Todo o mundo sabe que pola súa situación xeográfica a nosa nacionalidade histórica produce moita enerxía a cal emigra para outras zonas do Estado e países da Unión Europea. E segundo os datos que se publican, Ourense é a provincia que vai á cabeza, non só desta terra, se non do resto do Estado na producción desa enerxía tan vital para a nosa existencia. Mais eso que é unha realidade avaliada polos números nada aporta como compensación a esta terra do interior galaico. Direi máis: cando se escoita falar a algúns dirixentes políticos de alén do Padornelo con certo desprezo desas provincias e din que están subsidiadas polo pai Estado, non escoito a contestación dos deputados ourensás, e lembro ó pouco que valoran a nosa riqueza. Polo que o desleixo dos grupos políticos estatais que din que nos representan neste eido é moi evidente.
Pois ben, Ourense dentro de Galicia ten un papel moi secundario a pesares de que moitos falen, premien e potencien a Ourensanía. Mais a realidade é moi distinta do que se di. Pois semella que moitos políticos están no poder coa única meta de manterse nel e vivir desa política sen facer nada por cambiar o seu rumbo. E fano a pesares de estar na provincia que lle dá as maiorías ós gobernantes actuais en Compostela. Hai uns días o presidente dos empresarios do Polígono de San Cibrao reprochaba a apatía e a falta de compromiso que había con Ourense, e facíao referíndose o mundo da política. Polo que eso que se predica e se premia con moito alarde falando de Ourense non é nada mais ca unha ficción, ou se o prefiren unha mirada nun espello adulterado e cóncavo, do que é a realidade.
Dado que se somos os maiores produtores de enerxía algún proveito habería que acadar desa fortaleza. Os ríos e os encoros non son propiedade particular de ningunha empresa. E agora que están a caducar moitas concesións, sería moi interesante que estas grandes corporacións investiran parte dos dividendos que quitan nesta terra ou que se fixera unha empresa pública galega. Polo menos esas ganancias reverterían nas zonas afectadas. Máis a realidade semella que non será así. Pois no eido reivindicativo, salvo nunha forza política, esta demanda non ten cabida. A xunta actual seica anda coa idea dun proxecto que semella que podería ir nesa liña. Crear unha empresa con participación pública e privada. Mais xa hai sectores que din que eso vai contra a liberdade das empresas e que as pode limitar no seu libre exercicio do mercado. Polo que o tema quedará aparcado ou será soamente un anuncio.
Conclusión: somos a provincia que máis kilovatios produce do Estado, e a día de hoxe nin ós Concellos que teñen os encoros nin a comunidade en xeral teñen ningún aporte económico por tal asunto. Direi máis, pois ate pagamos pola enerxía que sae dos noso encoros o prezo do transporte téndoa ó lado da casa. E agora queda o dos eólicos a esgalla sen valorar e limitar as causas adversas que deles se derivan. En fin: acóllome a un dito popular que ten moita razón: se non valoras o que tes nin o que produces sempre estarás supeditado ós demais e bailarás o seu son.
A galeguidade e a ourensanía tal como a entenden os que hoxe mandan, non é nada máis ca un escaparate baleiro de contido que queda moi ben un día, pero logo no vale pra nada. E se non que que lle pregunten a Deputación, que ten que pagarlle unha débeda de máis dun millón de euros a unha eléctrica que por riba de estar forrándose cos cartos que saen dos nosos encoros, aínda reclama mais euros.