Coidando do galego

Estes días un goberno local foi noticia por tentar reducir o uso do galego, en particular nos procedementos de licitación de tal Concello. A causa ofrecida para tal cousa foi práctica: por reducir atrancos e non ter que traducir... Traducir ao galego, en Galicia? Afortunadamente todo iso quedou finalmente en nada, despois dunha resposta unánime desde moitos foros, pero tal episodio motiva esta columna...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 19/04/2024

Comparte esta noticia
Estes días foi noticia algún goberno local de Galicia, en concreto o de Ferrol, por unha decisión polémica. A cuestión foi que tal executivo decretou que, por mor dunha maior simplificación e para evitar atrancos administrativos nos procesos de licitación, os mesmos ían publicarse só en castelán, e non en galego. Cómpre dicir que, ata a data de tal decreto, a práctica seguida alí era a publicación conxunta en ambas linguas. Tal foi a lóxica resposta tanto da oposición como de diferentes entidades do tecido asociativo e cultural tanto en Ferrol, en Ferrolterra como noutras partes de Galicia, que rapidamente xurdiron as matizacións e, en realidade, unha clara volta atrás. Por unha parte ben, porque cando un se equivoca é bo que o recoñeza, e sempre é virtuoso e ata sabio rectificar. Pero tamén é verdade que non se trata da primeira vez que desde tal goberno se menoscaba a capacidade do galego como vehículo de comunicación de primeiro nivel, nun contexto sociolingüístico local moi polarizado, cunha boa parte da cidadanía que en moitos casos rexeita a lingua máis propia de Galicia...
 
Moito máis aló deste caso en particular que, como digo, parece que ao final non vai producir cambios no uso do galego nos procedementos antes mencionados, nesta columna quero propoñer unha reflexión moito máis fonda sobre o papel da Administración en Galicia en relación co galego. Da Administración autonómica, por suposto, pero tamén da local e mesmo da central a partir dos seus órganos de representación en Galicia, a todos os niveis. E en todos eses casos, para min, tal rol é crítico e crucial: quen vai promover, coidar e manter o uso da lingua propia de Galicia se isto non se fai, precisamente, desde as institucións das que colectivamente nos dotamos para o bo goberno do de todos e todas? Quen vai ser quen aposte polo galego, tratando de frear o seu retroceso e coidando del no futuro, se non é desde o público? Para min tal cuestión é meridiana, e non pode nin ser obxecto das querenzas ou veleidades dos gobernos de cada quenda, nin esta leria debería ter acontecido nunca. Os atrancos administrativos de moitas entidades locais, e moi especialmente de aquela que motivou a polémica, non teñen que ver cos pequenos prazos ou os nimios custos da publicación en galego e en castelán á vez. O panorama en realidade é moito máis complexo, en moitos casos con anos ou décadas de parálise ou funcionamento moi pouco axeitado e menos orientado aínda a resultados, e está moito máis relacionado coas capacidades, coa avaliación do desempeño na Administración Pública ou mesmo con problemáticas específicas que teñen que ver cos estamentos directivos e o liderado en ditas institucións. Non co galego.
 
Mirando ao mar, teño claro que o castelán é unha riqueza para os galegos e as galegas, e é parte de nós e do noso patrimonio. O galego é tamén unha riqueza para os galegos e as galegas, é parte de nós e do noso patrimonio e, ademais, é a nosa lingua propia. Se nós non somos quen de promover, defender, coidar e traballar para e polo galego, este morrerá. Se digo que existe unha tendencia planetaria á redución do uso das linguas minoritarias, coa hexemonía e cada vez máis grande penetración do inglés, non é unha novidade que vos poida sorprender. E se afirmo que o feito dunha tecnoloxía da comunicación cada vez máis planetaria fomenta dinámicas de identificación con persoas e modos de lonxe, e de esmorecemento dunha parte das identidades culturais máis locais ou rexionais, tamén é claro. Con todo, ou facemos algo por manter a lingua propia, ou esta esvaecerase dunha maneira clara. E a Administración en Galicia é, en calquera caso, o máis importante garante de tal cousa desde o público. Polo tanto si ao castelán, que é parte de nós, pero especialmente si tamén ao galego. Unha tarefa que, se non se traballa desde Galicia, quedará sen facer...
 
E conste que son dos que pensan ademais que así como o castelán é unha obvia riqueza patrimonial tamén para o resto dos cidadáns e cidadás de España, o éuscaro, o galego e o catalán -polo menos- son tamén unha riqueza conxunta do patrimonio cultural de todos os cidadáns do Estado. Pero isto, que teño que argumentar aínda máis, queda xa para outro día...
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Manifestación de Queremos Galego o Día das Letras Galegas, 17 de maio
Manifestación de Queremos Galego o Día das Letras Galegas, 17 de maio | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.