Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/10/2022 | Actualizada ás 18:40
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou este venres que a subida dos tipos de interese decretado polo BCE "é un disparate" e explicou que se trata dunha medida "que só beneficia á banca, pero que incrementará as hipotecas a unhas familias afogadas pola crise de prezos".
Pontón denunciou este venres desde Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) que "urxen medidas para evitar que miles de familias queden sen vivenda".
Ademais, subliñou que "non se pode permitir que sigan pagando a crise as familias ou o tecido empresarial que conforman as pequenas e medianas empresas".
A líder nacionalista sinalou que o descontrol dos prezos "non ten como orixe un aumento da demanda, as causas son outras". Tamén, resaltou que "o que se necesitan son medidas que poñan ás persoas no centro".
Doutra banda, a portavoz nacionalista criticou que o goberno do Partido Popular en Galicia "presenta uns orzamentos insolidarios e insolventes que se basean en previsións falsas".
Pontón fixo fincapé en que os orzamentos remitidos polo Executivo de Rueda "recollen unha previsión de crecemento económico que non se sostén" e que, deste xeito, "planifican unha política económica ficticia".
Ademais, reclamou un plan de rescate social no que "saia a atención primaria" e unha nova política económica "que poña Galicia a producir". Tamén destacou a importancia da aposta pola innovación que permita recuperar talento investigador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.