Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 20:00
O piragüismo de elite regresa ao seu feudo esta fin de semana coa celebración do Campionato Galego de Sprint en categorías Sénior e Júnior. O evento, que volverá converter Pontevedra en epicentro deste deporte, desenvolverase no Centro Deportivo David Cal e disputarase nas modalidades máis vistosas da disciplina: 200, 500 e 1.000 metros.
Este novo campionato, organizado nas instalacións do encoro de Verducido pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Concellería de Deportes, congregará 462 embarcacións en categorías C-1, C-2, C-4, K-1, K-4 e paracanoe. En concreto, 156 de padexeiros e padexeiras xuvenís xogarán o sábado, 18 de xuño, entre as 10:00 e as 18:00 horas, e 306 deportistas sénior o domingo, 19 de xuño, entre as 10:00 e as 21:00 horas.
O Campionato Galego de Sprint de Piragüismo, no que estarán representados clubs de todo o territorio pontevedrés, foi presentado este xoves nun acto no que participaron o presidente da FGP, Alfredo Bea, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen agradeceu "o esforzo que está a facer a Federación por traer a Pontevedra probas de altísimo nivel". "Cando falamos dun Campionato Galego de Sprint" -apuntou o edil socialista- "estamos a facelo dun campionato dos mellores de Europa, porque Galicia é unha potencia piragüística de primeira orde. Ver un Campionato Galego é ver aos mellores padexeiros e padexeiras do ámbito estatal".
O presidente da Federación Galega tamén aproveitou a ocasión para sacar peito co bo estado de saúde do piragüismo autonómico e pontevedrés, e afirmou que a vindeira semana terá lugar o Campionato de Europa Sub-23 e Xuvenil, onde "dos 54 padexeiros que van, 24 son galegos e deses, 20 son de Pontevedra, polo que xa case representamos o 50% dun Estado nun deporte".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.