Farei unha aclaración de primeiras aínda que logo empregue tanto a mentira como a falsidade, no mesmo plano. Mentir e enganar, tendemos a usalos como sinónimos, e en
realidade, non o son. Entre outras cousas porque, mentres que a mentira pode ser voluntaria ou involuntaria, o engano, sempre se fai de forma intencionada e voluntaria. Agardo que a utilización dos dous termos sen filtro non leve a ningunha confusión, porque parto da base que todo o mundo, menos a cativaría noviña, mínteo algunha vez e tal vez o desequilibrio que poda provocar é o non saber a razón ou motivación dese facer.
A verdade ten moitas caras, tantas como os seres vivos deste territorio. É algo ao marxe
da nosa capacidade e intelixencia, algo inalcanzable. Quizás hoxe xa en tempos da "posverdade" ou "fake new" a ética xa non existe e para non deixar fóra a ninguén, a moral tampouco. O Homo sapiens é unha convención xeneralista para poñernos enriba nesta pirámide da natureza, xa que algúns de nosa especie teñen o poder, os medios, a forza para facelo. A capacidade para o engano tamén existe noutras formas de vida, mais nos demais casos, está sempre ao servizo da propia supervivencia. Por iso, de sabios nada e aínda que atopemos de todo nas ringleiras do ser humano, o incremento da depredación, do oportunismo e da mentira dun xeito exponencial, é unha realidade.
A mentira e o engano xa acadaron unha nova consideración, tanto na política como nas leis e mesmo socialmente. É un medio para obter fins confesables e tamén do contrario. De feito, míranse cunha certa normalidade coa que debemos acostumar a coexistir, e cada día recibimos consellos das autoridades para defendernos da súas perigosidades. Aínda que pouco despois descubramos que dita perigosidade tamén está agachada na xente que está a mandar na política, na economía, na xudicatura, etc... En fin, a deixar sen clareza a diferencia entre o prezo e o valor, entre a predica e o exemplo, entre un ideario político e servirse del para mellor vivir.
Algo semellante como o que está acontecer cos comportamentos contra o medioambiente, a violencia de xénero, a discriminación da diferenza, os delitos económicos, a corrupción, a democracia, a soberanía nacional, etc., a única protección real contra a mentira é unha decidida actitude da sociedade. Ao final, a verdade é unha cuestión de valores e interpretacións.
Se nos descoidamos, a maioría pode aceptar que o mal é necesario, que non hai crise
climática, que hai que exterminar a algúns «outros» (sexan persoas, animais ou vexetais), para salvarnos ou deixar que as epidemias maten aos pobres para rebaixar o risco de calquera revolta, revolución ou o libre exercicio da soberanía nacional en pé de igualdade, que a pobreza é consecuencia da preguiza ou de non querer traballar sen dereitos, que a democracia é igual que unha ditadura perfecta porque a súa representación foi elixida polo pobo, que vacinarse ou tomar medicamentos é só facer o xogo ás industrias farmacéuticas, que nunha pandemia todo é xustificable polo mero feito de salvar vidas, que a mentira e un bo atallo para chegar o poder, que a guerra é necesaria sen saber para quen e para que, que a representación pode exercerse sen ningún control dos representados, que o poder pode exercerse sen limitacións...
Hai que loitar contra estas mentiras, sabendo que non desaparecerá do mundo porque é unha moi vella estratexia da vida e que, nalgunhas culturas mais que en outras, non fixeron máis que potenciala de xeito exponencial e tamén, porque non dicilo, ás veces deixámonos enganar non só polas mentiras doutros, senón tamén polos nosos desexos e temores.
A xente non está desanimada pola realidade, se acaso está indefensa diante das falsidades de quen manda, de quen se instala na mentira e agacha a verdade, de quen tira proveito dunha ideoloxía para si e non para a Comunidade. Hai que reaxir. Tamén na democracia, na rúa a loita continúa.
A verdade está de fuxida en moitos territorios. Hoxe merece atención, de novo, nas miñas entendedeiras: Palas de Rei, na que Altri presenta un proxecto para facer unha nova celulosa agachando as súas verdadeiras intencións, Alcoa na Mariña que segue a facer "trampas ao solitario" e nas Pontes Endesa e o "colaboracionismo" coa chamada transición xusta que só é unha demolición encuberta envolta en mil promesas incumpridas.
A liberdade ten que ser a nosa opción e alternativa na defensa da dignidade, do noso e
de nós.