Trece feridos en cinco accidentes rexistrados na noite do sábado nas estradas galegas

Nos concellos lucenses de Monterroso e Taboada contabilizáronse tres sinistros con oito persoas feridas

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/03/2022 | Actualizada ás 11:09

Comparte esta noticia

As estradas galegas rexistraron na noite e a madrugada deste sábado cinco accidentes de tráfico que deixaron trece persoas feridas de diversa consideración, segundo informou o 112 Galicia.

Ambulancia 061-Galicia.
Ambulancia 061-Galicia.

O primeiro produciuse sobre as 19,00 horas na estrada PO-403, no concello pontevedrés de Ponteareas. Dous vehículos chocaron cando circulaban á altura da parroquia de Angoareas. Como consecuencia do impacto, catro persoas foron evacuadas en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

Ademais, o choque entre os dous turismos provocou que tres dos implicados finalizasen atrapados, polo que foi necesaria a intervención dos membros do GES- SPEIS de Ponteareas.

Os equipos de emerxencia tiveron que intervir tamén para prestar axuda aos ocupantes de dous vehículos que envorcaron en dous accidentes rexistrados nos concellos lucenses de Monterroso e Taboada.

Segundo comunicou o 112 Galicia, ás 5,30 horas, recibiron o aviso dun coche accidentado na LU-221. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, debido á posición na que quedara o turismo, o seu ocupante quedou atrapado e necesitou da colaboración dos servizos de emerxencias para poder saír.

Con todo, durante o seu desprazamento ata o lugar do sinistro, os Bombeiros de Chantada atoparon outro vehículo envorcado, na N-540, pouco antes do concello de Taboada. Deste xeito, comunicaron ao 112 que foi necesario intervir para sacar os dous ocupantes do turismo, que non eran capaces de abandonalo polos seus propios medios.

De acordo cos bombeiros, os feridos estaban en bo estado de saúde, polo que, desde o 112 se informou da situación aos servizos sanitarios e, co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, pasouse aviso aos axentes de Tráfico, aos efectivos de Protección Civil de Taboada e ao servizo de mantemento de estradas.

Ademais, tamén en Monterroso, outras cinco persoas resultaron feridas despois de que o vehículo no que viaxaban chocase cun animal mentres circulaban pola N-640.

O sinistro tivo lugar ás 21,15 horas deste sábado e foron os propios implicados no accidente os que chamaron ao 112 para pedir auxilio.

A pesar de que todos os ocupantes atopábanse liberados e accesibles, foi necesaria a colaboración dos membros do GES para axudalos a abandonar o vehículo. Así, os feridos puideron recibir asistencia sanitaria por parte do equipo médico.

Por último, ao fío das 01,30 horas, no concello de Abegondo, tamén tiveron que actuar os servizos de emerxencia para prestar axuda a unha muller que sufrira unha saída de vía co seu vehículo cando circulaba pola AP-9, á altura de Cerneda, sentido A Coruña.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso mediante a chamada dun particular que pediu axuda para a condutora do vehículo, que perdera o coñecemento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta