Vivir no rural

Cando alborea a mañá despertan os namorados, pois o galo co cantar chamou ó día sen pranto. Aturuxou coma sempre, a súa obriga é cantar, e díxolle á lúa chea: Vaite lúa a descansar...

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 06/09/2024

Comparte esta noticia
Non é o primeiro caso no que uns urbanitas que veñen a desfrutar da natureza nunha casa rural erguen a protesta descoñecedores de que os galos  aturuxan ó romper o día. Os galos cantan, é a súa obriga. Pois di o refán que:  galo que non canta algo ten na súa gorxa. E como veñen da ruidosa cidade  buscan o silencio absoluto. Mais non saben que pra ter silencio absoluto terían que ir a un mosteiro, e aínda así escoitarían ós monxes rezando  e cantando á deshora.  Transportar formas de vida urbanas a lugares onde a vida máis natural leva milleiros de anos existindo  con toda normalidade, máis ca un erro, e ter un descoñecemento total  de como se vive neses lugares. Non sei si é que no seu caletre,  ou no seu maxín,  pensan que vivir nunha aldea é algo tan romántico que ate escoitar a que é a fala  dos animais, ou son  da campá da Igrexa, ou do reloxo, truncan o seu sono nugallento, polo que  lles parece  que eso é unha anormalidade.
 
Está claro que unha cousa  e maxinar o rural que ti queres é outra ben distinta a realidade dese rural que, para moitos, semella un espazo bucólico e moi idealizado.
No rural, polo menos no que eu coñecín e no que aínda, que moi urbanizado vivo, a vida sempre foi moi distinta á que hai  nunha cidade. Pois no rural que son as aldeas e as  pequenas vilas desta terra, o primeiro que acontece é que todos nos coñecemos e nos saudamos ó vernos pola mañá. E cando nos atopamos  na rúa volvemos a falarnos. Todos sabemos onde vivimos, onde traballamos   e o que facemos; ademais das terras que traballamos ou das que  hoxe temos en ermo. Tamén sabemos cando a campá da igrexa toca  e pra que  toca. E si morreu un veciño ou se hai  algún  acontecemento que altere a vida da comunidade imos a axudalo ou a darlle o pésame  ós familiares. Mais estes acontecementos son moi distintos para os que veñen buscando un  rural idealizado á súa medida  que é o que moitos visitantes  traen na cachola. E claro, se toca a campá dando as horas e as medias, ou se a campá toca a defunto, ou se toca para ir á igrexa a esa xente moléstalle, pois aínda están durmindo.  E como veñen  buscando o silencio absoluto  o galo que canta ó romper o día, moléstalle e fuxen.
 
No rural, nas  moitas aldeas e vilas  desta terra a xente ten galiñeiros, e  ten coellos, e ate non hai moitos anos criábanse  porcos pra cebar. E claro, chegar de turistas con esixencias buscando ise lugar que se visualiza nos anuncios  é topar outra realidade é tanto como sentirse un chisco perdido, ou mellor, darse conta de que descoñeces  como é a vida nese rural tan fermoso que temos.
 
O certo é que uns  que viñan da capital a unha casa “Rural” fuxiron porque lles molestaba o canto matutino dun galo. E digo eu: moitos deste amantes que se din do rural e outros que se adxectivan como ecoloxistas, poderían vivir nos extrarradios desta cidade por poñer un exemplo? Porque hai moitos  galiñeiros e as campás,  como  acontece  onde vivo,  tocan as horas e as medias, tocan pra ir á misa diaria e tamén cando hai un  defunto. E máis  ningún veciño protestou  por tales toques ou aturuxos. Mellor, son considerados un servizo necesario pra  comunidade. 
 
En fin: vir visitar o rural sen saber como se vive nel,  pode traer sorpresas que pra algúns ate poden ser consideradas molestias. Eso foi o que lle pasou a uns turistas descoñecedores da vida que se estila nestes lares onde están as  Casas Rurais.. Con todo, que cousa máis fermosa que:  cando alborea a mañá  te desperte o canto natural dun galo. Eso é vivir no rural. O demais é outra cousa.
 

Varias galiñas e un galo nun curral
Varias galiñas e un galo nun curral | Fonte: Carlos Castro - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com