Xosé Mosquera, líder do Partido Galego: "Queremos poñer en marcha a segunda edición de Coalición Galega"

Hai case dous anos nacía en Melide, no centro de Galicia como dixeron daquela, o Partido Galego. Un número importante dos seus cadros saíran de Compromiso por Galicia ante a "deriva socialdemócrata" do partido. Xosé Mosquera, presidente da nova formación reivindica os principios do Partido Galeguista para un partido "aberto". Nestes momentos están inmersos tanto na formación de agrupacións como en conversas con outras formacións políticas, sobre todo locais, para a creación de listas de cara as eleccións locais de 2023.

Por Moncho Mariño | Santiago | 03/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-De onde sae a necesidade de fundar Partido Galego e que inquietudes persoais ten detrás?
Partido Galego nace dun grupo de persoas das que algunhas estiveron no proxecto de Compromiso por Galicia (CxG). O proxecto de Compromiso xa non levaba a ningunha parte, estábase vendo na falta de concrecións internas e externas. Por tanto, algunhas persoas que aínda estaban nese grupo, eu xa non estaba, decidimos constituír Partido Galego. Este partido nace cuns parámetros saídos do galeguismo dentro dun marco máis amplo. En CxG o parámetro principal era a socialdemocracia, aquilo fóra dese parámetro parecía que xa non encaixaba. Con matices, creo que o marco é máis amplo que iso. O galeguismo e os propios galeguistas do 1931 xa o acreditaron, se queres representar un país o marco debe ser amplo pois levas detrás moitos segmentos sociais, non só un sector senón que tamén outros tamén importantes se queres que un país siga esa proposta política. Por tanto, dentro dun país hai posicións centristas, liberais, socialdemócratas e isto significa ter un abano flexible para chegar a todo o país. En termos como os que manifestei no proxecto constituínte, o partido vai dirixido para que nos entendan desde Amancio Ortega como quen traballa para el ou para outra empresa. Debemos traballar polo trato equitativo, pola xustiza e os valores que son importantes dentro dos grupos e da sociedade tamén.

Xosé Mosquera, presidente Partido Galego
Xosé Mosquera, presidente Partido Galego | Fonte: Partido Galego

-Un obxectivo moi ambicioso.
Si, si que é un obxectivo ambicioso. O único, necesita tempo, pedagoxía e explicarllo á xente. Digo isto porque se vemos un empresario como quen trata mal os traballadores, non se está tendo unha visión de país correcta. Tamén se parto da perspectica que todos os traballadores son malos, tampouco é correcta. Ese labor pedagóxico é difícil, sobre todo nunha política onde os clichés funcionan bastante ben, por desgraza para un sistema democrático. A democracia debe funcionar en base ao raciocinio, o pensamento, a discusión e o contraste de pareceres. Todo iso acredita o sistema democrático e non os clichés.

o partido vai dirixido para que nos entendan desde Amancio Ortega como quen traballa para el ou para outra empresa

-Cales son eses clichés aos que faría fronte o Partido Galego?
Un cliché que se poñen ao galeguismo é o de “separatistas”, pois non. Ese non é o noso punto de enmarque ou de onde partimos. Nós partimos da defensa de Galicia con toda a contundencia que debe empregarse, mais tamén acreditamos na súa relación directa co Norte de Portugal, porque cremos no desenvolvemento desa colaboración e porque responde ao cumprimento do Mandado Europeo, as Eurorrexións. Nese sentido imos na dirección correcta. Outro dos clichés é se ser de esquerda ou dereita. Se imos á orixe desta división, imos a unha orixe ridícula, pois a orixe estaba onde sentaban os deputados na asemblea francesa. Hoxe en día vai máis alá diso. Esquerda ou dereita é posicionar os electores nun sitio, mais cando se pensa no colectivo, no país, igual hai que unir forzas dun segmento e do outro.

-Cando se presentou a agrupación de Vigo, o secretario xeral, Maximino Vázquez dicía que o partido nace ante a necesidade dun cambio. Cre que a sociedade galega é receptiva a novas propostas políticas galeguistas?
O sistema democrático español a partir de 1990 perdeu calidade política. Até ese ano eu diría que os mellores en cada segmento político estaban en primeiro plano, mais transitoriamente, representando os valores que defendían. A recuperación diso é o que expresaba o secretario xeral, a representación dos verdadeiros valores democráticos, do diálogo, do contraste de pareceres, deixar as descualificacións, presentar proxectos con contido, creo que esa é a nosa liña. Levará tempo? Si. Que dentro da sociedade non hai un grao de receptividade importante cara iso porque está instaurada outra forma de facer política? Tamén. Aínda así penso que merece a pena ir por aí porque é unha aportación positiva á democracia.

-Quen representaba entón aqueles verdadeiros sentires democráticos?
Persoas que estiveron aí e logo deixaron de estar. Eran persoas cunha traxectoria profesional moi importante, outro nivel e pasado o tempo gañaban máis na súa profesión que na política. Houbo un problema, a política a partir de aí recolleu persoas que non eran profesionais e tiñan escasos coñecementos e iso traduciuse en propostas inconsistentes.

-En 2023 temos as eleccións municipais. Estarán preparando as listas de candidaturas. Onde presentará Partido Galego as súas listas?
O partido galego diríxese a toda a sociedade. Algunha lista está aberta e consolidada. Nalgúns lugares o Partido Galego presentarase coa súa denominación, iso sucederá en máis dun lugar. Ademais imos sumar forzas con outros grupos que comparten posicións co Partido Galego e que xa acreditaron a súa representación en distintos concellos. Con eles levamos falando durante os dous anos de existencia que ten o partido, falamos sobre sumar forzas. Isto non deixa de ser algo similar ao acontecido co nacemento de Coalición Galega. Que inicia con dous grupos, Partido Galeguista e Centristas de Ourense a quen se sumaron outros grupos locais que logo acordaron a constitución formal de CG.

Esquerda ou dereita é posicionar os electores nun sitio, mais cando se pensa no colectivo, no país, igual hai que unir forzas dun segmento e do outro

-Con que grupos estiveron negociando e intercambiando impresións?
Falamos cun bo número de grupos. Especialmente diríache algúns e outros case que non se poden citar porque a presión nalgunhas zonas é tan forte como para evitar esas mencións, todo para que os poderes fácticos non estraguen o traballo. Outros si podemos mencionalos como o grupo que goberna en Arzúa, falamos co grupo local que goberna Becerreá encabezado por Manuel Martínez, isto por dicir dous lugares. En Ourense tamén falamos con grupos consolidados en Xinzo, co grupo da alcaldía de Sandiás e outros máis. E agora iremos sumando forzas co obxectivo común de poñer en marcha a segunda edición de Coalición Galega.

-A Coalición Galega de González Mariñas.
Foi candidato para unhas autonómicas, era cabeza visible. Tamén é certo que a cabeza, o substrato e o poder empresarial detrás de CG, foi Eulogio Gómez Franqueira, creador de Coren, que logo, por desgraza, non puido continuar pola súa doenza.

-Cal é a pegada máis importante que herda Partido Galego do Partido Galeguista?
Eu diría que dúas cousas principais. O espírito galeguista de ampla extensión, porque o primeiro Partido Galeguista tiña un espectro moi amplo anque quixeron dividilo. Falo do partido de Risco, Castelao, Suárez Picallo e outros, con segmentos políticos máis ou menos diferenciados. Outra nota que tiñan e compartimos desde Partido Galego e eu persoalmente, é o europeísmo. Eu non acredito outro sitio para desenvolver a nosa política que non sexa Europa, non hai outra posibilidade.

-Durante as negociacións ou encontros coas organizacións contactadas, foron esixentes no momento de negociar puntos en común e puntos de onde non se moverían?
En xeral, con estes grupos as posicións xerais son moi próximas. Estes principios globais de extensión e apertura do espazo político con europeismo e outras esixencias de transparencia, eran principios asumidos polos interlocutores que tivemos este tempo.

-Durante as interlocucións e mesmo sen que houbese, cre que o Partido Galego tocou algunha fibra sensible dentro dos grandes partidos en Galicia, PP, PSOE ou BNG?
Algo por aí hai. Realmente o Partido Galego, polo seu carácter dialogante, aberto e amable, nun momento dado algunhas persoas que estivesen no PP ou PSOE ou mesmo apoiasen o BNG, poden sentir que están máis cómodos no Partido Galego. Algún militante socialista pois seguramente vaia nalgunha das nosas candidaturas porque as ideas e posturas son semellantes. Todo se pode falar e entenden que aquí o grao de discusión e contraste está entre as persoas que formamos o partido.

-Cal sería o lugar onde terían actualmente unha base ampla de votantes potenciais?
Podería dicir Ourense e concellos limítrofes, porque xa hai un substrato importante. En Lugo e partido xudicial, Santiago, puxemos en marcha Vigo para ter o seu papel relevante no medio desa dialéctica absurda de “yo Vigo, el otro no”. Nós queremos ir máis alá desa diatriva en Vigo, primeiro é a cidadanía.

Eu non acredito outro sitio para desenvolver a nosa política que non sexa Europa, non hai outra posibilidade

-Cales son as propostas que fai o Partido Galego para temas como a pesca, enerxía, industria, rural e emprego?
Sobre a pesca, que me tocou nalgún momento estar na responsabilidade da pesca, sentín que desde a Meseta non se pode gobernar a pesca. Estou absolutamente convencido, porque o que non ve o problema no seu contido é imposible que entenda todo o que hai detrás. Por iso sinto que o Estado non ten unha explicación convincente diante da UE para desmontar a prohibición da pesca de fondo. A defensa deste sector para nós debe ser contundente. Sobre a enerxía sabemos que Galicia é unha das máximas produtoras de enerxía, cal é a contrapartida? Non a coñezo. Realmente alguén que ten unha construción radial como é España onde todo acaba en Madrid, a nosa produción vai para fóra e nós vemos a invasión de muíños, embalses e eles usan enerxía. Nesa relación debe haber unha relación máis equitativa, que Galicia debe sacar rendemento para a súa cidadanía por soportar todas as infraestruturas e dificultades da xeración de enerxía. A industria leva moitos anos de desmantelamento porque quen son representantes dos dous grandes partidos, PP e PSOE, a industria galega tanto lles ten. E o seu peso en Madrid para que realmente haxa unha toma de decisións a favor dun desenvolvemento tecnolóxico nalgúns sectores non lles ten interese.

-Sobre a actual situación que vive a sanidade galega, cales son as principais propostas do Partido Galego?
No ano 2008, primeira grande crise do espazo europeo, nese momento a decisión foi recortar porque había máis gastos que ingresos. Así e todo, non dixeron onde recortar e así PP e PSOE recortaron en todo menos na estrutura do aparato político-administrativo. O Partido Galego entende que nese aparato hai moitas cousas para recortar. Probablemente recortando nese terreo habería recursos para abondo para a sanidade. O Senado, por exemplo, para o Partido Galego ou pasa a ser unha cámara territorial e con moitos menos membros, ou relamente non pinta nada. Unha cámara sen peso político é un cemiterio de elefantes. Comecemos quitando de aí. Asesores, hai necesidade de ter vinte e sete asesores? Realmente non, preferimos ese gasto a non facelo en sanidade. Por iso crearon despois os contratos por unha hora, dúas ou tres. Con iso desanimamos a quen quere exercer a sanidade racionalmente. Así moitos dos sanitarios formados aquí marcharon para outros territorios. Debemos gastar máis e darlles estabilidade.

-Sobre a lingua temos o “decreto Feijóo”, tres linguas: galego, castelán e inglés. A este modelo xunto co modelo de educación concertada, cal é a postura de Partido Galego?
Sobre a lingua a posición é non discriminar a ninguén. Mais agora, desgrazadamente, co galego o decreto Feijóo dificilmente permite o desenvolvemento do galego, sería mellor o decreto Fraga, quen fixo un pacto da lingua máis xeneroso para o galego. Por aí a lingua, especialmente o galego, ten que verse favorecida especialmente. Nós non podemos ser o aplaudidor de Galicia Bilingüe, un aparello montado para eliminar progresivamente o galego. Iso non o asumimos. Nos promocionaremos unha lingua minorizada que require un tratamento especial. A nosa posición non é contraria a aprender máis linguas para termos máis oportunidades.

A industria leva moitos anos de desmantelamento porque quen son representantes dos dous grandes partidos, PP e PSOE, a industria galega tanto lles ten

-Cales serían os primeiros pasos de Partido Galego se tocase a Xunta?
Aínda queda lonxe, mais iriamos con pasos para defender todos os sectores produtivos galegos incluído o medio rural. Porque algúns só o mencionan cando hai unha campaña electoral. Nese medio rural hai que mancharse e por iso digo que realmente se debe priorizar a nosa realidade con políticas a medio e longo prazo, isto en todos os sectores tamén. Así poderiamos ter unha mellora nas condicións dos galegos en xeral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Hainos que nunca cansan de falar no deserto... https://youtu.be/5ASJwrgRckQ?t=823 As Deputacións non estaban mortas ? Será que seguimos vivindo nun Sistema Zombi ?