Nestes tempos que corren tan axiña, como os actuais, calquera análise da situación xeopolítica case sempre parte dunhas premisas lóxicas, pero o presente xa está fóra de calquera lóxica e por tanto as súas conclusións, terán algún acerto e moitos erros, mais previsible é que todo o que está agardando por decidir teña axustes a conveniencia dos que vaian a tomar as decisións. Os sistemas formalmente democráticos tamén foron atopando atallos e abandonando o camiño principal no exercicio do poder. Hai moita causalidade nesta deriva, pero a delegación permanente do corpo electoral na súa representación institucional ten moita importancia e si a pretensión é "volver ao rego", deixémonos de lerias e aceitemos que, " para facer un cesto hai que comezar polo cu" ou dito doutra maneira, o futuro sempre terá un pasado e un presente e por iso, a historia axúdanos a entender, comprender e mesmo a interpretar como os diferentes eventos moldearon o hoxe e terán unha influencia no mañá.
Ninguén sabe canto vai durar o "trumpismo", nin como vai tecer as súas alianzas tácticas e estratéxicas, mais unha gran parte da humanidade xa ten comprobado que ademais de moito poder e moitas escopetas ten pouco ollo e con moita probabilidade "o tiro vaille saír pola culata" e aínda que el non saia ferido o Mundo vai sufrir e ter moitas convulsións. Pregúntome, teño algunha obriga de calar diante deste xogo da utilización do poder dunha maneira tan pervertida como obscena?
Tiven que convivir moito tempo, e sigo a facelo, coa caricatura e a adxetivación da pertenza o "club do non" sen que, polo de agora, quenes fixeron tal exercicio desde a impunidade política no exercicio do poder e o dereito a liberdade de expresión, sexan penalizados. Nesta paisaxe marabillosa chamada Galiza, a miña nación, o proxecto Altri está a poñer de manifesto, unha vez mais, a lei de contrarios. Dunha banda, os do "Si a Altri" por que sempre en un si as súas conveniencias fronte os do "Non de Sempre", por que a Nosa Terra non lle convén tal proxecto, nin a necesidade está xustificada. E no medio, os calculadores, os que lles gustaría meterse no rio da lei de contrarios (en beneficio propio) pero sen mollarse. Abonda con lembrar a Castelao cando dixo: o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades e as ideas en feitos.
É posible unha nova configuración mundial pero as bases ideolóxicas nas que poida apoiarse non serán as tradicionais, que derivan da confrontación clásica entre a dereita e a esquerda. A soberanía nacional e o imperialismo probablemente sexan os nutritivos principais na nova dinámica e o belicismo militar ou económico unha das retóricas necesarias na confrontación. Iso si, o discurso de presentación da contenda sempre alternará a belixerancia coas chamadas constantes á "democracia" e ao "pobo", mais este só terá dereito ao seguidismo dun poder con tendencia ao absolutismo e uns liderados verticalizados polas estruturas políticas e sen moitos contrapoderes con posibilidades de condicionalo. A liberdade non será máis que un reclamo con tendencia ao abstracto, por que hai tempo que a delegamos totalmente no aparello institucional e o pobo xa no é o que mais ordena, como garante para darlle a concreción necesaria en cada tempo da historia. Votar e deixar facer, máis que un remedio parece unha fuxida cara a ningures.
A coxuntura internacional e a inercia na deriva ideolóxica, está a entregarnos ao rearme como mellor solución ou fórmula, antes de darlle unha pensada as causas que poden estar a levarnos cara un novo desastre anunciado. Antes que prantexarnos outro camiño para chegar onde queremos ir, o obxectivo do poder non é outro que atopar atallos inexistentes. A eternidade das múltiples fes relixiosas que mentres prometen a salvación guerrean canto poden no presente como fixeron no pasado, ao longo e ancho deste Mundo, tampouco debera ser a alternativa desexable.
A historia da humanidade é unha aínda que está chea dunha morea de interpretacións. A historia interminable de Ende propúxonos unha posible saída da encrucillada: darlle as costas á realidade e unha volta a fantasía. Ese é o percorrido que leva a cabo o heroe daquela historia. Para descubrirse, a si mesmo, "Bastián" debe primeiro abandonar o mundo real (onde nada ten sentido) e penetrar no país do fantástico, no que, pola contra, todo está cargado de significado.
Fareille caso o Sr. Freixanes (o Expresidente da RAG) e non serei pesimista diante dos acontecementos que estamos a vivir e acreditarei no que está por vir, confiado, como estou, en que atoparemos ou atoparan unha solución de máis e mellor democracia para que os pobos e quenes moramos neles podamos exercer a liberdade sen tanta delegación permanente.
É necesario facer unha chamada de advertencia aos pobos do Mundo ante os acontecementos que, seguramente van condicionar as nosas vidas polo que, debemos estar atentos e dispostos, de novo a loita nestes tempos tan apresurados como indecentes que, sen paz, sen liberdade, sen xustiza, sen dignidade, sen solidariedade, sen soberanía, non teremos futuro como humanidade.
Agardo polo maio da choiva aínda que nalgunhas latitudes só desexen a chegada do verán e esquezan que a auga e a terra foron, son e serán os mellores aliados para construír calquera futuro posible. Gusto da lectura da historia, dunha interpretación propia da realidade e comparto fantasías con xentes que soñaron e seguen a termar dunha Galiza dona de seu.