Hai pouco tempo visitaba en compaña da miña amiga Sara Soto o cemiterio de Vilanova dos Infantes. Mentres comentabamos a desgaleguización das tumbas, decateime da presenza dunha muller. Observeina con interese, porque o primeiro que fixo foi persinarse, e despois, con moito recollemento, estivo dous ou tres minutos perante o sartego, interpretando que mantiña un diálogo coa memoria da súa nai que repousaba baixo aquela tampa de granito. Cando rematou, bicou a tampa do sartego. Encarna, que así se chama a señora, permitíume que a fotografase naquel trance. Díxome que despois de deixar arrombada a casa, achegábase ao camposanto para repetir o mesmo rito todos os días.
Aquela imaxe tróuxome á memoria un poema de Rosalía de Castro escrito en 1880 no que describe con exactitude eses ritos repetidos acotío nos cemiterios: “D´os vivos amigos sodes/mortos que ali tés descanso,/e nin os nenos vos temen./ Visítanvos cada día,/falan convosco rezando/auga bendita vos botan/n´a sepultura ó deixarvos.../E !Hastra mañán” se despiden/de vós para o seu traballo”.
Esta práctica devota que os galegos manifestamos polos defuntos, que en vida foron galegofalantes, realízase nun contexto anómalo: os epitafios das lápidas están escritos maioritariamente en castelán. Esta circunstancia é o resultado dunha inercia de moitos séculos, porque a Igrexa non inculturizou a fé. Pero tamén pola falta de autoestima dos galegos e galegas. Lembro que en certa ocasión pregunteille a unha señora que limpaba a sepultura porque o epitafio estaba en castelán. Púxose moi seria e preguntoume con certo aquel de malestar; e que mal lle fai? Aquel que está alí, indicandome outra sepultura, ríase do meu pai chamándolle analfabeto por non saber falar o español; por iso lla puxemos nós en español, pensaba el que o papá ía ser menos?. E unha cousa leva a outra: as esquelas publicadas nos medios de comunicación ou espalladas por outros medios están escritas maioritariamente en castelán.
Cómpre que os concellos galegos, cumprindo co mandato legal de fomentar o uso da lingua galega en todos os ámbitos sociais, se sumen á iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística co evocador rubro de “En galego, agora e sempre”. A proposta consiste en colocar unha placa na porta dos cemiterios rendéndolle homenaxe á “parroquia dos mortos”, con este texto: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”; que se complementa coa substitución de epitafios en castelán por outros en galego, sempre que os herdeiros manifesten a súa aprobación.
Este ano, máis de trinta concellos participarán con cadanseu Día de Restauración da Memoria Lingüística. Facemos reconto dalgúns deles. Colocaranse novas lápidas, en San Xoán de Río, no panteón onde xace o exmilitar da Unión Militar Democrática, Octavio Vázquez Sotelo; en Coles, en San Eusebio da Peroxa, substituiremos a do compositor e celebrado director da Coral de Ruada, Manuel de Dios. En Terra de Montes identificaremos cun acaido epitafio en galego a lápida de Avelino Cachafeiro, deica agora en castelán, como o gran gaiteiro que foi; e en Vilanova dos Infantes faremos outro tanto coa do P. Silva, fundador da Cidade dos Muchachos.
Cómpre mudar o que está mal, sobre todo no daquelas persoas senlleiras que en vida pertenceron a grupos folclóricos, orféons e corais polifónicas, que foron transmisoras da nosa tradición oral. É un contrasentido que agora, despois de mortas, as súas memorias se perpetúen en castelán.
Este mes estará inzado de actos de pedagoxía galeguizadora en moitos cemiterios do país.