Son dos que pensan que a educación, igual que a sanidade, é un dos temas verdadeiramente críticos dentro do amplo abano das políticas públicas. Ata aquí, entendo que poucas serán as persoas que dirán cousa contraria, tendo en conta que sen unha boa saúde da sanidade -e perdoen o xogo de palabras- todo o demais pode non ter xa sentido, e que a educación é probablemente o investimento máis importante de cara a construción do noso futuro colectivo. E centrándonos xa só no educativo, unha sociedade que fornece políticas fortes en tal eido ten moitas máis posibilidades de saír adiante nun senso amplo. E iso significa non só o éxito económico baseado unicamente nos números máis “macro”, senón sobre todo no feito de que tal desenvolvemento sexa verdadeiramente inclusivo. É dicir, que o referido éxito afecte a cantas máis persoas, mellor. E que, polo tanto, produza unha sociedade máis equitativa, menos enfrontada, máis segura e, en definitiva, máis feliz. Non lles parece así?
Nos últimos anos déronse voltas, máis voltas e aínda máis a como organizar tal mundo educativo, con multitude de leis e aínda máis diferentes desenvolvementos das mesmas vía decretos e outras normas. Cunha aposta pola innovación, ás veces dunha maneira un pouco máis orientada ás formas que ao fondo, e cunha verdadeira revolución virtual que agora é cuestionada abertamente por parte do sector e máis por algúns dos autores e investigadores de tal temática. En fin, eu non vou pretender dar solucións, porque estou seguro de que hai xente moito máis centrada en tal tarefa e con moitas cousas máis que aportar. Pero a tese deste artigo vai por outro lado, e mirando ao mar quere reflectir a idea de que, sobre todo, o punto crítico nesta ecuación do fornecemento de boa calidade educativa pasa por telos recursos persoais axeitados. E, polo que se ve, isto non é sempre así.
Se coñecen o sector, xa saben que ultimamente houbo unha certa visión encontrada en Galicia por parte de diferentes sindicatos do eido educativo. Uns, máis posibilistas, firmaron coa Administración un acordo de mínimos en canto, entre outros temas, á provisión destes recursos persoais. Outros, en cambio, mantiveron sempre a súa postura de que o que se estaba acordando non respondía ao necesario, cunha denuncia clara en canto a escaseza de recursos. E así están as cousas, como sempre no eido público, cunha especie de intrahistoria propia de cada quen, de maneira que na polémica ás veces, segundo quen fale, descríbense realidades netamente distintas, sen cinguir o debate aos necesarios termos técnicos e coa correspondente visión analítica.
Así as cousas e máis aló da análise de quen ten razón en cada caso, a lóxica que a este tema me trae é a de insistir en que son precisamente tales recursos humanos -docentes- o máis claro factor clave de éxito na preparación das xeracións futuras. E, por tanto, a necesidade dunha adecuada “ratio” entre docentes e alumnado, que para min é un dos parámetros máis importantes á hora de considerar unha especie de cadro de mando integral para coñecer en cada momento o estado de calidade da cuestión. Sen docentes é difícil acometer moitas das supostas excelencias da LOMLOE, ou no seu momento das leis que precederon a esta. Pero é agora, con este texto legal, cando se pon máis que nunca o foco precisamente nunha maior atención á diversidade, ou nunha atención ás características especiais de cada un dos nosos alumnos e alumnas. E, para facelo, é cando a necesidade de persoas é máis evidente. E, se non os hai, todo é pouco máis que papel mollado.
É por todo iso que entendo á xente do Agra do Orzán coruñés cando os pide, con datos e fundamentos, manifestándose diante do seu instituto. Ou ás ANPAs ou ás comunidades educativas de centros de Rois, Betanzos, Valdoviño, Teo, Brión ou outros lugares cando expresan o mesmo de diferentes maneiras. Porque non o fan por molestar, por entrar nese “xogo político” tan pouco edificante ao que nos teñen acostumados os profesionais da xestión política do público en todo o arco parlamentario, ou por levar a contraria. Non. Se así se expresan é porque verdadeiramente hai situacións e problemas que non teñen outra solución que a provisión de apoios específicos, ben sexan no ámbito da pedagoxía terapéutica para reforzos e apoios, no traballo con grupos de adquisición de linguas, en desdobres ou noutros mesteres. Para facer as cousas ben, traballando con persoas, fan falta tamén persoas, nun número tal que non se produza desbordamento e que os procesos poidan ser seguidos cos ritmos apropiados.
A educación ten que ser obxecto de consensos fortes, políticas a moi longo prazo e dunha reflexión estratéxica moito máis aló dunha visión particular. Moito máis aló da excesiva fragmentación actual das políticas e da súa implantación operativa no país. A educación ten que mirar dunha maneira que supere os pequenos atrancos propios do día a día, sendo quen de estar por enriba de calquera tipo de interese que non sexa o seu obxectivo fundamental, que é o de estar orientado á mellora colectiva a través dunha formación de calidade para as xeracións que pasan polas súas diversas etapas. Ese é o reto, e temos que estar á súa altura. E tal cousa, máis aló das pantallas e os recursos dixitais, dos robots, do bacharelato STEM, dos Polos Creativos ou do traballo por proxectos, precisa un suficiente número de docentes, comprometidos e ilusionados coa súa tarefa. Ou sexa, unha “ratio” razoable para poder facer todo o que iso implica.
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”