Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/11/2022 | Actualizada ás 22:00
O cambio climático causado pola acción do ser humano é unha realidade, observable, medible e palpable. E Galicia non escapa dos impactos desta crise climática, aínda que os efectos están sendo e serán no futuro distintos aos doutras zonas da península ibérica máis expostas a cambios dramáticos nas próximas décadas. Con todo, a situación é moi preocupante tamén para o territorio galego.
Así quedou patente no XII Congreso Internacional da Asociación Española de Climatología (AEC) ‘Retos del Cambio Climático: impactos, mitigación y adaptación’, celebrado en Santiago de Compostela no mes de outubro, onde se presentaron estudos e datos que sinalan “a magnitude do cambio climático recente en España é variable espacialmente”.
O incremento da temperatura máxima anual media e a temperatura mínima anual media na península ibérica foi de 0,75 °C e 0,73 °C, entre 1991-2020
Con datos de 1.034 estacións termométricas da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) de 1961 a 2020 observouse que existe no territorio estatal un incremento medio da temperatura máxima anual media e a temperatura mínima anual media de 0,75 °C e 0,73 °C, respectivamente. Un quecemento que, como explican os expertos, “é moi heteroxéneo xeograficamente”, pero tamén por estacións, “sendo o incremento térmico superior na primavera e verán que no outono e inverno”.
Segundo os datos recollidos e analizados por científicos da Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible, nada no campus universitario de Vigo, no Laboratorio de Ecoloxía Aplicada, “España, pola súa peculiar situación xeográfica e relativa gran extensión presenta unha gran variedade de réximes térmicos” que “se manifesta nos contrastes espaciais na temperatura media das máximas anuais, desde os 17 °C a 21 °C do extremo norte peninsular, ata os máis de 24 °C de áreas da submeseta sur peninsular e depresión do Guadalquivir”. E esta heteroxeneidade espacial de réximes térmicos tamén se observa na temperatura mínima anual media.
Ao comparar os datos históricos dos períodos 1961-1990 e 1991-2020, obsérvase que tanto as temperaturas máximas medias como as mínimas experimentaron un incremento na totalidade do territorio estatal nas últimas tres décadas, a un ritmo de aproximadamente 0,25 °C por década de media, pero con diferenzas xeográficas.
AUMENTOS DAS TEMPERATURAS MÁXIMAS E MÍNIMAS
O 17,7% do territorio estatal atópase nunha franxa de incremento da temperatura máxima media anual entre 0,4 °C e 0,6 °C. A maior parte da área cantábrica, a campiña estremeña e a depresión do Guadalquivir están neste rango valores, segundo os datos que manexan estes expertos.
A maior proporción do territorio estatal, concretamente o 47,7%, mostra un incremento entre 0,6 °C e 0,8 °C. O extremo oriental da área cantábrica, interior de Galicia e a práctica totalidade da Meseta atópanse neste rango de incremento.
E o 28,7% do territorio presenta un incremento entre 0,8 °C e 1 °C, e corresponde aos rebordes montañosos da Meseta e a todo o cuadrante nororiental peninsular.
A área cun incremento por enriba de 1 °C representa o 5,9% do territorio e repártese entre a cordilleira pirenaica e os contrafortes orientais do Sistema Ibérico.
O interior de Galicia atópase entre os territorios nos que a temperatura aumentou entre 0,6 °C e 0,8 °C nas últimas tres décadas
O cambio na temperatura media mínima anual está máis concentrado (menor variabilidade territorial) que o cambio nas máximas. O 8,2% do territorio presenta un incremento menor de 0,6 °C, e a maior parte das grandes cordilleiras da Península corresponden a esta clase de incremento.
O 89,1% do territorio presenta un incremento entre 0,6° C e 0,8 °C. Todo o norte peninsular, ambas as submesetas e os seus rebordes atópanse neste rango de incremento, fóra de áreas urbanas concretas do centro peninsular, como Madrid, e da área cantábrica, como Bilbao, San Sebastián ou Santander.
O 2,7% do territorio restante experimenta un incremento de da mínima media anual superior a 0,8 °C. Destaca a área do levante peninsular, o centro da depresión do Ebro e a depresión do Guadalquivir, así como as xa citadas áreas urbanas.
O incremento da mínima anual superior a 1 °C localízase en áreas urbanas ou metropolitanas concretas como San Sebastián, Barcelona, Valencia ou Córdoba. Segundo os investigadores, “este feito revela que a magnitude do cambio na temperatura mínima é máis acentuado nas áreas máis urbanizadas”.
Doutra banda, observan un “marcado patrón de aumento da magnitude do cambio térmico cara ao oriente peninsular, que se acentúa tanto no levante mediterráneo como nos principais sistemas montañosos da metade este peninsular (Pireneos e os contrafortes orientais do Sistema Ibérico)”.
POR ESTACIÓNS
Por épocas do ano, a primavera presenta o maior incremento das temperaturas máximas, 1,37 °C, e das mínimas 1 °C, cun maior incremento das máximas na metade norte peninsular e os principais sistemas montañosos, e un patrón espacial máis heteroxéneo nas mínimas.
Séguelle o verán, cun incremento medio das máximas de 0,90 °C e de 1 °C das mínimas.
O outono presenta un incremento medio das máximas de 0,54 °C pero tan só 0,04 °C das mínimas.
Finalmente, no inverno o incremento medio das máximas foi de 0,58 °C e o das mínimas, de 0,33 °C.
A primavera presenta o maior incremento das temperaturas máximas, 1,37 °C, e das mínimas 1 °C, cun maior aumento na metade norte e os principais sistemas montañosos
“O patrón espacial do cambio na primavera e no inverno presenta unha maior heteroxeneidade que o das restantes estacións. Con todo, mantense un claro patrón de incremento da temperatura máxima media relacionado coa altitude. O verán e o outono delatan unha tendencia espacial máis nítida, cunha clara dicotomía entre a vertente mediterránea e atlántica, que se manifesta máis claramente na media das temperaturas máximas”, detallan os autores da investigación, presentada no Congreso da AEC en Compostela.
En definitiva, ao comparar os datos dos períodos 1961-1990 e 1991-2020, non hai dúbida para estes expertos de que “o clima recente é máis cálido”, aínda que con “notables contrastes espaciais entre a área mediterránea e atlántica peninsular no incremento das medias da temperatura máxima e mínima anual”.
SECAS
No mesmo congreso, investigadores da Universidad de León advertiron do avance das zonas áridas na península ibérica no futuro por mor do aumento das temperaturas e da diminución das precipitacións nas próximas décadas.
Así, con base nos datos históricos rexistrados no período 1981-2010, fixeron proxeccións para o período 2041-2070 nun escenario de cambio climático intermedio. Segundo os seus resultados, “as zonas da Península que parten dunha situación máis comprometida desde o punto de vista da dispoñibilidade hídrica son aquelas que acusan cambios máis severos no futuro a medio prazo baixo o escenario climático analizado”.
As concas do norte peninsular (Atlántico norte, Miño Sil, e Ebro) serán as que sofran maior redución do volume de auga no verán a mediados de século
Os datos mostran que “as zonas árido-semiáridas, como o sueste peninsular e o Val do Ebro sofren cambios máis evidentes na distribución espacial da seca”, con importantes incrementos na seca e na aridez. Mentres, as zonas consideradas “húmidas-perhúmidas”, entre as que se atopa o territorio galego, parecen acusar cambios menos severos e o seu carácter húmido parece manterse, aínda que con certas perdas, no escenario de cambio climático futuro.
Paralelamente, científicos da Universidad de Granada e do Instituto Interuniversitario de Investigación del Sistema Tierra en Andalucía, expuxeron datos que mostran que no peor dos escenarios do cambio climático que contemplan os expertos no que resta de século XXI, o verán é a estación que indica unha tendencia de redución das precipitacións máis acusada, sendo as concas do norte peninsular (Atlántico norte, Miño Sil, e Ebro) as que parecen máis afectadas no prazo medio, ao redor das décadas 2040-2050.
QUECEMENTO DO MAR
Outro dos impactos que preocupan é o quecemento da temperatura do mar. Segundo datos do proxecto MarRisK para as zonas litorais de Galicia e Norte de Portugal, e presentados tamén no congreso celebrado en Santiago, agárdanse importantes incrementos na temperatura superficial do mar para os períodos 2035-2045 e 2075-2085, de entre 2 e 4 graos, máis importantes no segundo período.
As proxeccións mostran que o aumento da temperatura media da superficie do mar no período 2035-2045, respecto ao período 1995-2005, podería alcanzar valores máximos de 1,5 e 2,5 graos nos meses de maio e outubro, respectivamente. Para a década 2075-2085 o ascenso máis forte obtense nos meses de abril e maio, alcanzando un máximo de 4 graos. Entre os meses de agosto e novembro o incremento non supera 1 grao de temperatura.
GALICIA REDUCE AS EMISIÓNS
A Estratexia Galega de Cambio Climático 2050 buca converter Galicia nun territorio climático neutro. Segundo a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda, “en pouco máis de ano e medio, a Estratexia xa comezou a dar resultados”, como se expuxo no mesmo congreso celebrado en Compostela.
Así, segundo os datos da Consellería, durante 2019 emitíronse 22,43 millóns de toneladas de CO2 equivalente en Galicia, o que supón un 23,8% por baixo do nivel de 1990 e 38,6% por baixo do nivel de 2005.
Galicia emitiu durante 2019 22,43 millóns de toneladas de CO2 equivalente, o que supón un 23,8% por baixo do nivel de 1990 e 38,6% por baixo do nivel de 2005
Para a Xunta de Galicia a estratexia pasa por poñer en valor a gobernanza rexional e local para afrontar os desafíos do cambio climático, así como “a imprescindible colaboración público-privada”. Un modelo que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mostro una súa participación na 27ª Conferencia das Nación Unidas sobre o Cambio Climático (COP27), en Exipto, onde asistiu a varios encontros nos que se abordaron diversas ideas para implicar ás administracións rexionais e locais no obxectivo común de acadar a neutralidade climática o antes posible, e aumentar a capacidade para afrontar os efectos do cambio climático.
Así, a conselleira, acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou nun evento organizado polo Comité das Rexións da Unión Europea no que se analizou o papel das comunidades como pedra angular na Acción polo Clima, traballando a nivel local para mellorar a resiliencia a nivel mundial, así como a posibilidade de que os exemplos locais se extrapolen a niveis administrativos superiores. A maiores, abordouse a relevancia de que a experiencia da UE sirva de base para acadar un Obxectivo Global de Adaptación ambicioso, pero, ao mesmo tempo, realista.
Vázquez salientou o esforzo que está a facer a Xunta como coordinadora do Pacto das Alcaldías en Galicia ao incrementar o número de concellos adheridos de 22 en 2017 —ano no que asumiu a coordinación desta iniciativa— aos 285 actuais, dos que 247 xa presentaron os seus Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES).
No que atinxe á colaboración público-privada, a conselleira lembrou que a Xunta está a promover a Alianza polo Clima de Galicia, que ten por obxectivo unir esforzos para situar o país á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático e que conta xa con máis de 30 entidades adscritas, como universidades, empresas, autoridades portuarias e entidades deportivas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.