min por ter impartido algún curso neles. Este é Germán Sáez, profesor de Matemáticas na Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade Politécnica de Cataluña, doutor en matemáticas e investigador e autor de múltiples traballos na materia de criptografía. Houbo tempo tamén para que el, previamente, visitase a homóloga Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e para que, despois da xira polos centros escolares de secundaria e bacharelato, aínda recalásemos no fantástico Muncyt de A Coruña. En todos estes lugares a proposta foi a de coñecer un pouco máis sobre o proceso de encriptado e desencriptado da máquina Enigma, coa que un día os nazis sementaron o caos nos campos de batalla, ao utilizaren a mesma nas súas comunicacións de guerra. E a verdade é que as súas charlas espertaron moito interese, o cal rememoro agora, na tranquilidade mirando ao mar e falando con vostedes...
Germán, a partir de sinxelos prototipos de máquinas Enigma que utilizan o mesmo esquema de codificación que a orixinal, aínda que un tanto simplificadas, foi quen de explicar de forma amena, divertida e tamén rigorosa cal foi a verdadeira razón pola que este aparello -catalogado moitas veces como máquina diabólica pola súa complexidade no proceso de encriptación- trouxo de cabeza ás tropas aliadas e particularmente ás inglesas durante moito tempo. Na conferencia tamén puxo en valor o traballo desenvolvido desde as instalacións do Servizo Segredo Británico en Bletchley Park, onde unha morea de persoas intentaron plantar cara á intelixencia de Enigma, e conseguírono.
Foi preciso para iso, xa nos anos corenta, poñer en marcha o que hoxe é considerado o primeiro ordenador ou computadora da Historia, dous anos antes que a posta en servizo do famoso ENIAC da Universidade de Pensilvania, que antes da descatalogación de diferentes documentos segredos tiña o honra de ser considerada a primeira máquina dese estilo. Non, os ingleses que traballaron no proxecto de desencriptar Enigma terminaron construíndo o Colossus, de Flowers, unha versión moi mellorada das coñecidas como Bombas de Turing, coa que a grande vantaxe de Alemaña nas súas comunicacións ata entón inintelixibles foi neutralizada, adiantándose así a fin da guerra e producindo un notable aforro no sufrimento e na perda de vidas humanas.
Falar da carreira por derrotar a Enigma é facelo da historia de Alan Turing, e tamén de moitas más persoas. Pero, sobre todo, de moitas mulleres, que pelexaron con lapis e papel contra o dominio de Hitler, buscando patróns básicos nas comunicacións dos nazis ou intentando facer iteracións nos procesos para conseguir o obxectivo. Calcúlase que ata oito mil persoas estiveron involucradas no proxecto, cun setenta e cinco por cento delas mulleres, nunha época na que a presenza delas na ciencia e na tecnoloxía era case completamente invisible a os ollos da sociedade. Un verdadeiro logro que só co paso das décadas foi coñecido finalmente en toda a súa magnitude... Pero unha historia tamén moi agridoce, xa que o propio Gordon Brown, sendo Primeiro Ministro do Reino Unido, tivo que recoñecer moito tempo despois o mesquiño trato que se lle deu a Turing, sempre acosado e coa súa vida esmagada pola rexeitamento ao que foi sometido a partir da súa homosexualidade. Non esquezan que, tanto tempo despois, a el se lle aplicaron as mesmas leis en vigor coas que se damnificou e vilipendiou, por exemplo, a Oscar Wilde... Ayyssss... E é por iso e polo tema da desigualdade entre mulleres e homes que a nosa teima neste periplo foi tamén de activismo, reivindicando respecto á diversidade e un paradigma moito máis inclusivo de verdade.
Pois xa ven, en todo iso andamos argallando estes días, cunha parte de obradoiro práctico que non deixou a ninguén indiferente. A rapazada escoitou, participou e penso que o desfrutou, e ademais foi quen de interpretar a mensaxe agochada no texto que se lles presentou, e tamén de cifrar por se mesmos outras palabras... E, miren por onde, de coñecer un anaco da Historia que xamais deberiamos esquecer, e máis hoxe que triunfan versións deformadas de case todo, puro relato, e en especial de contos totalitarios de líderes caducos, contrarios aos dereitos humanos máis elementais, cuxas propostas parecen que seguen seducindo a máis de catro...
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”