A XIV Reunión Anual do Foro Económico de Galicia reunirá no Parador de Muxía a expertos de diferentes ramas da economía para analizar os principais asuntos que determinarán o desenvolvemento económico de Galicia e España nos vindeiros anos, entre eles, os aranceis, a emigración ou a Intelixencia Artificial.
A reunión comezará o xoves 24 de abril coas intervencións do presidente do Foro Económico, Emilio Pérez Nieto, e do seu director, Santiago Lago Peñas, que darán paso ao primeiro relatorio, que versará sobre supercomputación e intelixencia artificial e correrá a cargo de Mateo Valero Cortés, do Barcelona Supercomputing Center, quen compartirá mesa con Carmen Cotelo Queijo, da Axencia Galega de Innovación. A moderación desta mesa correrá a cargo de Senén Barro Ameneiro, profesor da USC.
Os fluxos migratorios como unha oportunidade e non como un problema será a temática abordada polo profesor Antonio Izquierdo Escribano, da Universidade da Coruña, co comentario do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez. Ambos serán presentados polo xornalista Julián Rodríguez Moscoso.
Xa na sesión da tarde, a experta en economía sanitaria Beatriz González López-Valcárcel, da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, abordará o complexo problema da viabilidade económica dos servizos sanitarios en España. O comentario deste relatorio correrá a cargo de Luis Verde Remeseiro, do CHUAC, que será presentado polo xornalista Miguel Ángel Rodríguez González. De seguido, os economistas Fernando González Laxe e José Francisco Armesto serán os responsables de realizar un diagnóstico do impacto en Galicia das políticas arancelarias de Donald Trump.
POLÍTICA MONETARIA
As sesións desta primeira xornada rematarán coa conferencia do ex conselleiro do Banco Central Europeo José Manuel González-Páramo, quen disertará sobre “A política monetaria na encrucillada: leccións e riscos” e será presentado polo conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Prado.
A análise dun dos principais asuntos pendentes para a economía galega e española, a produtividade, abrirá a segunda xornada deste encontro, o venres 25. A exposición central será realizada por Juan Francisco Jimeno Serrano, presidente do Consello da Produtividade de España. A súa disertación contará cos comentarios de María Cadaval Sampredo, (USC), Edelmiro López Iglesias (USC), Víctor Nogueira García (Grupo Nogar), Artur Yuste i Tarragó (Grupo Cuevas) e como moderador, Antón Costas Comesaña, presidente do Consello Económico e Social de España.
A reunión anual rematará cunha conversa sobre a relación entre intelixencia artificial e democracia. Nela participarán Daniel Innerarity (Cátedra de Intelixencia Artificial e Democracia, Instituto Europeo de Florencia) e Amparo Alonso Betanzos da Universidade da Coruña, coa presentación da xornalista Fernanda Tabarés Dominguez. Con esta décimo cuarta edición, o Foro Económico de Galicia, baixo a presidencia de Emilio Pérez Nieto e a dirección de Santiago Lago Peñas, consolida a súa reputación como referente na análise dos aspectos económicos e sociais determinantes para o desenvolvemento de Galicia e España nunha contorna internacional cambiante.