Pra eles o mundo só é un negocio. Son xente que teñen unha visión unicamente empresarial, e que como todos teñen grandes fortunas carecen da sensibilidade social pra entender que, no planeta terra, a parte social que é a gran maioría, é o motor que move o planeta e ten unha dobre función: ser a man de obra e, á par, ser consumidores do que se fabrica ou obtén nesas grandes corporacións. Polo que estes endiosados persoeiros pensan que soamente lles compete a eles ditar normas e impor leis pra protexer os seus privilexios. O capitalismo de pequenas empresas. Aquel que estaba máis preto do traballador, que en moitos casos coñecía a todos os empregados, coa chegada desas multinacionais, os consellos de dirección e os bufetes de recursos humanos, pasaron a manexar soamente números e deixar de entender que detrás deles hai persoas e familias. Polo que ise troco trouxo unha deshumanización das relacións laborais. Hoxe, nesas grandes corporacións, soamente se buscan resultados económicos. O demais non importa. O factor humano soamente é un número sen nome nin problemas. É un peón que vive ó marxe desa empresa e que como tal trátase.
Pois ben, coa chegada o poder deste presidente dos EE. UU rodeado de xentes que dominan a maior parte das redes sociais, e sabedores da súa influencia na poboación, o perigo que se asoma para a sociedade e o mundo no seu conxunto é realmente importante.
Todo o mundo sabe que coa aparición das redes sociais onde cada quen pode dicir o que lle peta, abriuse unha vía pra que nelas se conten trolas, medias verdades que inflúen nos procesos electorais tanto internos como externos. Polo que, non pórlle cancelas pra evitar este desmadre por parte desas plataformas, lévanos a que estas mentiras e medias verdades para moitos teñen máis fiabilidade que moitas novas contrastadas e verdadeiras que aparecen nos demais medios de comunicación. Pedir que non existan filtros antes de publicar unha nova neses medios paréceme un disparate e un agravio contra os xornais e demais medios que si contrastan as noticias, e tamén contra a profesión xornalística. Polo que lanzar o vento mentiras e medias verdades sen que haxa un responsable que as comprobe e as asine, esta elevando á mentira e ó bulo á unha categoría de verdade, polo que préstase á manipulación ideolóxica e política. E por ise lado é cara onde imos. Pois os donos desas redes, que teñen tras de si millóns de seguidores, exercen unha influencia social desmedida á hora de tomar decisións como a de emitir o voto. E ese é o grande perigo nos tempos actuais.
En fin, os donos destas grandes empresas achéganse ós gobernos pra aumentar, máis se cabe, a súa influencia social e así amasar as maiores fortunas económicas. E a cambio darlle ós gobernantes o apoio lanzando as súas ideas pra que as convertan na doutrina dominante. Ideas que teñen como obxectivo controlar o poder económico partindo da base dun capitalismo sen faciana humana. Un capitalismo moi diferente ó das pequenas empresas, moitas familiares, onde existe unha relación máis social e humana entre o traballador e o xefe. A clasificación que seica fai da xente entre traballadores e vagos o sr. Elon Musk é unha boa sinal do que el entende como relacións humanas e laborais. Semella pois, que ó haber soamente unha visión económica das relacións humanas, camiñamos cara un tempo de retroceso social que traerá moitas convulsións políticas no mundo.