1 de 4944 en Opinión seguinte

A conxura dos teixugos

“Presiento que tras la noche / vendrá la noche más larga, / quiero que no me abandones, / amor mío, al alba, / al alba, al alba.” (Al alba, Luis Eduardo Aute)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 13/02/2025

Comparte esta noticia
No libro A festa da insignificancia, publicado en 2014, Milan Kundera aconséllanos que non tomemos o mundo en serio, porque non hai maneira de cambialo. Mesmo pensa que nin sequera é posíbel darlle un simple lavado de cara, para que pareza soportábel. Malia todo, conclúe que tomalo de broma tampouco paga a pena. Velaí o dilema. Dez anos despois de saír á luz esta novela-ensaio, na que o autor checo reflexiona sobre a risa e a mediocridade, un dos dous fermentos da obra, a risa, está a piques de podrecer no cuarto da insignificancia, mentres o outro, a mediocridade, espichada no rostro e no ser dos teixugos revirados (multimillonarios, poderosos e lambecús sen ética nin estética) apodérase do mundo, co único obxectivo de convertelo na gran esmorga dos señores medievais, onde a cidadanía non será máis ca unha recua de formigas servas e malpocadas, desposuídas de todos os dereitos. Do de rir e sorrir, tamén.
 
Os monarcas da posverdade, só saben pronunciar a palabra liberdade para profanala, sementan tanto odio e fabrican tal cantidade de trolas, que mesmo consiguen apagar as nosas escasas inquedanzas. Estamos no mundo para buscar as diferenzas entre El Hormiguero e La Revuelta. E, como non somos capaces de descubrilas, porque non as hai –e se as houbese serían irrelevantes– discutimos sobre cal das dúas trapalladas acada máis audiencia, como se semellante dilema tivese algunha importancia. 
 
Mais, todo este panorama crepuscular trunfa porque hai tempo que perdemos o valor, ou porque carecemos do ánimo necesario para remelarnos; ou talvez, porque nunca nos paramos a pensar que esta casta depredadora –neoliberais e neofascistas, aos que a nosa covardía nos impide nomealos sen o prefixo 'neo'– só nos permitirá figurar no mapa para comportarnos como consumidores inocuos. Así que, despois de extirparnos a memoria e obstruír a nosa capacidade de pensar, ao cártel dos señores mediocres xa lle dá igual que os cualifiquemos de neofascista, con 'neo' ou sen 'neo', porque ao fin e ao cabo non somos máis ca unha morea de ramallada, á que non lle importa deixarse queimar para ser o fume e a cinza do infausto futuro que teñen planificado.   
 
Así que, se hai uns anos, malia apamparnos discretamente, aínda eramos donos da nosa risa, hoxe só sabemos rirlle as súas parvadas. E mañá? Mañá non seremos máis ca ovellas anestesiadas co cu pegado ao sofá, mirando cara a televisión, para ver a millonarios xogando ao fútbol ou aos Broncanos, Pablomotos, tertulianos de quenda e militantes indocumentados, seleccionados polos amos do cotarro, para adestrar cada un ao seu rabaño, ata facelo caer aletargado na longa noite da insignificancia. 
 
[O meu tío Lisardo pensa que, tal e como sopra o vento, non tardaremos en padecer un goberno (con ou sen 'neo') de orde mundial –so de machos, claro– presidido por un tal Elon Musk, no que Trump e os seus Abascales ocuparán as carteiras importantes. Maiormente, un cura pederasta será o titular do Ministerio de Asuntos sexuais e o xefe de gabinete de Ayuso o de Trolas e Posverdades] 

Elon Musk e Donald Trump
Elon Musk e Donald Trump | Fonte: youtube
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.