1 de 4957 en Opinión seguinte

O novo "sheriff" que pretende mudar as regras do sistema

Nos sistemas políticos democráticos existe unha regra non escrita segundo a cal os gobernos dispoñen de 100 días de marxe para contrastar as súas liñas de actuación e, xa que logo, ser avaliados polas forzas da oposición.

Por Xesús Veiga | Compostela | 10/03/2025

Comparte esta noticia
Con Donald Trump todo é diferente. Non rexen os códigos coñecidos. Dende o primeiro minuto da súa chegada á Casa Branca está exercendo, de xeito compulsivo, todo o poder que lle proporcionou a súa vitoria electoral do pasado mes de Novembro.
 
Certamente, neste caso non estamos ante o modelo tradicional de alternancia rexistrado nos comicios presidenciais celebrados nos USA durante as últimas décadas. Atopámonos ante unha situación onde predominan os factores novidosos. Para comezar, o bipartidismo habitual (Partido Demócrata-Partido Republicano) ten sufrido unha metamorfose significativa por mor  da reconversión practicada por Trump no seu partido para promover o nacemento do movemento MAGA, unha ferramenta mais adecuada ao estilo autoritario deste persoeiro. E para seguir, a política exterior da nova Administración amosa probas irrefutábeis de importantes discontinuidades a respecto da practicada anteriormente: aposta explícita pola limpeza étnica e o xenocidio nos territorios da Palestina histórica; priorización do entendemento con Putin na guerra de Ucraína; maior belixerancia cos países latinoamericanos; ignorancia e/ou desprezo da UE como interlocutor preferente no concerto internacional; política comercial agresiva con quen non aceite o hexemonismo norteamericano; ameazas a Panamá, Canadá e Dinamarca; abandono da Organización Mundial da Saúde (OMS); demonización e insubmisión ante o Tribunal Penal Internacional...
 
No ámbito da política interior, Trump está cumprindo co guión tracexado durante a campaña electoral: expulsión de inmigrantes e derogación das normas que posibilitaban a entrada legal de continxentes procedentes doutros países do continente americano; eliminación das medidas adoptadas en favor dos sectores menos poderosos da sociedade; posta en liberdade dos golpistas condenados polo asalto ao Capitolio; represalias contra os fiscais e xuíces que trataron de substanciar as responsabilidades penais que puido cometer nos últimos catro anos...
 
O mellor xeito de resumir o despropósito que estamos a vivir dende o pasado mes de Novembro fica recollido nesta afirmación indiscutíbel: na actualidade, os USA están presididos por un delincuente. Este era o grave dilema ao que se enfrontaba o corpo electoral norteamericano hai case tres meses: permitir ou impedir a chegada á presidencia dunha figura que pretendía rachar cunha boa parte dos valores asociados á cultura democrática reivindicada tradicionalmente nos USA e noutros espazos xeográficos do mundo.
 
A retórica populista exhibida nos últimos meses en defensa daqueles sectores da poboación branca norteamericana penalizados pola lóxica económica dominante deu paso a un singular cambio nas formas de xestionar a Administración pública. Se até o momento existía unha división de papeis entre os gobernantes e os máximos detentadores do poder empresarial, agora instalouse unha inédita simbiose. Elon Musk personifica este novo xeito de exercer o poder político: un multimillonario aplicando no seo das estruturas administrativas do Estado os criterios que se manexan na procura da maximización dos beneficios nos conglomerados empresariais privados. Coma se quixeran render unha homenaxe póstuma ás palabras de Marx e Engels escritas en 1848 no "Manifesto Comunista": "Hoxe, o Poder público ven ser, pura e simplemente, o Consello de Administración que rexe os intereses colectivos da clase burguesa".
 
O vicepresidente de Trump, J.D. Vance, utilizou recentemente a súa estancia oficial nunha cidade historicamente tan simbólica coma Munich para expresar a súa afinidade coa ultradereita europea e, singularmente, coa forza neonazi AFD que comparece nos comicios alemás do 23 de Febreiro. O seu discurso oficializou a ruptura dos novos dirixentes norteamericanos coa cultura democrática europea construída despois da II Guerra Mundial. Foi, sen dúbida, unha das probas demostrativas de que nos atopamos diante dunha xeira descoñecida até agora e chea de preocupantes interrogantes.
 
Se o momento histórico actual non contivera tantas ameazas para o benestar e a saúde democrática das sociedades occidentais, a actitude dos dirixentes do PP resultaría cómica. Un mes despois da chegada de Trump á Casa Branca, Núñez Feijoo garda un patético silencio a respecto da nova situación creada, agachando a súa incapacidade para formular unha identidade política diferenciada de Abascal, o monaguillo oficial trumpista bautizado na cerimonia celebrada o mes pasado en Washington.
 
O tempo que agora comeza vai ser unha proba de lume para comprobar a fortaleza dos valores democráticos presentes no corpo social norteamericano e nos que conforman o vello territorio europeo. O que está en xogo é moi transcendente e o resultado desta batalla semella incerto.

Hermanager Humor - Trump EEUU - Arquivo
Hermanager Humor - Trump EEUU - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.