Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2022 | Actualizada ás 13:14
Os servizos xurídicos de CCOO gañan unha sentenza ao Concello de Pontevedra sobre conciliación laboral na policía local. Nela, recoñéceselle a un traballador da Policía Local de Pontevedra o dereito "a que se lle autoricen cambios de quendas con outros funcionarios por motivos de conciliación familiar e laboral, aínda que non se respecten once horas de descanso entre quendas".
O litixio remóntase á reclamación efectuada no 2021 ante Recursos Humanos do Concello de Pontevedra, tras denegar o Xefe de Policía solicitudes de cambios de quenda con outros compañeiros por necesidades de conciliación familiar por menor a cargo e pola situación laboral da parella do traballador, que é chamada a traballar de maneira discrecional segundo as necesidades (Sergas).
A pesar da motivación exposta polo traballador para xustificar o cambio de quenda e que a situación familiar é coñecida polos responsables, "por dúas veces denegouse en vía administrativa a solicitude", explica CC.OO, que recorreu vía xudicial. A maxistrada, tras distintas consideracións de tipo legal que amparan o cambio de quenda entre compañeiros, fundamentou o seu posterior fallo en dúas cuestións que para este sindicato indicarían "que se excederon as lineas básicas do respecto dos dereitos dos traballadores e traballadoras".
Por unha banda, que o concello de Pontevedra non argumentou nin acreditou que a prestación do servizo se vexa comprometida pola concesión de cambio de quendas; e pola outra, que a propia Administración demandada recoñeceu que, noutros supostos, non se cumpriron os períodos mínimos de descanso entre quendas, polo que "con máis motivo debe estar xustificado devandito cambio de quenda".
A sección sindical de CCOO no Concello de Pontevedra solicitará explicacións á Concelleira de Persoal, Carme Fouces Diaz, sobre este caso e que se proceda á investigación dos feitos por se se impediu, limitou ou obstaculizou de maneira premeditada o exercicio do dereito á conciliación. Por parte da asesoría xurídica do sindicato estase estudando pedir as responsabilidades que procedan polos danos e prexuízos causados ao traballador e á súa familia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.