Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2022 | Actualizada ás 14:55
A planta de hidróxeno verde das Pontes, un dos proxectos de referencia no proceso de transición enerxética, xa ten terreos sobre os que levantarse. Será no Tesouro, no espazo no que antigamente se localizaban as oficinas da mina, onde Reganosa e EDPR materialicen un proxecto que se tramitará como "proxecto industrial estratéxico" para telo operativo no ano 2025.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acudiu este martes, acompañado polos representantes das firmas impulsoras e do Concello das Pontes, ao lugar no que se construirá a planta, da que destacou que é "clave" para "abordar o proceso de reindustrialización que estamos a promover" no municipio, afectado o peche da central térmica, porque "vai permitir vincular o desenvolvemento enerxético aos procesos industriais nos que estamos a traballar".
Conde incidiu en que esta iniciativa é un "bo exemplo de como Galicia está a entender a transición enerxética xusta", baseada na "colaboración público-privada", marco no que, asegurou, "haberá que contar tamén co Ministerio de Transición para poder apoiar este proxecto a través do Perte de enerxías renovables".
"Esa colaboración", indicou, "é a forma de abordar esa transición enerxética para que teña un impacto positivo na xeración de emprego e oportunidades". O conselleiro quixo resaltar a estratexia que contempla a Axenda Enerxética de Galicia 2030, que inclúe unha "aposta clara por enerxías como a eólica mariña e o hidróxeno verde".
PROXECTO "MADURO"
"Reganosa e EDPR", salientou, "levan traballando neste proxecto máis de dous anos, é un proxecto maduro" que se presentou ao Perte de renovables e que a Xunta tramitará, incidiu, como "proxecto industrial estratéxico", o que significa unha axilización substancial do procedemento e axustarse "aos tempos que esixe a propia Unión Europea".
Por último, Conde subliñou a participación de Navantia no proceso, o que redunda na "pegada industrial" deste tipo de iniciativas. Así, no estaleiro de Ferrol desenvolverase unha parte dos eletrolizadores que necesita a planta de hidróxeno.
CONCELLO E REGANOSA
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, asegurou que o proxecto da planta "leva tempo ilusionando" porque o municipio "é unha referencia no ámbito enerxético desde hai décadas, e seguirao sendo". Nese sentido, destacou que "agora, ademais de presenza en enerxías renovables e convencionais, terá tamén un papel importante nun ámbito que é ademais un dos retos do século XXI: o almacenamento enerxético".
"O hidróxeno é unha ferramenta que a UE quere impulsar para garantir a autosuficiencia enerxética do noso país", agregou González Formoso, quen agradeceu a Reganosa, EDPR e Xunta "contar" coa localidade. "Saben que aquí teñen todas as facilidades do mundo", apostilou.
VISIÓN "A LONGO PRAZO"
Pola súa banda, o director de Reganosa, Emilio Bruquetas, puxo en valor a visión "a longo prazo" dun proxecto que se veu madurando desde antes da irrupción da pandemia e que entendeu "o rol que o hidróxeno xogará nos sistemas enerxéticos do futuro e, en particular, en Europa desde o punto de vista da seguridade da subministración".
"Esta", apuntou, "é unha peza máis dun proxecto global que desenvolvemos con EDPR para converter Ferrolterra na capital da enerxía verde". Bruquetas resaltou a "axuda do Concello" na posta a disposición dos terreos nos que se levantará a planta. "É un emprazamento fantástico", afirmou.
Tamén agradeceu á Xunta que crease a figura de "proxecto industrial estratéxico" para axilizar a súa tramitación. "É básica", recalcou, "para que podamos tramitalo nos prazos compatibles coa execución que se nos pide".
Ademais, o director de Reganosa considera que o desenvolvemento do proxecto é "clave" no emprego local e, nese sentido, lembrou que "nos comprometemos a favorecer a entrada e a integración de todas aquelas persoas afectadas pola transición xusta", e, por iso, "estamos a traballar en programas de desenvolvemento e de formación para que iso sexa posible, posto que é clave que parte do valor deste proxecto quede na zona onde estamos".
Nesta política encádrase a implicación do Siemens, que "fará en Navantia Ferrol parte dos electrolizadores que se implantarán nas Pontes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.