É todo opinable nas nosas sedes democráticas?

O PP -coa axuda do PSOE- propiciou a entrada da “Rede Política de Valores” no Senado, e con iso de aberrantes teorías coma as de Kaluma, que piden a cadea perpetua para gais e lesbianas. Vale todo? É todo opinable, incluso aínda que vulnere os dereitos humanos máis elementais?

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 05/12/2024

Comparte esta noticia
Vivimos nun tempo de moitas posibilidades tecnolóxicas, e isto en particular nótase no mundo da creación multimedia e da expresión a partir dela ou doutras ferramentas de comunicación. Si, xa sei que son moitas as persoas no mundo que aínda non teñen acceso a tal realidade, e que mesmo segue sen haber moitos dos nosos e nosas conxéneres que xamais fixeron, por exemplo, unha chamada de teléfono. Pero, aínda así, son moitas as formas nas que as persoas poden producir contido, tanto na escrita coma no audiovisual, e divulgalo, cun fío conectado literalmente ao planeta enteiro. Algo que abraia con só mirar atrás moi poucas décadas.
 
Isto conforma unha forma nova de estar en sociedade, de expresarnos e de vivir o noso día a día. Para ben, en moitos eidos, pero tamén cos seus riscos. Todo está moito máis xeneralizado, tanto as boas ideas pero tamén os disparates. E é ben certo que, nesta tesitura, parece que son as cousas máis banais as que se achegan máis a todo o seu potencial público. Claro, teñen que ser cousas moi simples, moi rapidamente espalladas, lixeiras e cun carácter de entretemento moito máis que formativo ou cunha maior carga conceptual. Con todo, estou seguro de que a sociedade mellorou moito en canto á transmisión da información importante, en tódolos ámbitos. Pero estou aínda máis convencido de que isto propiciou un espectacular e excepcional estado da cuestión no que hai que andar con moito ollo para non dar por bo ou por fiable o que non é máis que fume que busca tráfico.
 
Hai moito material que nos fala de que a Terra é plana, cando unha mirada leve desde a Física non precisa ver o planeta para entender que as simetrías levan ás leis de conservación (Teorema de Emmy Noether), e como corolario disto asumir que todo corpo celeste formado de forma suxeita á Ley de Gravitación Universal -campo conservativo- posúe unha simetría de tipo esférico. Outras xentes nos falan de conspiracións que envelenan desde avións fantasma, fuxindo de calquera explicación racional sobre o Teorema de Conservación do Momento Lineal e o seu papel no movemento dos corpos a reacción, así como do relativo á condensación dos gases de escape emitidos por tales reactores. Se continuase enumerando as verdadeiras burradas que por miles atópanse na Internet nestes e outros temas, e que se expoñen nas redes sociais sen rubor nen vacilación,  necesitaríamos moitos exemplares do GC para min só. Pero como non é o caso, e ademais porque xa o saben vostedes e non quero aburrilos, deixo os exemplos coa afirmación, mirando ao mar, de que hai que ter moito criterio para saber que é grao e que é palla, e non trabucarse ou saír pola tanxente. Supoño que estarán de acordo.
 
O problema é cos que non teñen ese criterio. Ou ben porque tragan con todo polas súas circunstancias ou ben... porque son novos. E por iso hai que ter moito coidado cos que, por unha parte, están máis expostos ao “brilli brilli” das redes, por outra están ávidos de sensacións e experiencias no seu proceso de transformación desde nenos e nenas cara á mocidade, e porque tamén tal capacidade de análise e discernimento aínda non está madura. Con todo, hai que ter coidado co que se di, porque o criterio de autoridade pode xogar malas pasadas a algúns, e se un adulto que parece estar convencido fai afirmacións aparentemente moi categóricas, estas poden quedar gravadas de forma indeleble para toda a vida neles.
 
Supoño que isto é o que lles pasa aos seguidores e seguidoras mozos de George Peter Kaluma, un político e  “visionario” de Kenya que afirma que ás persoas homosexuais, por exemplo, hai que deixalas no cárcere de por vida, xa que adoran ao diaño. Ou as nenas en moitos outros contextos que tamén afirman que, como mulleres, son inferiores ou menos capaces que os seus compañeiros varóns. Sorpréndense? Pois non o fagan, porque o universo dixital está trufado de cousas como esas, que teñen verdadeiros “lobbies” detrás, con intereses moi concretos e moito perigo pola súa capacidade masiva de destrución da convivencia. Pero, por se iso fose pouco, tales personaxes non están só nas redes, senón ata no propio Senado. Non, non no dos EEUU, que supoño que tamén... No noso, que aínda por riba de non servir para case nada coa súa lóxica actual, cede unha das súas dependencias a organizacións como a “Rede Política de Valores”, que en España está nas mans de persoas como Jaime Mayor Oreja (Presidente de NEOS e ex-ministro do PP), e que pensaba traer como relator estrela -aínda que á hora de escribir isto non sei se haberá cambios de última hora- ao tal Kaluma. Un individuo que conculca de forma flagrante o noso Dereito, e por suposto e máis elemental Carta dos Dereitos Humanos. E miren, que isto aconteza no salón do señor Mayor Oreja ou nunha conversación cos seus acólitos, pois o que el queira facer coa súa vida... Pero que se ventile na sede das nosas institucións públicas máis senlleiras en materia de representatividade do pobo, dá directamente noxo... Non?
 
Non se enganen. Tal cesión prosperou a proposta do PP e coa despistada anuencia do PSOE. Logo desde esta última formación quíxose dar marcha atrás, pero parece que non foi posible xa. Pero un e outro partido quedaron mal, seguramente por non informarse, e tamén por lacazáns á hora de facer os seus deberes. E ademais, por que se mete unha dereita, en principio moderada, nisto? A min cónstame de primeira man que hai moita xente no PP exquisita con estas cousas, mesmo abertamente gai ou lesbiana, ou incluso xente do partido que ben é verdade que xeralmente máis en Europa que na terra manexa con soltura a súa condición homosexual. Entón... para que entran nesta verdadeira miseria involutiva, que cercea dereitos e liberdades individuais e que achica a esfera xurídica do particular? Por contentar a Vox? Por facer piña cunha parte moi pequena e marxinal do seu electorado, que en realidade é moito máis aberto, plural, diverso e inclusivo? Penso que isto non deixa de ser un novo erro político da equipa do señor Feixoo. Ou, en termos complementarios, unha nova cambadela xurdida desde dentro de casa para contribuír á senda de arruinar definitivamente o seu errático paso por Génova.
 
O nuclear do asunto, quitándolle o non esencial, é para min o que pregunto no título da columna: É todo opinable? E a miña resposta é que o que atinxe os dereitos humanos máis elementais non. A min paréceme ben calquera idea para falar sobre ela como primeiro paso para chegar a consensos, pero sen pisar tal paradigma: un home e unha muller teñen os mesmos dereitos e obrigas, diga o que diga calquera Deus, profeta ou predicador. E un home ou muller heterosexual, un gai, unha lesbiana, unha persoa transexual ou calquera outro ser humano, dentro do respecto, ten eses mesmos dereitos e obrigas, dignidade e capacidade de actuar, exactamente igual que alguén de xénero fluído ou do que lle pete. E saben por que? Porque a súa vida é só súa, e non de xentes de doado verbo -e moitas veces de dobre vida, créanme-  que teñen toda unha esotérica industria construída en torno a eles e as súas mostras de ignorancia supina, con pingües beneficios...
 
Non é todo opinable, non. E menos na casa de todas e todos.
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Manifestación tras o asasinato de Samuel Luiz na Coruña
Manifestación tras o asasinato de Samuel Luiz na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.