1 de 4930 en Opinión seguinte

Feliz 2025!

Nestes tempos de comezo de ano, moita felicidade para todos e todas e, ademais, unha pequena reflexión sobre o momento no que 2025 chega, con moitas frontes abertas desde diferentes puntos de vista e moita incerteza en termos de convivencia, tanto no eido máis “macro” como no máis local.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 01/01/2025

Comparte esta noticia
Adoitan ser estes tempos de comezo de ano, queridos e queridas, datas nas que nos desexamos moita felicidade para o novo ciclo que empeza a ser realidade. Non dubido nin un minuto de que tales bos desexos xeneralizados sexan sinceros,  e mesmo eu titulo esta columna neste senso, solicitando para vostedes todo o mellor que o 2025 poida traerlles. O que non teño tan claro agora, mirando ao mar, é que abonde só con desexos, desprovistos de accións diferentes, e mesmo dun cambio de estratexia orientada a que tal novo paradigma se evidencie. É que, como di o clásico, pensar que as cousas van ser distintas facendo o de sempre non deixa de ser máis soño que realidade, e aínda que soñar é bonito, non leva a ningures...
 
Cara ao ano que comeza, preocúpame o cada vez maior grao de polarización na nosa sociedade e, en particular, na nosa praxe política, e non só no noso contexto próximo. A enorme fenda ideolóxica que propicia gobernos de ultradereita en moitos dos países referentes da nosa democracia ten que facernos pensar. E isto, sobre todo, porque tal viraxe non é froito dunha ideoloxía real, senón dun voto de castigo fronte ao que se identifica como o “establishment”, que din en inglés, as xentes ben instaladas nese eido, que con só estar xa teñen moito feito. Tal cousa ao modo do que aconteceu en Estados Unidos con Donald Trump e da inexplicable adscrición á súa doutrina de boa parte da poboación máis depauperada e mesmo vulnerable. Trátase dun voto que quere dalgunha maneira sacudir os propios cimentos dun sistema que moitas veces parece que existe para perpetuarse a si mesmo, e non para resolver os problemas reais da cidadanía, que son moitos, variados e crecentes. En clave nacional, non falta máis que ver a eterna alternancia de acusacións -e realidades- de corrupción nos partidos máis importantes, que máis que mancarse a eles mesmos arruínan, sobre todo, o traballo de consolidación e mellora da democracia. 
 
A demografía segue a ser un factor clave de fracaso, xa a medio prazo, da nosa sociedade galega. Menos mal que os saldos vexetativos son quen de mellorar pola inestimable achega humana que vén dos fluxos migratorios, porque se isto non fose así xa hoxe poderiamos dicir que estariamos máis mortos que vivos como pobo. Aínda así, non é para sermos optimistas de máis, porque habería que multiplicar bastante aínda o número de persoas que chegan ao noso territorio para ter un panorama verdadeiramente consolidado de definitivo crecemento sostible no longo prazo. Non, a inmigración non é un problema, senón parte da solución dun dos máis importantes retos da nosa sociedade.
 
A soidade non desexada, que se ceba cos maiores que construíron o noso presente desde tempos ben duros, tamén é unha das enfermidades sociais da época. Non deixan de gotear as intervencións dos bombeiros e das forzas de seguridade para abrir domicilios onde aparecen corpos de persoas que morren soas, sen máis. E algunhas delas, desgraciadamente, sen que ninguén repare na súa falta, ata o extremo de que ás veces só un cheiro fedorento ou outros signos de tal índole son os que fan actuar á veciñanza, co resultado do achado dos corpos. Non é unha pena? Penso que temos que reivindicar un novo papel para as persoas maiores na nosa sociedade, sen infantilizalas nin convertelas en meros usuarios de servizos específicos para elas. Creo que na integración e nas experiencias interxeneracionais está a chave para mellorar neste eido.
 
A indiferenza tamén vai en aumento no noso grupo humano. Tanto é así, que entendo que o maior respecto actual pola diversidade non está verdadeiramente edificado sobre vimbios de entendemento e tal respecto de forma xenuína, senón sobre o feito desa indiferenza, de non considerar ao outro, de non falarmos e de vivir cada quen a súa historia, moi lonxe da dos demais. Son dos que pensan que no colectivo está o mellor, e que en abondar nunha sociedade máis individualista está incorporado o camiño cara a maiores cotas de infelicidade e frustración, características tamén evidentes dos nosos tempos líquidos de finais do primeiro cuarto do século XXI...
 
Elementos, todos eles, para camiñar cara un feliz 2025, que lles desexo con agarimo. Feliz, 2025, queridos e queridas! E que nesta entrada dun novo ano sexamos conscientes das nosas eivas e tamén do que debemos mellorar e consolidar, cada quen no seu e todos e todas no común, para que a deste futuro que comeza sexa unha sociedade con máis éxito en termos de ledicia, benestar colectivo e consideración mutua. Eses son, para min, dos devezos máis prezados e valiosos...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Nadal
Nadal | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.