1 de 4910 en Opinión seguinte

Todo o poder para Trump

A lóxica expectación creada arredor das eleccións celebradas este pasado día 5 nos Estados Unidos xa ten un desenlace práctico. Donald Trump regresa á Casa Branca cun poder absoluto: ademais de conseguir a vitoria fronte a Kamala Harris (nesta ocasión, obtendo tamén unha maioría de votos populares), ten asegurado o control da Cámara de Representantes e do Senado e segue mantendo a coñecida maioría de membros do Tribunal Supremo.

Por Xesús Veiga | Compostela | 18/11/2024

Comparte esta noticia
Xa que logo, os tres poderes que configuran a clásica estrutura dos sistemas democráticos fican nas mans dun político que ten reconvertido o tradicional Partido Republicano norteamericano nunha formación populista (MAGA) configurada ao servizo do seu liderado autoritario.
 
Para tratar de explicar completamente a vitoria de Trump convén atender aos primeiros datos que se están coñecendo sobre o comportamento que tivo o electorado. Polo que se ve, Harris ficou por debaixo das expectativas de apoio entre as mulleres, as persoas novas e as de orixe latina. Neses tres segmentos Trump medrou a respecto das cifras que tiña acadado hai catro anos, recollendo un sumatorio heteroxéneo de malestares presentes nunha boa parte do corpo social. Sábese, ademais, que houbo una menor participación que no 2020 (uns 20 millóns menos de votantes) e que, previsibelmente, tal circunstancia penalizou primordialmente a Harris por ser a herdeira do desgaste padecido pola Administración Biden (singularmente no ámbito económico, por mor do medre da inflación). E tamén se pode afirmar que Trump non era un descoñecido para a sociedade norteamericana. Ademais da liña seguida durante a súa anterior presidencia, promoveu a invasión golpista do Capitolio rexistrada en xaneiro de 2021, está condenado pola comisión de diversos delitos e fixo unha impúdica exhibición de machismo, negacionismo climático, odio á inmigración e uso reiterado das "fake news" durante a súa prolongada campaña electoral. A conclusión é moi preocupante: o corpo electoral sabía o que lle ofrecía este candidato e, maioritariamente, decidiu darlle a oportunidade de controlar todo o poder político.
 
Mais alá da análise sobre o comportamento do electorado (por sexo, por idade, por orixe étnica, por nivel de riqueza) é preciso engadir un factor explicativo relevante: os graves erros cometidos polo aparato dirixente do Partido Demócrata e, particularmente, polo presidente Biden. O papel diluído desempeñado por Harris na vicepresidencia, a demora na definición dunha candidatura demócrata e o apoio á política criminal do goberno de Israel puideron desmobilizar a unha parte dos votantes potenciais na conxuntura de máxima igualdade que reflectían a case totalidade dos estudos demoscópicos.
 
Os resultados desta cita electoral admiten dúas lecturas diferenciadas aínda que complementares: os efectos que poden causar na estrutura política e social norteamericana e os eventuais impactos no resto do mundo.
 
No interior dos USA, é previsíbel que Trump insista nas políticas que afondan na ruptura dos hipotéticos consensos básicos invocados polos seus antepasados republicanos. A súa é unha lóxica rupturista que asume a máxima polarización como algo naturalmente asociado aos seus obxectivos políticos. O seu mandato vai permitir medir a dimensión e a intensidade dos contrapesos existentes nos tecidos institucional e social norteamericanos. Dominando os tres poderes da arquitectura constitucional (lexislativo, executivo e xudicial) e tendo o apoio explícito e militante de Elon Musk (o multimillonario propietario dunha das operadoras mais influínte no mundo das redes de comunicación), a pregunta está servida: ate que punto serán capaces de neutralizar as derivas antidemocráticas aquelas empresas mediáticas convencionais (na prensa, TV e radio) que manteñen posicións críticas co novo inquilino da Casa Branca?
 
No escenario internacional, o trunfo de Trump vai orixinar algunhas consecuencias significativas a curto e medio prazo: apoio total a Netanyahu para que complete a limpeza étnica no territorio palestino; buscar un acordo con Putin para establecer unha saída á intervención militar rusa en Ucraína que supoña unha alteración parcial das actuais fronteiras deste Estado; maior belixerancia económica con China e coa UE, aplicando medidas fiscais que dificulten e/ou encarezan as exportacións de produtos ao territorio norteamericano. A Europa comunitaria vai ter que aturar, a partir de agora, un novo problema: como respostar de xeito unitario a este novo desafío cando existen algúns dirixentes -Orban, Meloni...- que proclaman a súa total sintonía co novo zar de Washington.
 
Finalmente, a vitoria da ultradereita norteamericana certifica a existencia dunha onda reaccionaria global que vai alimentar ás forzas que profesan un ideario semellante en Latinoamérica e no continente europeo. Dende Bolsonaro e Milei ate Abascal e Le Pen existe un amplo catálogo de aspirantes a espallar este perigoso virus da intolerancia fascista. Se hai 40 anos, Reagan e Thatcher protagonizaron unha involución conservadora, o ciclo actual dáse nun contexto xeopolítico diferente (por exemplo: non hai o bloque "alternativo" encabezado pola URSS) que pode favorecer o agravamento dos seus efectos.
 
Nos vindeiros anos, as esquerdas van ter un reto de grande envergadura para o que, desgraciadamente, non semellan estar aínda suficientemente preparadas.

Simulación de Trump sendo detido xerado por unha intelixencia artificial
Simulación de Trump sendo detido xerado por unha intelixencia artificial | Fonte: Midjourney
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.