Un dito moi noso sentencia, que a xente mídese polos feitos e non polas verbas que di cando promete a solución a todos os problemas que hai na sociedade, e por extensión no mundo. Ou sexa: valórase por como actúa e non polo que di ou promete tal o cal fulano, pois maiormente todo remata de moi distinta maneira á imaxinada.
Coa chegada das novas tecnoloxías sementar medias verdades e trolas, e todo coa intención de crear modificacións e tendencias no pensamento dos electores, ven sendo un obxectivo para os novos salvadores da humanidade. Os moitos medios que a IA hoxe lles facilita axudan é moito. E nese eido está o dominio desas empresas que controlan as redes sociais, onde cada quen desbarra e di o que lle peta sen ter ningunha responsabilidade á que aterse.
Hoxe en día vivimos un tempo onde todo, incluíndo a orde mundial, semella que está a ser derrubado polas ansias imperialistas dunhas persoas ególatras que se consideran pouco menos ca unha casta superior; unha casta que está chamada pra gobernar o mundo. O imperialismo sempre estivo presente nas nosas vidas. Pois dende a escola sempre foi un referente, dado que deixou moitas sinais da súa existencia. E cando se falaba da historia dun pais sempre se mencionaba ás súas leas, vitorias e conquistas.. Polo que as conquistas eran algo semellante a relatar unha fazaña da que nos sentíamos moi orgullosos.
Mais, que se agocha tras do imperialismo? Pois tras del está o poderío dun estado e das súas xentes que se senten superiores ós dos países que non pertencen a ese imperio. Pero no fondo de todo, está o poder de mandar sobre a vida dos demais e de imporlle a outros países cargas co afán de sometelos a súa forma de ver e gobernar o planeta.
Pois ben, pasado o tempo do entroido onde todo, ou case todo, está permitido, volvemos o pesadelo pois o Trump e todos os seus seguidores comenzan a aplicar as súas maneiras de gobernar. E comezamos a aceptar que o da guerra de Ucrania vai acabar pouco menos que con un pacto de rendición ate o imperialismo ruso; que os israelitas seguen machacando ós palestinos, e que esta vella Europa cada vez esta mais soliña. Polo que ten que pórse as pilas pra seguir sendo o espazo xeográfico onde mellor se vive e onde campan as liberdades. Esta é a realidade deste tempo. Polo que, como a necesidade obriga veremos como cantan os líderes das distintas forzas políticas no tema do armamento, e, sobor de todo, aquelas formacións políticas que teñen certo favor a prol do réxime de Putin. A ver que é o que fan os que pensan que as invasións se paran con palmadas no ombreiro, ou con posturas e testemuñas que non vale pra nada. Chegou o tempo de ser ou non ser pra este vello continente. Pois os ególatras e narcisistas que ameazan coa motoserra séntense fortes e soñan con solucións que van contra os dereitos das persoas pra decidir que facer coa súa vida, pois son os que corren perigo. Vivimos tempos de incerteza. Tempos onde un populismo chocalleiro invade a sociedade e pretende marcar o devir do mundo, diante a pasividade de moitos que descoñecen ou ignoran o pasado recente da segunda guerra mundial. Polo que preocupa que moitos mozos abrazan e xustifican, non so comportamentos machistas e ditatoriais, se non que apoian as teorías de grupos que defenden o Trumpismo e o imperialismo. En fin, todo pinta moi escuro. Estamos no tempo onde trunfa a egolatría e o narcisismo; estamos nas mans de ególatras que queren impoñer un imperialismo rancio, agresivo que coarta as liberdades. De pena. Esperemos acontecementos e iremos vendo.