Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2022 | Actualizada ás 22:00
Os relatos de Ana e Helena (nomes ficticios) atópanse en moitos puntos do camiño. Migrantes, inglesa e brasileira, nais de tres crianzas cada unha, ambas sufriron presuntamente violencia de xénero por parte das súas exparellas e comparten a vivencia de ver como pouco despois de separarse quedaban sen a custodia dos seus fillos. A Xunta de Galicia declarou os menores de ambas nunha situación de desamparo (aquela que indica que as crianzas están "privadas da necesaria asistencia moral ou material", segundo o instrumento para a valoración da gravidade das situacións de desprotección infantil que manexa a administración) e procedeu ao afastamento dos fillos do seu núcleo familiar.
As dúas atravesaban naquel momento unha situación difícil derivada do contexto de violencia de xénero e dos procesos persoais, familiares e xudiciais que implica a saída desa conxuntura. Describen un sistema de protección de menores "inquisitivo", que estigmatiza, anula as nais biolóxicas e atrapa, coma se dun "círculo vicioso" se tratase. Precisamente esta é a realidade que tamén diversas fontes expertas trasladaron nestoutra reportaxe a Galicia Confidencial, na que aseguraban que a Xunta de Galicia declara situacións de desamparo "sen suficiente xustificación", sen tutela xudicial, tal e como permite o Código Civil; e sen unha intervención efectiva nos problemas familiares estruturais que provocaron esa retirada de custodia.
"Hai situacións que evidentemente requiren intervención, pero trátase dun sistema moi inquisitivo que se asenta en valoracións heteronormativas e que pasa por riba das situacións e necesidades reais das familias", relataba nesa reportaxe a avogada Esther Lora, de SOS Racismo Galicia. Tamén a presidenta de ACOUGO, Rebeca Ferrón, sinalaba a raíz da problemática nun "lío de competencias", na "ausencia de criterios coherentes e unificados" e na "falta de formación específica e actualizada" de parte do persoal técnico, o que deriva nun "maltrato sistemático a nais biolóxicas para que renuncien aos seus nenos". A nivel estatal, asociacións como APRODEME ou Asociación de Familias para la Sociedad del Siglo XXI levan tempo poñendo enriba da mesa os "graves fallos" do sistema de protección infantil.
UN "TRAUMA" DO QUE "NINGUÉN SE RESPONSABILIZA"
"Síntome excluída, incomprendida e marcada para sempre", explica Ana. Os seus fillos estiveron internados en dous centros de menores durante tres anos, nos que ela perdeu o seu traballo como profesora nun centro escolar. Chegou a emprender a vía xudicial para recuperalos, pero denuncia un xuízo tendencioso cun avogado de oficio non especializado e fronte a unha Xunta "moi poderosa". "Devolvéronmos ante unha situación moi límite", explica, "cando a miña filla intentou quitarse a vida no centro de menores". Hoxe relata o acontecido dende fóra de Galicia, da que fuxiu por medo a volver quedar sen eles. "Convivimos cun trauma que ninguén pon en consideración, do que ninguén se fai responsable", lamenta.
Nos informes redactados pola Unidade hospitalaria de Saúde Mental recóllese en reiteradas ocasións a non aceptación da medida de separación por parte da nai e das crianzas, e indícase o seu carácter "desestabilizador": "Desde a Unidade de Saúde Mental expresamos a preocupación acerca do posible efecto que poida ter sobre a nai dos nenos, e por tanto, tamén sobre os pequenos, as medidas que separen a proxenitora da custodia dos pequenos, pois parece un punto de posible desestabilización" [...] "O cuestionamento do rol de 'boa nai' é moi desestabilizador para a nai dos nenos, transmítese á educadora que é necesario insistir no carácter temporal da medida", instan noutro punto do documento.
Así mesmo, nos informes indícase que "o persoal educativo [do centro de menores] observa que os encontros coa nai non lles benefician porque as despedidas son moi dolorosas e regresan máis alterados", e recoñécese que "o paso do tempo, máis que apaciguar, exacerba a situación". Ana denuncia a falta de "obxectividade" e dunha "investigación profunda e profesional" por parte dos Servizos Sociais do concello e do Equipo Técnico de Menores da Xunta de Galicia antes de tomar unha decisión como a quita dunha custodia. "O problema é que están amparados por todo o mundo e funcionan a través de ameazas, facéndote sentir pequena. A min quitáronme os dous piares que me sostiñan: os nenos e o traballo; e agora é difícil volver defenderse no mundo", explica.
Entre esas "ameazas", Ana describe que por parte do Equipo Técnico da Xunta "obrigaban" os fillos a verse co pai - que segundo a nai exerceu unha situación de maltrato sobre eles - a pesar da negativa destes. Os informes de Saúde Mental describen en numerosas ocasións o rexeitamento dos menores a estas visitas nos chamados 'Puntos de encontro familiar'. Ademais, ao longo do seu relato, Ana tamén denuncia o trato recibido nos dous centros de menores polos que pasaron os seus fillos. Asegura, así, que a súa filla sufría castigos "encerrada soa nunha habitación escura", e que un dos seus fillos chegou a "presentar moratóns no brazo" nalgunha ocasión.
TRES ANOS SEN OS SEUS FILLOS
Helena, pola súa banda, hoxe e despois de tres anos, aínda non recuperou a custodia dos seus tres fillos. A máis cativa atópase cunha familia de acollemento, mentres que os outros dous menores están en cadanseu centro. "Non son quen de recuperalos, é todo moi complicado e moi humillante", relata Helena, que pode ver e estar coas súas crianzas por tempos limitados. "Eu estaba cunha depresión, pero o que necesitaba era axuda e apoio, non que me quitaran os meus fillos", explica.
Ao igual que Ana, Helena tamén denuncia a xestión da situación por parte da Xunta de Galicia, que "anula" a súa capacidade de participación na crianza e "dificulta" as relacións cos seus fillos: "Eles deciden todo e comunícanme moi pouco. Nas reunións síntome totalmente coartada, teño que estar calada; e se choro, dinme que con este estado emocional non podo ver os meus fillos. Pero eu estou así porque non estou con eles". Describe así un sistema que se retroalimenta, que "non funciona" e que "acaba facendo que te sintas lixo como nai": "ás veces penso que se soubera que ía quedar sen os nenos, prefiriría non ter denunciado os malos tratos que eu sufría. Antes non estabamos ben, pero agora seguimos sen estalo", denuncia Helena.
Helena decidiu non recorrer á vía xudicial porque o avogado de oficio lle asegurou que "non pagaba a pena". As diferentes fontes expertas consultadas coinciden en que o proceso de recuperar os fillos se converte nunha auténtica "odisea" que dura anos e que require de moitos recursos económicos e formativos. Deste xeito, aínda que a situación que motiva a quita de custodia é "transitoria" nos meirandes casos, "moitas familias non volven ter os seus fillos ata que cumpren a maioría de idade", especifica a avogada Sandra Garrido.
Tanto Helena coma Ana reclaman un sistema de protección de menores "máis humano" e no que as quitas de custodia sexan decididas nun xulgado. Por que, din, "os dereitos humanos máis básicos fallan". "Non hai compaixón, non hai empatía, destrozaron as nosas vidas", sentenzan, "pero aquí seguimos, porque é moi grande o amor polos nosos fillos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.