Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/04/2025 | Actualizada ás 22:00
A incerteza e o descontento instaláronse tamén no sector téxtil galego tras os anuncios do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, de impoñer novos aranceis. Aínda que a medida foi suspendida temporalmente por un prazo de 90 días, as empresas do sector seguen pendentes do que poida acontecer nun futuro inmediato. As consecuencias, segundo advirte o presidente da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), Javier Guerra, van máis aló das cifras actuais de exportación, e afectan á estrutura mesma do mercado global, á confianza dos consumidores e á estratexia comercial das empresas. "Foi unha decisión totalmente arbitraria que afecta gravemente ao comercio en todo o mundo", alerta Guerra, que analiza para Galicia Confidencial como este novo escenario pode golpear duro ao sector téxtil galego, aínda que non estea entre os máis expostos directamente ao mercado estadounidense por volume de exportacións.
"Foi unha decisión totalmente arbitraria que afecta gravemente ao comercio en todo o mundo", asegura Guerra, que lamenta que, no caso concreto do sector téxtil galego, "aféctanos de maneira directa e indirecta, non só a todos os ciclos de produción e aos procesos loxísticos, senón que é algo que tamén dana ao propio consumidor". E é que, como indica, "o consumidor atópase agora nunha situación de incerteza que limita o seu consumo". Ademais, amósase especialmente preocupado polo feito de que "de onte para hoxe as cousas poden mudar moito, como xa vimos a raíz do anuncio repentino de Trump de que suspendería os aranceis xa declarados por un prazo de 90 días". Con todo, o presidente de Cointega insiste en que "a incerteza na toma de decisións dos Estados Unidos aféctanos a todos e xera entre os consumidores un pesimismo ante unhas decisións arbitrarias, sen estudos que as respalden, sen métodos detallados e desencadeando unha guerra comercial sen precedentes nos últimos anos".
"AÍNDA QUE O VOLUME DE EXPORTACIÓNS TÉXTILES AOS EE.UU. NON SEXA MOI RELEVANTE, A SITUACIÓN DE DESEQUILIBRIO VAINOS AFECTAR A TODOS"
Ante este panorama, e máis en concreto, como de afectadas se verán as empresas galegas do téxtil se chegan a poñerse en marcha finalmente os aranceis anunciados por Trump? Ao respecto, Guerra sinala que "as empresas que integran Cointega non teñen todas o mesmo tamaño, hainas máis grandes e máis pequenas, pero se falamos no seu conxunto, as exportacións que realiza o sector téxtil galego aos Estados Unidos non son moi altas". "A maioría das empresas galegas, incluíndo as máis grandes, non teñen moita penetración nos Estados Unidos, porque é un mercado moi complexo e moi grande, onde as esixencias para entrar son tamén moi grandes", explica. Agora ben, convida a non minimizar o impacto, pois "aínda que a cifra de volume de exportacións ao país norteamericano non sexa moi relevante, a situación de desequilibrio que estamos a experimentar vainos a afectar a todos os sectores, independentemente do seu nivel de exportación directa aos Estados Unidos".
Nesta liña, o presidente de Cointega lembra que "moitas empresas galegas tamén se subministran noutros mercados do mundo, nos que están os seus provedores de diversos materiais, dende tecidos ata acabados", de maneira que, "se eses produtores de diferentes países do mundo sofren as consecuencias dos aranceis impostos por Trump nos seus mercados, tamén as empresas téxtiles galegas se verán afectadas". Serían os coñecidos como efectos de segunda volta. Por poñer un exemplo próximo, Guerra sinala que "hai moitas empresas galegas que teñen unha importante relevancia no mercado mexicano, ao que se dirixen moitas exportacións", de tal xeito que, "se a México se lle impoñen uns aranceis moi grandes, iso tamén nos afectará a nós". "Hai moitísima incerteza tamén por esa banda, e moito descoñecemento, o que paraliza as actuacións, porque nin sequera podemos saber a ciencia certa se estas ameazas van ou non en serio", reflexiona. Pola banda da confederación, o que si afirma é que xa recibiron chamadas de moitos socios preguntando cal é a situación actual, que facer e que agardar. "Moitas empresas atópanse preocupadas, loxicamente, por esta incerteza que se instalou no mercado", resalta.
"CREO QUE DENDE A UNIÓN EUROPEA SE RESPONDEU SENSATAMENTE A ESTA AMEAZA, CON CERTA DISTANCIA E SEN CAER NA PROVOCACIÓN DE TRUMP"
Tendo todo o anterior en conta, e sabendo que o que aconteza de cara ao futuro non está nas nosas mans, Guerra convida a "tratar de facer de algo negativo unha oportunidade", reorientando a política comercial das empresas téxtiles galegas cara outros mercados. Aínda que confesa que "Europa tamén é un mercado extremadamente complicado e no que hai moita competencia", polo que "se as nosas empresas se ven obrigadas a reeditar a súa política comercial e orientala cara outros mercados, todos os investimentos que levan facendo durante moitos anos vanse ver perdidos". Con todo, o presidente de Cointega amósase relativamente confiado en que as decisións que tome a Unión Europea para facer fronte a esta crise dean os seus froitos. "Eu creo que dende a UE se respondeu sensatamente a esta ameaza, con certa distancia e sen caer na provocación de Trump, sempre coa man tendida para a negociación", indica, desexando que se chegue máis cedo que tarde a un acordo.
Sexa como fose, incide na preocupación que é para calquera sector económico que agora mesmo haxa políticos que "estean tomando as decisións desta maneira tan arbitraria e indo en contra da globalización", máis aínda cando estamos a falar dos Estados Unidos, "o país que sempre foi o primeiro interesado na idea da globalización, tanto de produtos como de ideas". "Agora a primeira economía a nivel mundial é a mesma que está volvendo ao proteccionismo", resalta, insistindo en que "isto non é bo para ninguén". Así as cousas, "hai unha vertente de incerteza, de descoñecemento e mesmo de sorte, porque estamos a mercé do que pase pola cabeza de Trump, que nos mantén preocupados", asegura. Con todo, Guerra tamén considera que Trump "se deu conta de que os mercados responderon moi mal aos seus anuncios e ás súas políticas de orde e mando, así como de que o mercado internacional vai moito máis aló dos Estados Unidos, aínda que eles teñan un gran peso". "Estados Unidos é unha economía moi endebedada, polo que tampouco ten todo ao seu favor para facer o que queira, polo que eu confío en que Trump remate entrando en razón", conclúe o presidente de Cointega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.