Vertebrar o país. A lingua nas empresas

En 1952 os Laboratorios Zeltia editaron o primeiro número do Almanaque Agrícola ZZ, unha publicación comercial editada integramente en lingua galega. Foi modélica, tanto pola divulgación da oferta de produtos fitosanitarios, moi demandados para combateren os andazos e pestes agrícolas que tamén afectaban aos animais, como polo resto dos contidos de carácter cultural que os consumidores daqueles tempos valoraban positivamente con afervoada simpatía.

Por Xosé Glez. | Vigo | 19/09/2024

Comparte esta noticia
Anos despois, en 1957, publicouse o primeiro número  da Revista de Economía de Galicia. Pertencían ao consello de redacción,entre outros, os empresarios Álvaro Gil Varela e Antonio Fernández López, copropietarios dos Laboratorios Zeltia. A liña editorial desta revista insírese na historia do pensamento económico galeguista que se viña formando desde tempos atrás. Extraemos un parágrafo ben significativo dun texto publicado no primeiro número: “A economía ten un íntimo vencello coa cultura, ben como un dos factores integrantes en canto riqueza, como produto cultural específico, ben en canto investigación e coñecemento teórico desa riqueza. Rexeitamos, por absurda e sen fundamento científico, a contraposición da cultura coa economía. Se a investigación da nosa realidade económica é unha tarefa cultural case intacta, a culpa non é dos poetas, dos artistas, dos historiadores ou dos etnólogos; son outros os chamados a facela. A cultura inflúe decisivamente no desenrolo económico, e viceversa”.
 
Velaí porque na aludida historia do pensamento económico de Galicia houbo personalidades que tiveron moi clara a alianza estratéxica da lingua galega coas empresas nas súas comunicacións e rotulacións publicitarias. Filosofía que ten como punto de partida o I Congreso de Economía de Galicia celebrado en 1925. Ensinanzas que botamos en falta no curriculo académico das facultades e escolas universitarias dedicadas á formación de  creativos de imaxe corporativa e directivos empresariais, amosando sumisión á lingua dominante e desprezo pola galega.
 
Os estudos de mercado publicados demostran que a etiquetaxe en lingua galega reforza a autenticidade da procedencia  dos nosos produtos nos mercados internacionais, onde son ben valorados polos consumidores. Os denominados “produtos delicatessen” son a mostra do que estamos a afirmar. As nosas marcas comerciais deben imitar os exemplos de comercialización de produtos foráneos etiquetados en cadansúa lingua de oríxe, que nós, consumidores galegos, aceptamos con naturalidade. Formamos parte dunha Europa plurilingüe, e, como consecuencia, as nosas marcas comerciais deberían estar nos mercados internacionais con acento propio. Os avances neste campo son evidentes, malia os prexuízos lingüísticos enquistados nalgúns sectores empresariais.
 
Na administración autonómica cuestionan  esa protección legal as deliberadas interpretacións ideolóxicas  restrictivas que fan algúns funcionarios con evidentes intencións  de desactivaren  o entusiasmo galeguizador de moitos empresarios do sector agroalimentario, alentados polo marco xurídico que ampara, protexe e fomenta o uso da lingua galega en todos os ámbitos sociais.
 
Canto máis forte é a personalidade dun pobo, máis intenta desenrolala; canto máis débil, máis intenta agochala. E aquí onde o Igape, como institución que ten como misión afortalar o tecido empresarial consonte co ordenamento xurídico vixente, debe implicarse neste proceso regaleguizador  incluíndo unha cláusula lingüística como un código ético nas ofertas de subvencións para o fomento do tecido empresarial, obrigando ás empresas, e con máis razón naquelas das que forma parte dos consellos de administración, ao cumprimento dun mínimo de compromisos que garantan a  presenza da lingua galega nas súas actividades, manifestando así clara sintonía co  Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade dos grupos parlamentarios.
 
Para incentivar o discurso galeguizador, o Foro E. Peinador, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros e Deputación de Pontevedra,  convocan na sede da institución provincial un encontro aberto de pedagoxía galeguizadora para o próximo día 24 ás 12:30 horas. Nel participara,como vén sendo costume nestas convocatorias a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
 
O texto da “Declaración de Pontevedra”  será un alegato  de galeguismo empresarial. Transcribo un parágrafo: “O papel das institucións públicas, asociaciacións profesionais, consumidores e  empresas é clave para garantir o respeto e promoción dos dereitos lingüísticos no ámbito laboral e comercial. Os avances realizados en Galicia  contribúen a crear espazos de cohesión social e igualdade para todos os galegos e galegas”.
 

Cesta de produtos galegos proposta por CLUN
Cesta de produtos galegos proposta por CLUN | Fonte: CLUN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.