Tres apuntamentos

"E por un momento sentín que se cadra unha idea é máis importante que o mero feito de estar vivo, porque unha idea vive moito tempo despois de que un morre" Douglas Coupland

Por Fermín Paz | As Pontes | 29/04/2024

Comparte esta noticia
Hai tres asuntos que polo de agora reclaman unha maior atención dos medios de comunicación e, como consecuencia, parece que a xente concentra os seus esforzos en tratar de despexar as incertezas creadas por ditos asuntos. Eu non teño o mesmo convencemento pero falarei un pouco deles, deténdome ou escorrendo un pouco as miñas neuronas neles e non só por levar a contraria a axenda marcada por quen quere fixar as prioridades senón porque eu, teño as miñas.
 
Primeiro.- Os 5 días que o Presidente reclamou como permiso retribuído antes de tomar a súa decisión, debuxa un contexto na súa escrita pouco sorpresiva pero ao parecer, pode ter un desenlace "apaixónante". Vou tratar que publiquen este artigo  como moito na mañá do luns dia 29 de abril para non aproveitarme da súa decisión. Non creo que se vaia por amor e para protexer a súa familia. O meu razoamento é sinxelo, sería un erro porque non ía acadar o seu obxectivo, seguiría recibindo "caña, caña e caña" . Agora ben, a súa debilidade aparente en termos políticos (as únicas batallas que se perden son as que non se dan), sería dunha grande fortaleza ética que merecería o meu respecto. Calquera outra das posibilidades que se están a barallar serían decisións con encaixe táctico ou estratéxico na dialéctica dos acontecementos e as súas derivadas, entrarían de cheo no desenvolvemento lóxico dunha decisión de carácter exclusivamente político. De cando en vez gusto de ver decisións achegadas aos sentimentos e da "química", aínda que sexan erradas, que aquelas outras máis "físicas" dos que sempre toman as súas  decisións seguindo as regras no manual da lei dos contrarios. Polo que estou a ver e a escoitar, todo apunta a unha decisión baseada na lóxica da política que non merece moita máis atención pola miña parte.
 
Segundo.- Os resultados das eleccións catalás, seguramente traerán sorpresas, non tanto pola orde dos apoios, primeiros os socialistas, segundos os de J'unts, terceiros os de ERC,..., senón polos acordos ou apaños aos que teñan que chegar as diferentes alternativas competidoras, se é que chegan antes de ter de novo que recuncar noutro confronto, para despexar as incertezas e atopar unha saída política á  encrucillada na que, basicamente, teñen que atopar unha fiestra de orientación exclusiva  cara o nacionalismo   ou outra tendente ás gobernabilidades compartidas no Estado Español e en Cataluña, con dúas prioridades: soster aos Executivos e os apoios parlamentares necesarios. E ambolos dous casos, acordar un desenvolvemento actualizado dos asuntos pendentes no referente a amnistía, á consulta popular ao pobo catalán para decidir libremente sobre a súa soberanía  e os seus encaixes constitucionais definitivos.
 
Terceiro.- Vou facer unha consideración  de partida. Se acreditamos que a soberanía é o exercicio da autoridade nun territorio e que dita autoridade debe ser exercida polo pobo (aínda que logo ese poder o delegue nunha representación elixida, de acordo  cunha normativa regulada por un proceso electoral democrático no relativo á liberdade de decisión de cada habitante dese territorio, pero algo desproporcionado en canto ao número que aporta cada territorio na configuración estatal de hoxe), coincidiremos tamén que, o exercicio da soberanía debera esixir unha independencia sen  restricións. Se a autoridade dese poder non ten competencia total e vai ser exercido desde outras formulacións organizativas, teriamos que poder votar tamén se a nosa decisión sobre ditas cuestións en cada convocatoria electoral é ou non coincidente coa que se nos está a impoñer. As delegacións permanentes non son aconsellables en ningunha estrutura política democrática.
 
A poboación dos Estados Europeos na configuración de hoxe e  que ten dereito a voto è convocada so para elixir unha representación e o demais, que tamén nos afecta, compromete e obriga pola pertenza a outras superestruturas rexidas por normas que teñen unha vixencia, vinculación e competencias  que, non poden poñerse en cuestión pola delegación permanente que estamos a facer cada vez que votamos. Ou sexa, a estrutura Europea con eivas democráticas importantes é un aval dunha superestrutura con moitas máis. O noso voto é unha autorización sen condicións, non só para está  construción chamada Europa senón para moito máis.
 
A base ou estrutura, é a base económica e material da sociedade. Dita estrutura está determinada polas relacións de produción, e oponse á superestrutura. Marx e Engels pensaban que a estrutura económica era a forza motriz que determinaba a natureza e o carácter da superestrutura. A construción Europea cada día que pasa é deseñada por algunha dás superestruturas do poder da orde mundial e non do revés. Tal vez neste proceso atopemos algunha explicación da razon do menor peso específico desta Europa. Algunhas mais na comprobación dos seguintes parámetros: si o BCE manda na política monetaria e a OTAN na política exterior e militar, a Comisión Europea pouco choio ten que facer, mais alo da xestión dun territorio concreto co denominador común da desigoaldade e moitas veces con intereses moi diverxentes.
 
Consecuentemente a miña lóxica lévame a facer a seguinte clarificación: o Atlántico é un eixo con moito poder acumulado en relación a súa poboación,  o seu poderío económico e unha converxencia sen avanzos , se o comparamos con outros eixos que están a condicionar, reorientar e dirimir o conxunto das supremacías no Mundo e polo tanto a  tendencia vai ser decrecente tanto no relativo ao poder político como económico.
 
Desde esa perspectiva o sistema occidental, vai a camiñar paseniñamente a unha deriva preocupante . O seu "establishment" pregoa o asunto das liberdades e cala ou quere impoñer a súa "verdade" contra as dos demais. Os seus rivais emerxentes non entenden as leccións que  pretenden darlles, sen facer ningunha renuncia ás tecnoloxías e o modelo vital que o sistema brinda ao consumidor para compensar a súa frustración en moitas dás realidades. O máis probable é que calquera goberno occidental que formule un programa de decrecemento tería unha reacción dos poderes fácticos do capitalismo para que mediáticamente e socialmente, fose irresistible.
 
Baixo o liderado de EEUU, Europa occidental cedeu parte da súa soberanía en seguridade e defensa, e converteuse no seu aliado principal. O Atlántico era o espazo de solidariedade e de defensa dos valores de Occidente. Todo iso está mudando nun proceso que afasta o centro de gravidade do propio Atlántico e vaino desprazando cara ao Pacífico. Hai tempo que se foi achegando ao estreito de Malaca, na conxunción  do Pacífico e do Índico.
 
Tal proceso, foi alimentado polo auxe espectacular de China e o seu obxectivo explícito é converterse na maior potencia do mundo para mediados do presente século. O futuro do mundo está a concentrarse no Indo-Pacífico. Non só pola evidente relevancia estratéxica de Malaca, senón pola viraxe asiática de EEUU no seu actual consenso interno sobre a necesidade de conter o expansionismo chinés no sueste asiático e os mares que o circundan, tanto ao Leste como ao Oeste de Malaca, coas reclamacións territoriais cada vez máis agresivas (e coa súa deriva militar) da China no mar do Sur ou no do Leste, e que a enfrontan con Xapón, Vietnam, Filipinas, Taiwán ou, mesmo, en menor medida, con Malasia. Especial atención merece a escalada,  acompañada xa de movementos militares, por parte da China sobre Taiwán, na perspectiva da, para eles, inevitable reunificación. Na medida que se vai diluíndo o vínculo atlántico (e debilítase a Alianza) iremos vendo como se constitúe un vínculo (e quizá unha alianza formal no futuro) no Indo-Pacífico. 
 
Agora falamos e preocupamos do que está acontecendo en Ucraína, Palestina, Israel, Irán, e todo o que ten que ver cos confrontos en Africa o no Mundo Árabe entre as diferentes correntes relixiosas, pero nada disto vai ser decisivo na xeopolítica da segunda metade do século XXI. Na teatralidade do conflito, Europa vai ser un actor secundario no guión preestablecido pola superestrutura do poder capitalista baixo o mando e as comenencias dos EEUU e disto nin imos ser consultados nin imos votar nas eleccións europeas. 
 
A modo de conclusión, o que diga Sánchez  o luns,  o que pase nas eleccións cataláns ou nas europeas será do meu interese, pero non vai cambiar os meus plans para os vindeiros días. Irei ao primeiro de Maio á manifestación da CIG e se ten que chover que chova.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, intervén durante clausúraa da convención política do PSOE
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, intervén durante clausúraa da convención política do PSOE | Fonte: M. DYLAN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.