O insulto no canto do argumento

Nos tempos que corren semella que os narcisos e ególatras con un punto de tolemia son os que acceden o poder e que, unxidos maiormente polos votos dos cidadáns, están a levar ó planeta a unha situación case prebélica.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 04/11/2024

Comparte esta noticia
Hai quen di que a historia repítese ciclicamente, e que coa tensión que se produce na sociedade unha parte moi importante presume que o que acontece  é  o preludio  de que  algo moi malo  se coce para  todos.
 
As normas e leis supranacionais así como as institucións internacionais e os pronunciamentos que delas saen nunca se fan efectivos. E a lei da forza imponse sobor dos  argumentos   que falan de dialogo e de paz entre os pobos. 
 
Hoxe  podemos ver como  no canto dos bloques que antano dominaban a escena política:  comunismo e capitalismo,  esas ideoloxías foron relevadas  por un liberalismo  que marca toda  acción política. Agora agroma con máis forza o imperialismo. Sí, a pretensión de controlar a economía co afán de ter influencias e control  sobor da maior parte de  países  do mundo. 
 
A todo o dito hai que sumarlle que os enfrontamentos ideolóxicos  dos que loitan por un liberalismo sen control fronte  os que avogan por unha socialdemocracia  na que o Estado ten parte de intervención,  axudan a que os cidadáns tamén se dividan en bloques case  sempre enfrontados. 
 
E eso podémolo ver con moita claridade no noso Estado onde o insulto gañoulle a partida o argumento, e o diálogo nin está nin se lle espera. Pois, a día de hoxe, non se confrontan propostas, non.  Non se buscan consensos en materias que afectan e moito a unha sociedade que precisa de acordos moi  amplos. Hoxe soamente se insulta. A frase manida: “Y tú más” é a que se escoita con moita frecuencia. Os políticos dun mesmo partido xa non se atreven a  discrepar publicamente coa liña oficial, pois se algún o fai seguro que non sae na foto ou non vai na lista nos seguintes comicios. 
 
Hai uns días escoitamos á presidenta de Madrid, que seica se sinte insultada, cando ela esquece que insulta o goberno chamándolle mafia, goberno tirano e corrupto   ou di que vivimos nun estado policial. E todos os demais do seu partido rinlle a gracia e danlle a razón, incluso Feijoo que se presentaba meses atrás  como un moderado. O insulto campa xunto á banalización das verbas e o seu significado. Pois fálase de ditadura ou de corrupción total cando moitos dos que falan debían estar calados e moi calados; dado que  non son exemplos de nada. E diante este panorama onde soamente se escoitan verbas de mal gusto, trolas e medias verdades, a xente toma partido e a sociedade divídese dunha maneira que  tensan incluso as relacións entre amigos e veciños.
 
Os países nos que a democracia existe caeron na man dun populismo que, sen escrúpulos, aspira ó poder a  calquera  prezo. A democracia estase convertendo  nun réxime moi fráxil  que sofre ataques dende dentro do seu propio ser. E todo axudado por eses medios que sen pudor manipulan verdades  e unha redes sociais que cuestionan os principios  básicos do respecto  e dunhas normas éticas que debían ser protexidas e coidadas.  Nestes tempos, mediante a manipulación e a manía de cuestionar case todo,  chegan ó poder verdadeiros psicópatas  que branquean o pasado máis escuro  da humanidade como foi  o nazismo e o que significou Hitler na recente historia do mundo. Que podemos esperar de persoas como Trump  que é un  narciso, un ególatra e un golpista; que podemos esperar de Putin que encadea á oposición e invade un pais soberano ó que manda mercenarios a loitar; que pode ofrecer un Milei que ó falar soamente insulta; que exemplo é  Maduro que ignora o mandato dos cidadáns; ou Netanyahu que arrasa Palestina e ó Líbano e pasa polo forro  as resolucións das nacións unidas.   E poderíamos seguir nomeando máis destes persoeiros.   En fin, cando o insulto no canto do argumento  borra do mapa os principios éticos  e morais  básicos nos que se asenta a sociedade democrática, cando    todo vale con tal de chegar ó poder, mal imos.

A Viñeta de Lopez - Insultos no congreso
A Viñeta de Lopez - Insultos no congreso
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com