Parece que ultimamente estea de moda loar ao rural. E se o digo aquí e agora, mirando ao mar, é porque, desde diferentes eidos políticos, económicos e sociais, escoito cada vez máis discursos coa idea de que o futuro de Galicia pasa precisamente por unha potenciación do seu ámbito non urbano, entendendo como tal as diferentes configuracións presentes na nosa comunidade diferentes ás cidades. A min ninguén me ten que convencer da idea de que no rural do país está o noso posible éxito futuro, unha vez esgotado claramente o modelo de “conurbación” altamente masificada, e nun contexto onde por unha parte os valores asociados á tranquilidade e vida máis lenta do campo están en alza, e por outra a tecnoloxía posibilita formas de vida e de traballo antes impensables.
Eu son un neno da cidade, que cando era pequeno envexaba aos amiguiños e amiguiñas que marchaban a fin de semana para a aldea dos seus pais. Obvio dicir, claro, que tan pronto puiden trasladeime ao campo, algo que sempre desexara. Unha posibilidade ben aberta en Galicia, con realidades non urbanas moi preto das cidades, o que facilita o pasarmos dun deses eidos ao outro en pouco tempo. Para min esa é unha das características, xunto co patrón climático da comunidade e coa súa realidade territorial singular, que fan deste un lugar privilexiado ante a morea de cambios que están xa no noso horizonte, e que van complicar a vida en moitos outros territorios antes preferidos para vivir ou aos que viaxar por amplas masas de poboación.
O certo é que en boa parte da franxa temperada actual vai ser máis difícil a vida nas próximas décadas, debido á simplificación do patrón estacional e ao endurecemento das condicións climáticas. Así, tanto a costa Mediterránea como outros focos tradicionais de vida e de estancia turística é moi posible que vaian perdendo fol, producíndose fenómenos de achegamento paulatino cara o Norte, tal e como estamos vendo xa aínda que dunha maneira progresiva. Isto é moi posible que se vaia acelerando nas próximas décadas, con maiores aglomeracións humanas tanto en Galicia como noutras zonas pulmón, cos conseguintes efectos xa coñecidos de expulsión da poboación autóctona en función do poder adquisitivo nun marco de prezos en alza, ou de perda de calidade de vida en tódolos ámbitos debido á masificación.
Galicia ten unha oportunidade no futuro a curto e medio prazo, sempre que as condicións climáticas non sofran variacións máis bruscas do esperado. Isto, que non é tampouco imposible, podería vir da man dunha hipotética modificación significativa dos fluxos térmicos asociados á Corrente do Golfo, o que implicaría escenarios insospeitados hoxe. Cómpre poñer aquí como exemplo o caso de Nova Iorque que, cunha latitude similar a de A Coruña, ten un patrón climático anual bastante extremo, en comparación coa dozura do da costa galega. Pero tal oportunidade terá que ser ben xestionada e administrada, coas “luces largas” da perspectiva estratéxica, máis aló do “todo vale” para calquera cousa que soe a emprego hoxe -e, ao mellor, fame para mañá- ou a “cantos máis turistas, mellor”.
É por todo iso polo que a min non me deixan de parecer preocupantes moitas das declaracións institucionais de actores políticos, administrativos, sociais, académicos ou económicos que, despois de falar de “potenciar o rural”, lígano rapidamente a proxectos industriais dubidosos en termos de visión e impacto medioambiental, ou pode que fondamente incompatibles coas lóxicas socioeconómicas xa presentes nas zonas en cuestión, que deberían ser modernizadas e consolidadas, pero non ameazadas. Vexo nesa liña o macroproxecto celulósico da Ulloa hoxe na palestra, que incide de novo nun modelo extractivo fortemente lesivo para o medio ambiente, implica dinámicas de emisión de gases e de augas que poden en perigo a tal medio e mesmo á saúde das persoas e que, sobre todo, parece non tomar nota do acontecido tanto xa en Galicia en relación coa controvertida industria de pasta de papel existente, como en outras realidades nas que operan proxectos similares.
Non se trata de dicir non á industria, ou de negar o desenvolvemento. Non se trata tampouco de dar as costas a unha realidade na que o emprego, a actividade económica e as boas ideas son fundamentais para obter recursos e mesmo para estar nun mundo competitivo e complexo. Pero si que a idea é aproveitar as oportunidades que agora temos como lugar de excepcional calidade de vida, como refuxio e como reserva medioambiental nun sur de Europa bastante ameazado pola evolución climática. Querer compatibilizar tal cousa co reforzamento de modelos que van provocar “eutrofización” nos ríos, “podsolización” do chan ligada ao fomento dos monocultivos salvaxes de eucalipto con métodos de extracción non menos cruentos ou coa emisión de enormes cantidades de óxidos de nitróxeno ou xofre nunha comarca de gran valor ambiental, simplemente parece pouco compatible.
Son dos que pensan que hai que crer no noso rural, fixando poboación no campo e sendo quen de potenciar tanto a produción de materia prima con valor engadido e peche total da cadea de valor, como dinamizando unha realidade de vilas e núcleos máis pequenos, onde todo tipo de industria teña cabida dentro dunha lóxica de ordenación real dos usos do territorio, moito máis aló das ocorrencias e dos intereses creados. Penso que iso si pode ser, verdadeiramente, potenciar o rural. Porque este é un signo de identidade da nosa Galicia, e moito máis que pode selo nun futuro no que xa todo o mundo empeza a ver que vivir nunha cidade de varios centos de miles ou mesmo millóns de habitantes é o menos parecido posible ao paraíso...
Galicia ten futuro e o seu rural máis... Pero non de calquera maneira, e a nós correspóndenos soñalo, pensalo e elixilo.
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”