Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2022 | Actualizada ás 20:00
Máis de 2.800 persoas participaron este sábado en Galicia na consulta popular sobre monarquía ou república organizada pola Plataforma Consulta Estatal Monarquía ou República. Deles, segundo trasladou a plataforma convocante este domingo, o 95,3% elixiu a opción de república, fronte a un 3,8% que optou por monarquía.
Un total de 14 localidades acolleron este sábado mesas de votación, ás que 2.872 persoas acudiron para depositar o seu voto neste "reférendum non vinculante" que contou co respaldo de organizacións políticas como Esquerda Unida, Podemos e o Partido Comunista de Galicia.
Os organizadores en Galicia destacaron o "éxito" de participación e resaltaron a boa resposta da cidadanía a unha iniciativa realizada "case sen publicidade e sen respaldo económico".
Pontevedra, Baiona, Gondomar, A Illa, Nigrán, Ponteareas, O Porriño, O Grove e Vigo foron os municipios da provincia de Pontevedra onde se puido votar.
Na provincia da Coruña, os cidadáns votaron durante a mañá do sábado en Boiro, Ferrol, Santiago e a cidade herculina. As mesas máis tardías en pechar en Galicia foron as de Lugo, que estiveron abertas ata as 19,00 horas na rúa da Raíña.
En todo o Estado foron máis de 700 os puntos de votación desta consulta que os seus promotores reivindican como "unha vía de expresión, participación cidadá e un acto democrático". Segundo comunicou a plataforma, acudiron a votar máis de 80.000 persoas, das cales un 93% votaron a favor da república como modelo de estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.