Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 12/11/2022 | Actualizada ás 20:36
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra celebrou os 20 anos da sentenza por conformidade na que Ence foi condenada por delito ecolóxico continuado esperando que o Tribunal Supremo lle dea a "puntilla definitiva" cando se pronuncie sobre o recurso á decisión da Audiencia Nacional que anulou a prórroga concedida á pasteira en 2016 para permanecer en Lourizán.
"De non ser por aquela denuncia", lembrou o presidente da APDR, Antón Masa, sobre o xuízo celebrado en novembro de 2002 na Audiencia Provincial de Pontevedra que condenou a seis directivos da pasteira, "non chegariamos onde estamos", destacou. "Elnosa xa non está", sinalou sobre a empresa química, "e Ence para nós ten os días contados", afirmou.
Nun faladoiro no que participou tamén o avogado da APDR, Vicente García Legísima, Masa sinalou que hai 20 anos vían "moi difícil" conseguir unha sentenza condenatoria e ao que aspiraban era a "sentar no banco dos acusados" aos responsables da fábrica.
"En cambio, logramos o máximo, en canto a que o que dicía a APDR sobre que Ence e Elnosa contaminaban por enriba do que permite a normativa, dicíao a lei", engadiu o presidente do colectivo ambiental.
Dúas décadas despois, Antón Masa destacou que "máis aló de que Ence contamine ou non, quedou probado que non pode permanecer en dominio público marítimo-terrestre, como ditaminou a Audiencia Nacional", algo que o Tribunal Supremo "ten que ratificar", confiou. No entanto, Masa advertiu que "Ence ten os brazos longos" e, aínda que desde a APDR confían na xustiza, non se "fían" dela.
RESPOSTA DE ENCE
Pola súa banda, a dirección de Ence cualificou de "inexplicable" a celebración da APDR sobre a condena a "unha empresa do pasado que nada ten que ver co que hoxe é Ence", en alusión ao seu accionariado, a súa actividade e os seus valores.
Nun comunicado, a factoría expresou o seu "sólido compromiso coa sustentabilidade e o coidado e respecto ao medio ambiente", ademais do "rigoroso cumprimento de toda a normativa vixente desde hai máis de 20 anos".
"Esa fábrica do pasado é a mesma do presente", replicou Antón Masa, "e a mesma que para a APDR non ten futuro", ademais de reiterar que "segue facendo dano".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.