Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2025 | Actualizada ás 14:57
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego porá en marcha unha nova liña de circulante para tratar de "minimizar" o impacto das vendas ao exterior provocado polos aranceis de Estados Unidos (EE.UU.). Así mesmo, en rolda de prensa despois do Consello, avanzou un servizo de asistencia técnica para "incidir na diversificación de mercados", sobre todo a aqueles axentes que teñan vendas "concentradas" en EE.UU. Todo iso, nunha xornada na que catro conselleiros da Xunta se reúnen con representantes dunha vintena de asociacións e clusteres para "ofrecerlles coordinación" e escoitar as súas inquietudes.
Ao termo deste encontro, que se prolongou durante hora e media na sede do Consello Económico e Social (CES), a titular de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que se trata da "primeira liña de préstamos ao circulante de empresas" que dispón a Xunta ante este conflito, pero precisou que "entra dentro dos 50 millóns" que xa aprobou no seu momento o Igape, aínda que é unha contía "ampliable, absolutamente".
Terán "unhas condicións moi especfícias para esta problemática", e é que son préstamos que poderán chegar ao millón de euros e terán un período de carencia de catro anos, "marcado pola temporalidade do mandato de Trump". O que pretende o Executivo autonómico é "dar alivio a través de préstamos ao circulante para reducir o impacto". En calquera caso, a idea da Xunta é "traballar man a man" cos sectores e "tentar negociar e reducir a guerra comercial e non dar por perdida a situación". "Tentar que estes aranceis se vaian desescalando aos poucos", subliñou Lorenzana.
EFECTOS DA GUERRA ARANCELARIA
A preguntas dos xornalistas, profundou en que o que fará O Goberno galego é adaptar o instrumento de préstamos preexistente, ao que se engadirá "un anexo" ou 'addenda'. Lorenzana, que compareceu xunto aos responsables de Mar, Medio Rural e Facenda, cualificou a reunión de "produtiva e necesaria" e insistiu en que a "maior problemática" está "no efecto indirecto" desta guerra arancelaria, "por como se van a reaxustar as relacións comerciais", entre outras cousas.
Neste sentido, explicou tamén que impulsará seminarios --que comezarán despois de Semana Santa-- nunha "oficina especializada, dependendo da oficina económica, coa antena do Igape en Miami". O obxectivo é "acompañar" ás empresas e "empezar a traballar nas oportunidades que ofrece o decreto lei aprobado a semana pasada" con 14.000 millóns en axudas e avais e fondo de internacionalización.
Os SECTORES
Por parte dos distintos sectores, todos coincidiron na relevancia de avaliar empresa a empresa a repercusión do novo escenario comercial. O portavoz do agroalimentario, Andrés Rodríguez, destacou que existe "incerteza", sobre todo no ámbito de conservas e viño, ante o que subliñou que "o primeiro é a liquidez para aguantar o tirón", polo que valorou este "punto de partida", pero esperou que tamén haxa "axudas directas".
Por parte da lousa, Severino González, advertiu de que este campo se ve "bastante" afectado por esta crise, mentres que Manuel Vázquez, do naval, lembrou que Galicia non exporta buques a EE.UU., senón bens de equipo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.