Persoal de Xeal demanda á Xunta "transparencia" e que esixa o cumprimento das concesións

"O que pedimos é claro: a fixación do persoal nos mesmos termos de 2019 e o cumprimento do convenio colectivo propio", remarcan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

Traballadores das factorías de Xeal (antiga Ferroatlántica) en Cee e Dumbría levaron as súas reivindicacións este xoves ás portas da sede do Goberno galego, ao que reclaman que esixa á compañía que cumpra coas condicións das concesións para a explotación de saltos hidroeléctricos na Costa da Morte, ligadas ao mantemento da actividade industrial, algo que, segundo denuncian, os propietarios desde 2019 do complexo non seguen.

Así o asegurou o presidente do comité de empresa, Alfonso Mouzo, en declaracións aos medios antes do inicio da marcha, que partiu da porta principal do edificio administrativo de San Caetano para dirixirse á sede de Augas de Galicia, ente ao que a compañía propietaria das factorías da Costa da Morte solicitou autorización para levar a cabo unha central de bombeo no municipio de Mazaricos.

Segundo explicou o representante sindical, a compañía "incumpre" as condicións de concesión da explotación dos saltos dos ríos Grande e Xallas que, como lembrou, están ligados ao mantemento "do 100%" dos postos de traballo e da actividade industrial nas factorías de Cee e Dumbría dedicadas á fabricación de ferroaleacións.

Isto, como apuntou, está "ratificado" por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditada en novembro de 2020, que determinou que explotación hidroeléctrica e produción industrial están ligadas e que os terreos expropiados para construír os saltos foron expropiados de forma "forzosa".

"Non entendemos que a Xunta poida darlle outra autorización administrativa para seguir explotando o río e o caudal hidrolóxico cando está a incumprir a concesión actual", remarcou Mouzo ao comezo dunha manifestación que abre un calendario de mobilizacións que seguirán o vindeiro xoves 22 de setembro cunha concentración ás portas da fábrica.

Os traballadores, que teñen previsto regresar á capital galega o 29 de setembro para volver manifestarse en defensa da actividade industrial nas súas factorías, aseguran que se perderon un total de 34 postos desde a compra das instalacións de Ferroatlántica por parte do fondo de investimento estadounidense Sixth Street Partners.

Sosteñen que o grupo Ferroatlántica segue estando detrás da actividade nas fábricas de produción de ferroaleacións e que o fondo "voitre" unicamente se dedica á explotación da parte hidroeléctrica. "Ferroatlántica segue sendo quen paga as nosas nóminas e despois pasa unha factura ao fondo. Son o principal provedor de materias primas e o principal comprador", aseverou Mouzo.

Para os traballadores, a Xunta "non pode mirar cara a outro lado" cando a actividade industrial "caeu en picado" desde a entrada dos novos propietarios. "Non nos queda outra que manifestarnos", continuou Mouzo, que tamén denunciou que a dirección das factorías deixou de aplicar o convenio propio para seguir o sectorial da provincia da Coruña.

"O que pedimos é claro: a fixación do persoal nos mesmos termos de 2019 e o cumprimento do convenio colectivo propio", remarcou finalmente Alfonso Mouzo, que subliñou que a Xunta "non pode estar de brazos cruzados" mentres isto ocorre e debe "velar polos intereses" de Galicia a través do exercicio de competencias.

Manifestación dos traballadores de Xeal nas factorías de Cee-Dumbría ás portas da sede da Xunta, en Santiago
Manifestación dos traballadores de Xeal nas factorías de Cee-Dumbría ás portas da sede da Xunta, en Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta