A Xunta volve pechar a porta ao proxecto mineiro de Cobre San Rafael en Touro

Desestima o recurso de reposición que impulsou a empresa tras ser denegado o seu plan para a mina. Cobre San Rafael minimízao e di que está a construír un novo proxecto en consulta cos grupos de interese.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/03/2022 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia desestimou o recurso de reposición impulsado por Cobre San Rafael fronte á resolución negativa do proxecto para extraer cobre ao descuberto e do plan de restauración, presentados en marzo de 2017.

Mina en Touro.
Mina en Touro.

Así o confirmaron fontes da Xunta, mentres que colectivos ecoloxistas enviaron varios comunicados destacando que é "un novo pau" para a compañía, despois da resolución autonómica que, en febreiro de 2021 e fundamentada na inviabilidade ambiental do proxecto mineiro manifestada nunha declaración de impacto ambiental negativa, denegou o proxecto.

Agora, os ecoloxistas subliñan que a Administración lembra a Cobre San Rafael que no expediente existe "material probatorio máis que suficiente" para acreditar a legalidade da resolución impugnada.

Fontes de Cobre San Rafael responderon que "máis aló de cuestións administrativas", que no caso desta desestimación, sostén, "xa estaba previsto", remarcan que a firma "se enfocou exclusivamente na construción dun novo proxecto en consulta cos grupos de interese".

"O obxectivo é integrar na súa proposta as máis altas expectativas de eficiencia e sustentabilidade ambiental e social para a contorna. A empresa traballa intensamente para impulsar o potencial industrial de Galicia e a súa capacidade para contribuír á transición enerxética producindo metais de alto valor", afirma Cobre San Rafael.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta