Desde entón o uso da lingua galega nas exequias fúnebres foi aparecendo moi de cando en vez. Aínda hoxe podemos constatar que só unha de cada mil lápidas están escritas en galego; da mesma maneira, as necrolóxicas publicadas nos medios de comunicación son pouquísimas: unha de cada cen redactanse no idioma do defunto ou defunta.
Cando acudimos aos camposantos podemos comprobar esa anomalía cultural que fala de seu: as lápidas perpetúan as memorias dos seus moradores nun idioma que endexamais falaron. Mais sempre houbo entidades e familias dispostas a seren coherentes no tratamento do perfil cultural do defunto, utilizando o idioma que falaron, aínda que son excepcións, desgrazadamente.
A evidencia desta marxinación cultural, cando temos unha lexislación que recoñece a oficialidade da nosa lingua ten a súa causa na contraditoria autoestima tan xeralizada en amplos sectores populares. O galego aínda non ten prestixio social abondo. Esta é a razón de fondo. Hainos que xustifican ese imperdoable proceder coa argallada de que neses trances traumáticos as familias non teñen abonda serenidade de ánimo para redactaren a esquela e epitafio en galego. Tal estado anímico, sen embargo, non lles impide reaxir e elixiren o tipo de caixa, módulo da esquela, número de coroas e cantos cregos queren que oficien o funeral. Temos que ser concluíntes: é preocupante o desleixo xeralizado no tratamento da memoria das persoas falecidas.
A antropoloxía cultural galega ten no culto aos mortos manifestacións evidentes; máis que noutras latitudes xeográficas próximas á nosa. Rosalía de Castro descríbeas maxistralmente nun poema titulado “Da Terra”, que di así: “D´os vivos amigos sodes/mortos que ali tés descanso/ e nin os nenos vos temen/n´a ninguen causas espanto./ Visitanvos cada dia/falan convosco rezando/auga bendita vos botan/n´a sepultura ó deixarvos.../E “Hastra mañá!”, se despiden/de vos para o seu traballo”.
Esas imaxes repítense acotío nos cemiterios onde os vivos “dialogan” cos defuntos diante do nicho ou sartego con epitafios en castelán. Por forza, esa circunstancia idiomática ten que producir unha molesta inteferenza na emotividade deses momentos. Cómpre evitar ese trauma sentimental para unha mellor comunicación emotiva entre vivos e mortos, restaurando as lápidas.Velaí o sentido das moitas celebracións que organiza nos camposantos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística baixo o rubro de Día da Restauración da Memoria Lingüística; unha iniciativa pedagóxica partilladas con moitos concellos e familias que amosan unha resolta vontade de harmonizaren a lingua dos devanceiros coa dos vivos.
O Concello de Xermade celebrará o próximo día 17, ás 11:00 horas, no cemiterio de San Mamede de Momán un acto de restauración do idioma que foi deles. Descubrirase unha placa na que queda constancia do agradecemento a todos os que ali xacen por seren os auténticos protagonistas da pervivencia da nosa cultura e lingua; ao tempo, será substituida a lápida en castelán do nicho de don Jesus Paz Paz, coñecido por “Suso o panadeiro”, defensor da feira de Momán e promotor do grupo “Novas estrelas” por outra en galego.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia chama á veciñanza a participar nesta sentida homenaxe, agradecéndolles ao Concello, nomeadamente na persoa do seu alcalde don Roberto García Pernas, ao crego-párroco, don Luís Ángel Rodríguez Patiño, á filla do finado,dona Lucía Paz Calvo, e á Secretaría Xeral do Concello e activa militante da Irmandade Xurídica Galega, dona Cristina Varela García, o entusiasmo que puxeron na organización e convocatoria deste acto que dignifica a memoria cultural da parroquia. Ogallá o exemplo do Concello de Xermade sexa imitado por outros.