Nin fumo nin me fagas fumar

Reflexionemos xuntos sobre o estado da cuestión do tabaquismo social, ese que comeza cando o fume do cigarro dun terceiro chega ao meu nariz e contamina o aire que eu respiro. Ou cando as cabichas, que algúns dos que fuman guindan, contaminan praias ou beirarrúas... Un tema, sen dúbida, polémico...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 15/03/2024

Comparte esta noticia
Trato nesta ocasión un tema que moitas veces ten moito máis de polémico que outros que, a primeira vista, implicarían maior profundidade. Pero cando mentas a adicción ao tabaco na nosa sociedade, pinchas en óso. Levantarás automaticamente fobias e filias, e uns te mirarán con agarimo e ata con agradecemento, mentres que outros te poñen de volta e media... Pero xa ven, a estas alturas do partido xa hai moito tempo que aprendín, con respecto e sosego, a non calar o que penso. E... aí vai.
 
Miren, son dunha familia moi unida e con moita relación entre nós, na que todo o mundo fumaba. Todos menos eu. O resto dos membros da casa, nalgún momento, comezaron a súa fatídica relación co tabaco. Pero non só eran eles, senón outras persoas que nos visitaban acotío, e que apreciábamos. Veciños, amigos e familiares: todos co seu chisqueiro e a súa caixa de tabaco, cada cal máis abafante e e fétido... E algúns o mercaban por cartóns... Na casa sempre houbo o costume de tomar un café na tarde ou na tardiña, e tan bo momento moitas veces tamén implicou para os e as presentes estar expostos a cantidades importantes de fume de tabaco... Cada vez menos, é certo, co devir dos anos... Pero déixenme que recorde aquí tempos nos que, se protestabas, eras o “repugnante” da familia... E saiban vostedes que moitas veces me adxudicaron tal rol... Ao mellor tratando de facer as tarefas da escola e non renunciar á súa compaña mentres tanto, pero tendo que me retirar a algures onde, sinxelamente, non fumasen ao meu carón.
 
Eu nunca fumei, nin probalo. É verdade que a miña relación co alcol tamén sempre foi inexistente, e mesmo con calquera tipo de sustancias das consideradas prexudiciais para a saúde. É por iso, seguramente, que a miña posición sempre foi considerada como non moi representativa, e ao mellor ata un pouco “extraterrestre”. Con todo, na miña loita por un ar limpo moito caso nunca me fixeron... Recordo desde pequeno, cos ollos fatal polo fume, pedirlles aos demais que non fumasen na casa... Poucas veces ou ningunha conseguín gran cousa nese aspecto, o cal chama poderosamente a atención no seo dun grupo humano no que sempre houbo moi boa relación, moito amor e moita comprensión... Pero o tabaco... Ai, o tabaco era o tabaco...!
 
Desgraciadamente, moitos dos e das protagonistas da miña historia xa non andan por aquí. Fican intensamente no meu corazón, por suposto, pero xa non compartimos con eles o día a día dos vivos... E algún dos meus seres máis queridos, fíxense, faleceu como  consecuencia de enfermidades altamente relacionadas co tabaquismo, como o cancro de pulmón... Dos que quedan algún tamén ten secuelas da súa teima co tabaco, aínda que xa non fuma ninguén desde hai anos. Pero en todos ou a maioría dos casos o proceso de deixar a adicción á nicotina foi moi duro, moi complexo e difícil...
 
Con toda esta bagaxe do pasado observo os recentes movementos na nosa sociedade en termos da súa relación co tabaco. E son dos que pensan que temos que ser máis duros á hora de preservar os espazos comúns libres desa porcallada. É evidente que, no eido privado, cada quen é libre de fumar o que queira, aínda que a sociedade tamén podería ser consecuente á hora de estimar o tratamento ou non de patoloxías dos fumadores moi claramente causadas por algo que poderían evitar. Pero obviando isto, e sen meternos en camisas de once varas, o que está claro é que eu non teño polo que aspirar o fume de tabaco orixinado pola adicción doutros. E isto, queridos e queridas, segue a ocorrer hoxe en terrazas, praias e outros lugares de lecer, en actividades en principio saudables. Ademais, que algo se vexa en público implica normalizalo, e é tempo xa de dar os pasos oportunos para non considerar ao tabaco dentro de dita normalidade, senón como algo privado e máis excepcional. 
 
Na sociedade hai debate sobre todo iso, e moitas persoas piden hoxe que as nosas praias sexan, en boa parte ou en xeral, espazos sen fume. Eu concordo con tal petición. Tamén as terrazas das cafeterías e bares deberían estar ben protexidas da grave contaminación causada polo tabaco. E iso, que durante o máis difícil da pandemia da Covid-19 chegou a ser así, decaeu posteriormente -de dereito ou de feito- en aras dunha suposta liberdade. Desa que desde algún ámbito se proclama e defende dunha forma populista, inconsistente e irresponsable...
 
Mirando ao mar, queridos e queridas, penso neste momento que debemos ser máis contundentes á hora de transmitir aos mozos e mozas, sen ambaxes, a necesidade de que protexan a súa propia vida e a dos demais, afastando ao tabaco da súa existencia. Non é necesario. Non aporta. Non te fai nin máis sexy nin máis guapo ou atractivo, e si che aporta graves patoloxías crónicas e letais, un peor día a día e ata mal cheiro... Se, aínda así, alguén quere esnaquizar a súa vida, que o faga. Pero, por favor, a miña non...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Fumar é a principal causa de mortalidade evitable.
Fumar é a principal causa de mortalidade evitable.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.