A obsesión venezolana do PP

Non se pode descoñecer a crecente importancia das dinámicas que se rexistran no escenario internacional na evolución da situación social e política dunha parte relevante dos Estados actualmente constituídos. Cando se vivía nun mundo basicamente bipolar, a lóxica da confrontación entre o bloque encabezado polos USA e o que pilotaba a URSS diminuía substantivamente a marxe de autonomía das políticas desenvolvidas no seo dos distintos países dun ou doutro bloque. Hai 40 ou 50 anos, todo resultaba mais previsíbel e a grande maioría dos gobernos xa tiñan codificadas as respostas que debían dar aos feitos que acontecían na area internacional.

Por Xesús Veiga | | 07/10/2024

Comparte esta noticia
O que está sucedendo nas últimas semanas no ámbito do Estado español como consecuencia das eleccións celebradas en Venezuela no pasado mes de Xullo constitúe unha evidente anomalía por canto soborda os limites habituais dos impactos de sucesos exteriores na política interior española. Esta circunstancia excepcional deriva da conxunción de dúas realidades. Unha: a opción tomada polo PP -dende hai anos- en favor da conversión da situación venezolana nun elemento prioritario da estratexia de desgaste daquelas formacións de esquerda que manifestaron distintos graos de simpatía coa "revolución bolivariana" promovida por Hugo Chávez no comezo do presente século. E outra: a negativa do goberno de Nicolás Maduro a publicitar as actas electorais que permitirían certificar o resultado dos comicios.
 
A coincidencia desta obsesiva campaña do partido de Feijoo coa ampliación ao Líbano da política de exterminio practicada por Netanyahu en Gaza constitúe unha demostración da fonda hipocrisía coa que actúa esta formación política. Se o comportamento do goberno de Maduro merece o máximo reproche dos dirixentes do PP, por que non condenan o impúdico exercicio de terrorismo que está desenvolvendo o Estado de Israel? Por que é mais grave non publicar as actas electorais en Venezuela que enviar explosivos nos dispositivos de comunicación que utilizan membros dalgunhas organizacións islámicas en territorio libanés? 
 
No tempo que leva presidindo o PP estatal, Núñez Feijoo ten amosado un volume notábel de silencios e incongruencias no ámbito da política exterior. Un exemplo recente e moi significativo é a carencia dun pronunciamento explícito sobre as súas preferencias nos transcendentais comicios norteamericanos do vindeiro 5 de Novembro: aposta por Kamala Harris ou prefire -como a súa compañeira Ayuso- a vitoria de Trump? A belixerancia actual sobre a situación venezolana non se compadece coa implícita aceptación que practicou no seu momento a respecto das relacións que mantivo un dos seus pais políticos mais sobranceiros -Manuel Fraga- con Fidel Castro e co dirixente libio Gadafi. Como explicaría hoxe aquelas chamativas familiaridades despregadas polo fundador de AP? En realidade, é inútil buscar coherencia nos sucesivos posicionamentos  de Feijoo (nesta materia ou noutras): o "camaleonismo" forma parte intrínseca do seu comportamento político. 
 
O sucedido nas eleccións venezolanas ten suscitado un certo nivel de polémica no universo situado á esquerda do PSOE. As críticas formulada por algúns destacados dirixentes das esquerdas latinoamericanas (Lula, Petro, Boric e López Obrador) e a reclamación dunha completa transparencia no coñecemento das actas que permitan constatar a verosimilitude dos resultados anunciados por Nicolás Maduro non atoparon comprensión e apoio nalgunhas forzas galegas e estatais que se proclaman defensoras de horizontes de transformación democráticas para as sociedades de América Latina. O apoio acrítico ao goberno de Maduro neste asunto relevante non ten unha xustificación convincente e orixina unha lamentábel perda de credibilidade destas organizacións de cara ao futuro.
 
Conseguirá o PP, finalmente, obter o rédito electoral que busca coa utilización da situación en Venezuela? Non se pode afirmar, con seguridade, que acadará en todos os territorios do Estado ese obxectivo insistentemente pretendido. O que se pode afirmar é que está arruinando a súa capacidade para contribuír a unha saída negociada do complicado conflito social e político que se vive naquel pais latinoamericano.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.