Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 20:37
Tras máis de dous anos de protestas, o persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar intensifica as súas accións reivindicativas coa convocatoria dunha nova xornada de folga para o xoves 2 de xuño, que afectará a todas as Galiñas Azuis, centros de día e residencias de maiores xestionados polo Consorcio.
Así o vén de anunciar a CNT, que convoca, ademais unha protesta ante o Congreso Autonómico do PP, que terá lugar o 22 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. Alí, o persoal "dará a benvida" ao novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, "a golpe de cazolada, para que coñeza de primeira man a situación deste persoal claramente feminizado", explica a sección sindical.
Dende a CNT declaran que levan anos nunha situación de irregularidade e que e que o concurso-oposición que propoñen dende a administración e os sindicatos maioritarios non dá garantías de estabilización a este colectivo. Por iso, solicitan "que se estabilicen os traballadores, non as prazas".
"O persoal do Consorcio é un dos máis vulnerables de entre os temporais, polas características especiais das afectadas e polas características na creación do servizo, que lles impediu o acceso á formación da Xunta que puntúa no concurso, ofrecéndolles unha formación que agora non puntúa", explica a CNT nun comunicado.
Tras a folga do pasado 3 de maio, que tivo un seguimento dun 85% do persoal, as traballadoras deciden agora intensificar as súas protestas, e comunican que se non son escoitadas continuarán as folgas. "Non temos nada que perder, dende a mesa néganse a ter en conta as nosas reivindicacións", sentenzan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.