Estes son algúns deses inesquecibles amigos. Velaí están os exemplos dos maxistrados Claudio Movilla Álvarez, Daniel García Ramos e Orencio Pérez González, alicerces da presenza da lingua galega no ámbito xudicial. Outra persoa senlleira foi o notario Victorino Gutiérrez Aller, autor dunha inxente cantidade de protocolos notariais en galego desde tempos da proscrición da lingua. Fundamental foi tamén a vontade galeguizadora de Ramón Castromil Ventureira, que nos permitíu recuperar e anovar o discurso galeguista que ten na historia de Galicia figuras sobranceiras. Continuador desa xinea galeguista foi o pedagogo Xosé Manuel Rodríguez-Abella. Sen o esforzo de todos eles Galicia sería menos galega do que hoxe é. Partillamos con todos eles ilusións e proxectos innovadores.
O próximo día 13 de decembro a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística, renderá unha sentida e merecida homenaxe a Xosé M.Rodríguez-Abella, que foi membro activo do transversal proceso de normalización Lingüística. Será no Teatro Principal de Santiago de Compostela coa proxección dun documental alusivo ao seu percurso biográfico: “Xosé Manuel Rodríguez-Abella, a intelixencia educadora”, dirixido por Carme P. Vaquero e producido por Pío Garcia, cos patrocinios do Concello de Santiago e Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Hai nomes propios que están asociados para sempre ás historias das cidades. No caso de Santiago de Compostela, o do alcalde Xerardo Estévez. Porque modernizou e custodioucon mimo o patrimonio da histórica cidade. A carón del, como funcionario colaborador de excepcional imaxinación, estivo Xosé Manuel Rodríguez-Abella, dirixindo o Departamento de Educación máis dinámico e de proxección internacional dos que houbo no noso país. Participiou activamente na creación e nos foros promovidos polo movemento de cidades educadoras e moitos países que quixeron artellar unha pedagoxía nova para acadaren a cohesión social dos seus cidadáns, e a posta en valor das súas potencialidades.
Xosé Manuel Rodíguez-Abella aportou desde o Departamento de Educación un maxisterio que reivindicaba para os cidadáns o coñecemento da súas orixes e a consolidación dunha comunidade educativa participativa na reconstrución da identidade histórica. Foi fonte torrenteira de iniciativas ao tempo no que tamén se artellaban as institucións autonómicas. No documental antedito, compañeiros seus naqueles anos nos que a ilusión creara a súa propia atmosfera, recoñecen o pulo creativo do noso amigo Xosé Manuel. O propio alcalde, Xerardo Estévez, ten un emocionado recordo para un dos seus cualificados colaboradores.
Da súa primorosa emotividade galeguista deixou mostra na manda testamentaria dirixida aos seus fillos, publicada no libro “En galego, agora e sempre” (extracto un parágrafo): “Sara e Marcos, queridos fillos, mentres puiden quixen darvos cariño que vos alimentase para o resto das vosas vidas. Agora quero deixarvos unha dote que non é pequena, un lugar e unhas palabras; ou as dúas cousas xuntas:as palabras do lugar ou lugar das palabras. Quero darvos a esperanza de vivir nun lugar que mereza ser habitado, un pais digno, libre e orgulloso. Toda palabra se é querida, é humilde e poderosa. As nosas, ademais, son as nosas. Foron miñas e agora son vosas”. A súa compañeira de vida, e tamén técnica do Departamento de Educación, Beatriz Varela, vela polo seu cumprimento. Mantermos encesa a súa memoria é unha responsabilidade para acadarmos un futuro mellor.