Cando a literatura ten outras finalidades

Un amigo agasállame cunha fotocopia dunha carta asinada por min en papel oficial da Asociación Cultural de Vigo da que eu era secretario executivo naquela altura (novembro de 1970). Estaba dirixida ás tres asociacións culturais galeguistas convocándoas a unha xuntanza para propoñerlles a creación dun premio literario cunha dotación económica importante para o tempo. Asi empezou a miña actividade de fomento da literatura, cando non había outros medios para galeguizar.

Por Xosé Glez. | Redondela | 15/02/2025

Comparte esta noticia
Máis tarde, en 1981, xa sendo funcionario do Concello de Redondela, propúxenlle ao goberno municipal crear un premio de novela longa co nome de “Blanco-Amor”. Foi a primeira experiencia de mancomunidade cultural na historia da administración local do noso país. Cincuenta e catro concellos con cadansúa achega materializaron o proxecto.
 
Co paso do tempo acabei convencido de que o fomento  da lectura de obras literarias non eran os mellores medios para avanzar na conquista de novos espazos para a lingua galega. Os datos estatísticos non menten: os índices de lectores son moi baixos. Vou enumerar algunhas das accions desenvolvidas.
 
En 1991, cando a Asociacion de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) empezou en solitario a fomentar a lingua galega nos usos xurídicos e xudiciais con medidas programáticas que resultaron ser eficaces, botou man da literatura como reclamo publicitario. Foron colaboracións escritas expresamente para darlle máis visibilidade ás transformacións que se estaban a producir  nos ámbitos aludidos co título  “Contos da Xustiza”. Un número cualificado de profesionais da xudicatura  por primeira vez achegábanse ao xénero literario para realatar anécdotas vividas por eles.
 
Esta experiencia repetímola máis tarde, en 2001, coa publicación  de “Palabra por palabra. Contos das policía”, escritos por funcionarios dos corpos e forzas de seguridade de Galicia. Unha experiencia insólita. Foron tempos decisivos para que a cidadanía puidese utilizar a lingua galega nas relacións orais e escritas nas comisarias de policía (o “hábleme cristiano!” era unha expresión desgrazadamente moi recorrente nesas dependencias). 
 
Outra iniciativa importante da AFNLG foi fomentar o uso da lingua galega nos testamentos, proposta que contou co apoio do Colexio Oficial de Notarios de Galicia. Para a ocasión publicamos uns libriños con relatos curtos de autores coñecidos, incluído un de don Victorino Gutiérrez-Aller, o único notario que  protocolizou milleiros de instrumentos xurídicos en galego. “Non desherdes a túa lingua” tamén acadaou a adhesión de moitas persoas que redataron as súas mandas incluíndoas nos testamentos,  obrigando aos  herdeiros que aceptaban a herdanza o respeto polo noso patrimonio cultural e lingüístico.
 
A campaña galeguizadora con maiores repercusión foi certamente a colección dos “Contos do Castromil”. Ofrecímoslles a trinta autores a oportunidade de coparticiaren na galeguización empresarial. Na historia da lingua galega ditos contos serán recordados  para sempre como a primeira experiencia onde a literatura estivo ao servizo duns obxectivos de tal natureza.
 
Non podo rematar este relatorio  sen mencionar  as actividades desenvolvidas para galeguizar os cemiterios e  actos fúnebres. “En galego, agora e sempre”, foi outra publicación de ampla difusión con relatos acaídos para a finalidade desta actividade. 
 
Hoxe estou moi convencido da relativa importancia da literatura no proceso de galeguización do país. Considero que a lectura de obras literarias é un hábito cultural que practica unha mínima parte da sociedade.Mágoa que sexa asi; mais as causas son ben coñecidas. A comunicación noutros ámbitos, porén, é unha necesidade social, onde a escolla dunha lingua marxinando outra – hábito diglósico- depende do prestixio social que os cidadáns  lles atribúan á lingua de uso. O galego ten que normalizarse en ámbitos transcendentes para a sociedade. Cómpre dedicar máis recursos económicos e medios para conseguir este obxectivo, detraéndoos doutros capítulos de dubidosa transcendencia.

Libros da colección Fóra de Xogo de Xerais
Libros da colección Fóra de Xogo de Xerais
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA