Son dos que penso que a xustiza debe actuar nos casos onde as denuncias son xustificadas e teñen indicios sólidos. E polo tanto debe perseguir ós corruptos que sempre andan na busca do beneficio propio a conta dos cartos públicos. Mais dito eso, semella que empregar á xustiza pra con ela facer oposición non me parece normal. E afírmoo porque cando chegamos a casos que rozan á vida política, as cousas mudan é moito. Dado que neses asuntos de supostas influencias e corruptelas as cuestións son moi distintas e moitas veces actúase contra o goberno de maneira moi parcial.
Pois ben, dende hai un tempo a vida política deste noso Estado, fuxindo do debate, do contraste de proxectos e ideas, pasou a estar totalmente xudicializada. E como isto é así, a xustiza e os que a imparten tamén camiñan divididos á hora de interpretar as leis. A afirmación que fixo o gurú Aznar: o que poida que faga parece ter o seu efecto. E desta maneira comenzan as denuncias pra que algún xuíz que quere pasa á historia comence a buscarlle ás voltas a un goberno, e faino admitindo a trámite denuncias que carecen de fundamentos serios. Logo, os grupos da oposición, esaxeran e piden dimisións a esgalla, cando en casos semellantes nas súas filas ninguén dimitiu. Ou sexa: soamente fan ruído.
Se a memoria non me falla, con este lío sobor da señora Gómez e agora do Fiscal xeral venme á memoria o caso daquel presidente Demetrio Madrid, persoa que foi imputada e que dimitiu, aínda que quedou absolta pois non cometera delito algún. Tamén o de Monica Oltra no que pasou ó mesmo. E deste xeito chegou á presidencia de Castela e León José María Aznar e en Valencia o PP coa extrema dereita. Pois ben, casos como o sinalado hai moitos e case todos se deron contra políticos que non pertencen á dereita.
Facendo memoria ate en Ourense pasaron cousas semellantes. As denuncias xudiciais contra o bipartito e as esaxeracións axudaron a que hoxe este no poder un señor que desfai todo o que toca, claro apoiado na sombra polos populares. E agora qué? A cidade de Ourense cae a cachos e non se afronta ningún dos problemas serios que dende anos hipotecan ó Concello. Hai uns días a xustiza dixo que os audios que amosaban moitas e graves irregularidades no equipo de goberno non foran manipulados. Ou sexa que son verdadeiros. E esa xustiza que pensa facer? Pois se son verdadeiros haberá que chamar a quen fala neles pra pedirlle aclaracións.
En fin, estamos nun tempo no que a oposición non fala nin presenta alternativas ós problemas do país como a emigración, a natalidade, a vivenda, o abandono do rural, e un longo etc. Sí, xustifica o portazo ó presidente do goberno da Ayuso, aínda que desautorice a Feijoo. Polo que parece que o obxectivo é quentar o ambiente e facer barullo pra polarizar máis á sociedade. Xudicializar a vida política é un indicativo de que a oposición non é capaz de crear unha alternativa seria que vaia máis alá do balbordo, do ruído como di a cantiga de Sabina.
De pena.