Sobre o idioma galego

De que o galego está a perder espazo como idioma xa ninguén o nega. Soamente o fan os que, sen dicilo, traballan caladamente pra que vaia esmorecendo.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 24/02/2025

Comparte esta noticia
A  xente nova, fundamentalmente a que vive nas zonas urbanas,  semella que non o considera como algo necesario para a vida social, polo que descoñece o importante que é ter uha lingua propia e os valores positivos  que aporta. 
 
Diante esta realidade parece que o debate único céntrase en aplicalo máis no ensino, como se esa fora a única causa do declive polo que pasa  lingua de Rosalia, Pondal e outros sobranceiros galegos.  E non estaría mal que houbera máis materias que se ensinasen en galego. Mais, despois de moitos anos nos que o idioma se incorporou ó ensino de maneira minoritaria, penso que conviría facer unha reflexión  para atopar as moitas  razóns polas que. unha fala que perdurou viva e rexa ás épocas históricas máis duras dende Isabel a Católica e aguantou  viva durante a ditadura franquista,   agora camiñe cara a súa marxinación  nas cidades.  Polo que urxe abrir un debate que vaia máis alá do mundo do  ensino pra, deste xeito,   sacar á luz os erros cometidos e  tentar mellorar a situación.
 
Eu, que non son especialista  nin persoa de moitos coñecementos sobor do asunto, camiño entre a xente e vexo e escoito, polo que  apunto algúns aspectos que considero poden aportar algo neste tema. 
 
A primeira das causas está moi relacionada  co prestixio social. Os avós e pais galego falantes diréxense ós fillos e netos en castelán. Polo que dentro dos fogares hai un tema moi importante que afrontar, pois este  é  a causa fundamental  da ruptura da transmisión oral nas familias. Dado que os nosos maiores, quizais inconscientemente, vinculan poder  e un futuro con  mellor nivel social  tendo o idioma galego como algo pra andar pola casa, e pra o demais o castelán.  
 
A segunda é a  visión de que o idioma esta moi vinculado soamente ó mundo da cultura e das letras. E eso está moi ben. Pero sen deixar  de lado o mundo da empresa e o científico. E nese eido nada se fai por cambiar o tema. Polo que sería moi importante que o día das Letras Galegas buscara amplos horizontes, ben cambiando o nome e abríndose a incorporar novos espazos  e sectores económicos,  e  non soamente salientar  persoeiros das letras. Pois hai moitos galegos ilustres  no mundo da ciencia e da economía  que hoxe están totalmente  esquecidos. 
 
A terceira reside na visión de que as reivindicacións do galego  vincúlanse soamente a un movemento político e o eido sindical. Polo que o idioma aparece vencellado a un sector ideolóxico, o que impide que penetre noutros sectores sociais que non son desa ideoloxía. Neste senso sería moi importante unha campaña de penetración do  Galego que abranga a sectores moito máis amplos, pois o idioma no é patrimonio dos que dan certificados  de galeguidade.
 
A cuarta  estaría relacionada con que o  mundo rural, onde  maiormente fálase galego, está a perder poboación, co que o número de falantes perde espazo. Polo que, moitos dos que chegan a ise rural descoñecen o idioma dado que veñen doutros países e tamén merecen a nosa atención. 
 
Por último chegar a un acordo no tocante ó entendemento entre as dúas normativas actuais, a dos  Reintegracionistas que queren levar o idioma cara o portugués, e a oficial que está copiada do castelán  e  que pretende  integralo no mesmo pra que quede como un dialecto. Estas dúas posturas  certifican que  un consenso neste eido é moi necesario. 
 
En fin sen animo de polemizar, penso que o galego ten a día de hoxe un horizonte un tanto complexo. Polo  que necesita  da axuda  de todos  e tamén a oficial pra superar un tempo no que todo está a mudar. E pra que,  como dicía Cunqueiro, poida  perdurar  vivo mil primaveras máis.

'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua
'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua | Fonte: Queremos Galego
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com