A patronal urxe o Goberno estatal a "reverter canto antes" a crise con Alxeria

O presidente da CEG pide a Sánchez que viaxe a Alxeria para abordar a situación, que pode "afectar á liña de flotación das empresas galegas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2022 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Vieites, instou o Goberno estatal a "reverter canto antes" a crise diplomática con Alxeria, que provocou a rotura de relacións comerciais co país.

Fíxoo tras reunirse, xunto con outros empresarios, coa vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, na sede de Abanca de Santiago de Compostela. No acto tamén participaron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; e o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet.

Nesta reunión Calviño expuxo aos empresarios galegos a evolución do Plan de Recuperación, os pertes e a situación económica do país, así como o seu impacto na economía galega.

Unha reunión que Vieites cualificou de "cordial", pero sobre a que verteu algunhas críticas, concretamente sobre a implantación dos fondos Next Generation. A este respecto reclamou máis "axilidade", xa que "só un de cada catro foi desenvolvido en convocatorias". "E o ano 2023 está moi próximo", puntualizou.

O presidente da CEG solicitou tamén dar un "acelerón" a todos os pertes, que deberían chegar a pemes e micropemes. "Todo o mundo debería cambiar o chip e entender que a economía verde e a dixitalización son aspectos fundamentais de cara ao futuro e iso significa que ten que fluír ao mundo empresarial, a todas as cadeas produtivas. Se se fai así, si será un éxito", asegurou.

RELACIÓNS CON ALXERIA

Doutra banda, Vieites mostrouse preocupado sobre como afectará a ruptura de relacións con Alxeria. "A situación é moi negativa. Cando se toman decisións deste calibre débese valorar o impacto que poden ter desde o punto de vista económico e social", lamentou, á vez que comentou que "aínda que se di por parte do Goberno que está todo controlado, este corte de relacións é un prexuízo enorme".

O empresario non se referiu unicamente ao tema do gas, aínda que sexa o "fundamental", senón tamén a outros relacionados como "as relacións bancarias con empresas galegas". "Eu o que digo desde aquí é que inmediatamente o presidente do Goberno vaia a Alxeria para tentar solucionar a situación porque, se non, realmente o país non o vai pasar ben", instou.

Vieites afirmou que lle trasladaron todo isto a Calviño. "Mesmo fixemos xa a valoración económica do que supón para Galicia. Temos que, entre todos, tratar de solucionar o tema canto antes porque a relación comercial fantástica con Alxeria pódese ver quebrantada e mesmo influír na liña de flotación das empresas", insistiu, incidindo na necesidade de ser "amigables".

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, nun acto en Santiago de Compostela
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, nun acto en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta