O labirinto do fracaso escolar: falta de vontade, ausencia de medios e de profesionais

O fracaso escolar segue tendo unha presenza elevada na sociedade. Os factores detrás del son numerosos e cada un deles ten as súas propias raíces. Os profesionais do ensino piden o reforzo de cadros educativos e aumento de material para facer fronte ao estado das cousas, aínda así, recursos económicos son retraídos para o ensino concertado en vez do público.

Por Moncho Mariño | Santiago | 11/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O fracaso escolar é a suma de factores que van desde a desestruturación familiar, á desmotivación, unha política educativa errática ou errada e a falta de medios materiais e humanos no sistema escolar, sobre todo público, para un ensino de calidade e que saiba motivar o alumnado. Cada un dos motivos mencionados si pode influír de maneira individual no rendemento académico do alumnado. Unha familia desestruturada non ofrece o mesmo contexto de incentivo e motivación que unha familia estable. Aínda así, en referencia ao ensino público, este debera ser quen de equilibrar estas diferenzas en atención ás procedencias do alumnado. Mais outro factor a ter en conta foi a escolarización obrigatoria universal primeiro até os 14 anos e logo até os 16. Este último movemento fixo aumentar as porcentaxes de fracaso ante un sistema educativo público que nalgúns momentos tivo dificultades para a xestión do alumnado que non superaba materias.

Alumnado de educación infantil nunha aula dun centro educativo
Alumnado de educación infantil nunha aula dun centro educativo | Fonte: Europa Press.

EMOCIÓNS E FRACASO

Hipólito Puente, psicólogo educativo, en conversa con Galicia Confidencial sinala que boa parte do fracaso escolar actual está relacionado co manexo das emocións por parte do alumnado. “A desmotivación ten que ver coa xestión das emocións, sobre todo cando hai ansiedade e depresión”. Desde ese momento o fracaso académico é interpretado polo alumno ou alumna como un fracaso persoal e aí comeza un círculo de desmotivación que que leva á persoa a non sentirse válida.

“Non ter o título da ESO relaciónase directamente con fracaso escolar” sinala Hipólito Porta. Segundo as enquisas do Goberno central, as porcentaxes de abandono temperán dos estudos en 2022 está no 13,3% en España. Por outra parte, na ESO acumúlase un número importante de alumnos que non acadaron os obxectivos en primaria. Moitos e moitas deles pasan ao ensino secundario por lei ao non poder repetir por segunda vez.

Existen tamén outros factores de desenvolvemento profesional dentro do profesorado que inciden na progresión escolar. “Entendemos que o fracaso escolar está ligado ás políticas educativas da administración, neste caso da Xunta, en canto a atención a diferentes cuestións” di Lois Pérez do STEG. “As ratios por profesor, a atención á diversidade en alumnos con diferentes capacidades e alumnado estranxeiro e tamén aquel alumnado en risco de exclusión” son elementos que Pérez ve necesarios atender con prioridade se se busca a redución de porcentaxes en fracaso escolar. Os elementos mencionados por Lois Pérez sinalan o ensino público como aquel que equilibra e garante a inclusión e igualdade de oportunidades entre o alumnado.

FALTA DE MEDIOS E....DE ILUSIÓN?

A diminución de rateos por profesor axudaría na mellora da calidade no ensino. A maiores, Lois Pérez apunta unha necesaria “redución de horas lectivas como se viña facendo até o 2012, cando o profesorado tiña tempo para preparar proxectos e programas” específicos para a atención ao alumnado con necesidades específicas. “Sen solucións como estas é difícil a igualdade de oportunidades”.

A falta de apoios específicos contra o fracaso escolar fai que “o alumnado chegue ao seguinte nivel coxeando” sinala Puerta. A falta de coñecementos necesarios para afrontar un nivel superior vai danando ao estudante “mesmo a nivel emocional, non ten confianza e ás veces o comportamento ou manexo de emocións pode ser dun neno de 9 anos cando xa ten 12”. Temos entón un fracaso escolar cunha acumulación de factores que poden materializarse nunha “indefensión aprendida”, unha rendición do ou da estudante: “non podo estudar, non me concentro, non sirvo”.

A repetición de curso era, até hai ben pouco, unha vía de tentar “reconducir” o alumno. Este método xa era cuestionado hai anos e hoxe en día “perdeu validez” para a maioría dos e das profesionais educativas. O paso de primaria a secundaria sen ter todos os obxectivos compridos fai que “a maioría queira acabar segundo da ESO e pasar a unha FP básica, abandonan o instituto coa autoestima tocada e baixa”.

“Non debemos esquecer tampouco que desde o profesorado moitos profesionais suplen carencias dos centros públicos de ensino con voluntarismo” di Lois Pérez. A dispoñibilidade máis alá do horario lectivo e sen obriga ningunha de facelo tenta corrixir unha educación coxa. Mais isto debera ser doutra maneira, sen “retraer medios e profesionais do ensino público para o concertado ou privado”.

O fracaso escolar é un acumulativo de circunstancias políticas, sociais, de currículo, familiares e persoais. Un labirinto que se debe estudar punto por punto até dar coas claves que permitan, polo  menos, a súa redución a números máis reducidos que os últimos recollidos polo goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Tranquilos, a chamda lei Celaá topou a solución ao fracaso escolar, basta con aprobar á xente con varias materias suspensas e promocionala de curso para que atopen por sí mesmos o seu futuro académico e profesional... Se logo non son quen de atopar ese futuro, xa non será problema do Sistema Educativo. [E o peor é que existe un batallón de profes dispostas a dar por boa esta lei educativa de mínimos]