A verdade incómoda sobre o galego

A recente publicación polo IGE dos datos sobre coñecemento e uso do idioma galego no ano 2023 proporciona unha perspectiva cuantitativa de 20 anos sobre a evolución das distintas variábeis concernidas neste importante asunto e serve para constatar o notábel devalo experimentado pola lingua, especialmente nos sectores mais novos da sociedade galega.

Por Xesús Veiga | Compostela | 01/11/2024

Comparte esta noticia
O estudo da institución estatística oficial da Administración galega certifica a existencia dunha verdade incómoda: entre os anos 2003 e 2023 rexistrase unha dinámica lingüística desfavorábel ao galego nos segmentos poboacionais de menor idade e nos núcleos territoriais de maior densidade urbana. Constatase, pois, a consolidación dunha dualidade significativa: non hai correspondencia entre a Galiza mais conectada aos novos procesos de comunicación e produción e as porcentaxes de utilización do galego como ferramenta habitual das relacións sociais.
 
Se repasamos o contexto político e institucional  das dúas décadas transcorridas no período temporal considerado atopamos tres circunstancias relevantes: 1)pouco antes de rematar a hexemonía do PP de Fraga -no ano 2004- o goberno galego acordou un pacto lingüístico coas forzas da oposición parlamentar (BNG e PSdG) para ser ser desenvolvido nos anos posteriores; 2)entre Agosto de 2005 e Marzo de 2009 o goberno bipartito encabezado por Touriño e Quintana promoveu medidas de defensa do galego mais ambiciosas das que se tomaran anteriormente, sobre todo no eido do ensino; 3)a partir do retorno do PP a San Caetano, o goberno de Feijoo decidiu mudar substancialmente a lexislación lingüística, rachando o pacto asinado polo executivo de Fraga e aceitando as posicións mais belixerantes de "Galicia Bilingüe" e algúns outros sectores do seu electorado urbano que participaran activamente na campaña preelectoral organizada por Alberto Núñez e Alfonso Rueda.
 
O argumento principal utilizado para xustificar ese movemento involucionista foi a existencia dunha presunta imposición antidemocrática instaurada dende o goberno bipartito que impedía, supostamente, o exercicio libre dos dous idiomas  recoñecidos na lexislación vixente. Os dirixentes do PPdG, a pesar de que coñecían perfectamente a situación subalterna na que se atopaba dende facía tempo a lingua galega, buscaron a demonización das políticas de acción positiva emprendidas pola Administración dirixida por socialistas e nacionalistas para agachar a carencia dunha vontade política real de mellora da presenza do galego na vida social.
 
Ninguén pode discutir que, no ámbito lingüístico, o Parlamento e a Xunta dispoñen dos recursos lexislativos e monetarios que resultan moi determinantes na evolución da saúde do idioma galego. En calquera caso, non debe manexarse unha causalidade automática entre a adscrición partidaria concreta dos xestores dunha determinada Administración pública e os efectos prácticos xerados no uso da lingua. Son coñecidos algúns exemplos significativos onde a hexemonía prolongada do nacionalismo nunha Corporación municipal non se traduciu nunha evolución significativamente positiva no proceso de normalización do galego nese ámbito territorial. As correlacións entre as cores políticas dominantes nas institucións e os resultados da evolución lingüística deben realizarse coa prudencia esixida polos datos dispoñíbeis. A condición necesaria para mellorar a situación idiomática radica, sen dúbida, no compromiso efectivo -e non retórico- das forzas políticas involucradas. Mais, semellante premisa pode non resultar suficiente para asegurar o éxito da tarefa normalizadora proclamada.
 
O estudo do IGE certifica unha disociación chamativa entre os usos lingüísticos dominantes en distintos segmentos da poboación e o comportamento electoral que actualmente se rexistra neses grupos humanos. A perda do número de persoas usuarias do galego nos sectores mais mozos e mais urbanos non se corresponde coas condutas de voto das últimas eleccións ao Parlamento galego (febreiro de 2024). O caso da cidade de Vigo resulta paradigmático: o BNG foi a formación política mais votada nun ámbito territorial que presenta un devalo moi grande na utilización da lingua. Xa que logo, o nivel de sintonía electoral cunha forza que coloca o idioma no cerne da súa identidade política non concorda, necesariamente, coa práctica lingüística maioritaria dos seus votantes.
 
Os datos proporcionados polo informe do IGE interpelan aos promotores das políticas gobernamentais vixentes nas últimas décadas e tamén constitúen un motivo de reflexión para todas as organizacións e persoas que desexamos outro futuro diferente ao preocupante esmorecemento que nos sinalan esas cifras estatísticas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa na Coruña nun acto da formación nacionalista sobre a lingua galega. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa na Coruña nun acto da formación nacionalista sobre a lingua galega. BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.