O comezo da nova orde trumpista

Na primavera de 1975, o Exército dos USA sufriu unha contundente derrota na guerra de Vietnam. A pesar do grande volume de recursos humanos e materiais empregados durante 20 anos e da encarnizada crueldade practicada, as forzas armadas norteamericanas non foron quen de eliminar a mobilización resistente protagonizada pola poboación vietnamita.

Por Xesús Veiga | Compostela | 23/04/2025

Comparte esta noticia
Agora, 50 anos mais tarde, Donald Trump decidiu establecer un arancel do 46% a todos aqueles produtos elaborados en Vietnam que chegan ao mercado norteamericano. Resulta moi reveladora a secuencia histórica: despois de acometer, no pasado, unha destrución militar sistemática do país asiático, o novo presidente dos Estados Unidos pretende erosionar o nivel de desenvolvemento económico acadado por unha sociedade que foi quen de protagonizar un esforzo espectacular para saír do "inferno" no que estaba colocada naquel inesquecíbel 1975.
 
A pesar de que algúns analistas non o crían, finalmente D. Trump decidiu comezar unha guerra comercial contra a case totalidade dos países do mundo. Estamos, sen dúbida, ante unha mudanza substancial no modelo de globalización dominante durante as últimas décadas: non se respectan as normas regulatorias establecidas para o comercio internacional nin se aceita o papel da Organización Mundial do Comercio (OMC) como ferramenta multilateral. O presidente norteamericano racha a lóxica sobre a que se edificou a hexemonía do su país no concerto económico mundial. Aínda que non saibamos, polo momento, todas as consecuencias prácticas desta ruptura en cada un dos territorios e sectores produtivos concernidos, pódese afirmar que a nova Administración dos USA quere neutralizar as dinámicas negativas que padece o seu sistema económico para evitar unha perigosa tendencia á perda do poder que mantén na escena internacional. Diversos expertos están a sinalar algúns dos obxectivos concretos buscados por esta nova política proteccionista: reducir o déficit comercial, afortalar a reindustrialización do tecido produtivo norteamericano (mediante o retorno e/ou a nova implantación de empresas anteriormente deslocalizadas), conseguir unha maior recadación fiscal no exterior que lle permita reducir os impostos interiores... E como complemento: evitar que unha elevada cotización do dólar dificulte a consecución desa redución do déficit comercial.
 
Xa estamos observando algúns dos impactos inmediatos que vai provocar esta involución "trumpista": creación dun clima de incertidume xeralizado que desestabiliza os mercados financeiros e paraliza algunhas decisións investidoras. A lóxica capitalista é fondamente refractaria á carencia de seguridades no funcionamento das institucións vixentes no sistema. As medidas de Trump alimentan unha desconfianza que se pode traducir nun estancamento ou recesión das economías e no medre de procesos inflacionistas nalgunhas das mais influíntes. Tal vez non ocorra nas dimensións que algúns prognostican pero o risco está servido. E o que resulta mais significativo: este proceso desestabilizador non deriva das dinámicas anteriores rexistradas  no universo económico mundial senón que é consecuencia directa da decisión unilateral do inquilino da Casa Branca.
 
D. Trump quere mudar a correlación de forzas entre os catro principais actores que dominan o panorama internacional: USA, Rusia, China e a UE. Polos indicios revelados dende o pasado mes de xaneiro, semella que desexa un reparto de áreas de influenza con Putin e a simultánea marxinación da República chinesa  e dos 27 Estados que configuran o club comunitario europeo. A pesar de que sorprende a belixerancia verbal utilizada contra as autoridades de Bruxelas -esquecendo a participación norteamericana na reconstrución posterior á II Guerra Mundial e a teórica concordancia nos principios inspiradores dos respectivos sistemas políticos- a deriva autoritaria do "trumpismo" -eliminando, de facto, os contrapesos democráticos vixentes na tradición norteamericana- coloca á UE ante un reto decisivo: afirmar a súa independencia en todos os ámbitos  fronte aos USA  e construír unha referencia solvente na defensa dos valores democráticos e do benestar público nas relacións entre as sociedades e os Estados.
 
Estamos, sen dúbida, ante un cambio de época no que existen poucas certezas e moitas interrogantes. Entre estas últimas, convén sinalar unha moi relevante: cal vai ser a dimensión da resposta da sociedade norteamericana fronte á involución autoritaria de Trump? Podemos considerar que as primeiras mobilizacións rexistradas son síntoma dunha futura perda da cativa maioría electoral que propiciou a chegada deste persoeiro aos despachos da Casa Branca? 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.