Esta é a realidade do que maiormente acontece en case todos os conflitos bélicos. A proposta que lanzou o ególatra e narcisista Trump de facer unha zona turística pra xente acomodada en Gaza, da a entender que este era un plan ideado, pero agochado, entre os americanos e os xudeos. Pois os xudeos, sempre soñaron co gran Israel ampáranse en conceptos bíblicos.
As guerras, por moi xustas que poidan parecer, sempre deixan morte, miseria e destrución. E como sempre acontece, despois ven o tempo de arranxar o que se desfixo e é cando aparecen os salvadores que son os que axudaron a ise pais con armas na contenda bélica.
Vivimos un tempo onde a lei do máis forte estase a impor. Onde a submisión ó todo poderoso imperio ianqui é unha realidade. Volve o imperialismo mesturado cun patriotismo económico a campar no mundo. Un patriotismo que estivo presente na capital do reino convidado por Abascal e que lle rende pleitesía a Trump como nos tempos do feudalismo. A vella Europa sofre, dentro dela, as contrariedades dos seus socios que non cren nela e quérena dinamitar dende o seu interior. Hoxe o vello continente xógase seguir sendo un lacaio dos gringos ou ter entidade propia nun mundo que pode que soamente sexa a tres. Mentres os cidadáns asistimos impávidos a uns cambios que tiran por terra as lexislacións e institucións internacionais. Institucións que pretenden un mundo máis civilizado e mellor. Polo que, si as normas internacionais son vulneradas polos grandes imperios esta aldea global pasará a ser a terra onde cada estado pode facer o que lle pete. E as condenas políticas que se fagan non valerán ren, pois serán como foguetes de artificio. Ou sexa: moito ruído e poucas noces.
A volta do narciso Trump está a cambiar moitos conceptos que ate agora eran a base do entendemento mundial. E xunto con China e Rusia auguran que viviremos anos baixo a lei do máis forte. Volvemos ós tempos da lei ditada por unhas persoas que soamente teñen un obxectivo: gañar cartos a custe do que sexa. Polo tanto estamos entrando nunha situación onde, moitos dereitos sociais acadados corren o perigo de seren derrubados, aínda que estes non obrigan. E todo en aras da sacrosanta liberdade. Si, unha liberdade manipulada baixo o dominio das grandes redes sociais. Estas que tentan modelar e manipular en aras desa liberdade ficticia a opinión da xente e o seu voto.
Cando penso no futuro e vexo como moita xente moza se suma ó apoio de formacións que predican a xenofobia, o racismo e a discriminación social, agochando intencionadamente o seu programa político, penso na inxenuidade e no descoñecemento do pasado destes mozos que naceron nun mundo cheo de comodidades que non tiveron os seus avós e pais. E penso que fixemos mal na educación pra que estes mozos non valoren moitas cousas que hoxe temos, e digan que esta sociedade é unha merda. Que o liberalismo sen límites ten moita culpa do que hoxe acontece é verdade. Pero caer nas redes quen predican un liberalismo sen ningún control, e pensar que eso é a solución ós problemas do mundo actual, amosa que se é un ignorante ou un cretino. As guerras e demais conflitos sociais sempre trouxeron inxustizas e moita dor; e aínda que despois de rematadas sempre houbo un tempo de crecemento e traballo, hai que evitalas.. O que hoxe acontece no mundo ten certo paralelismo co qie pasou nos prolegómenos da segunda guerra mundial. Daquelas, o odio foi cara o pobo xudeo e outras minorías. Pero o mais triste é que a día de hoxe, os xudeos fan algo semellante cos palestinos. En fin, as guerras sempre foron un negocio para algúns. Esa é a realidade aínda que non nos guste.